CARLOS CASTILLO

PROGRAMA 2

Sala (S8) Palexco | Sábado 7 de xuño | 17:00 horas | Entrada libre a todas as sedes ata completar aforo. Non será posible acceder ás salas unha vez empezada a proxección.

Interacción Super 8 Realidad: «Píntate de colores»
Carlos Castillo | 1985 | Venezuela | Performance en Super 8 | Duración variable

O pintor pintado, poderíaselle chamar a esta sorte de xogo de espellos que une, desde o material, a pintura e o cinema. 

Ciudad vs. Arte
Carlos Castillo | 1981 | Venezuela | Super 8 | 10 min

E a pintura desenvólvese ata irromper e ser acción protagonista en Ciudad vs. Arte. Acción manual, inédita, efémera convertida en performance. Troco de papeis: o director é pintor e actor; o cadro que se pinta sobre a paisaxe é protagonista; a man tentea e elixe pinturas que tapan a paisaxe e aparece «a obra». O director-pintor devén destrutor-censor ao rebentar a marteladas o vidro que contén o cadro-protagonista e que deixa ao descuberto unha «paisaxe natural». Xestos non exentos de ironía. Capas e capas de significados elaborados «á man» que nos levan a pensar nese primeiro cadro que saíu do marco e rebentou o lenzo: As meninas, de Velázquez. En ambos o espectador é convocado á elaboración da adiviña, como en Le Mystère Picasso, que dirixiu Henri-Georges Clouzot. (Ángela Bonadies)

Transformaciones
Carlos Castillo | 1981 | Venezuela | Super 8 | 7 min

Transformaciones é unha obra na cal o autor aborda o tema da liberdade de xénero. As imaxes en movemento e a acción que se sucede permite, ao xuízo de Castillo, abrir unha fiestra ao libre pensamento e a libre interpretación do que se ve. «To be or not to be, 

that is my film», dinos o autor. 

Intento de vuelo fallido
Carlos Castillo | 1982 | Venezuela | Super 8 | 21 s

A deconstrución dos códigos visuais cinematográficos ten a súa expresión máis aguda na obra Intento de vuelo fallido de Carlos Castillo, unha pequena «obra mestra» da contextura experimental do cinema Super 8, que non só excede o seu medio e formato, así como a narratividade asociada á «imaxe en movemento», senón que ademais é efectivamente «invisible», «impresentable». A súa realización semella un xogo: guindar unha cámara de Super 8 acesa e gravando desde o que era, nese momento, o edificio máis alto de Caracas. A película filma os planos da súa propia caída acelerada, unha sucesión de planos cromáticos que non é posible identificar nin en termos do que en cada un se «rexistra» (fiestras, columnas, paredes, ceo ou chan) nin na súa propia configuración formal en canto imaxe (cor, composición, formas ou figuras). O que se percibe e se aprehende é a impotencia da visión —da percepción— para distinguir esa mobilidade extrema e extenuante, esa vertixe da «caída libre». Ante a ausencia de visibilidade, esa imaxe acciona o corpo que cede ante a abafante incerteza do movemento. A «imaxe en movemento» no extremo da súa propia cinestesia faise «invisible» e migra na súa posible visualización cara a outros medios: un despregable que copia cada un dos cadros que compoñen a secuencia móbil, expoñendo deste xeito as súas propias condicións materiais de produción como estratexia para se facer visible. A práctica cinematográfica alude, daquela, explicitamente á súa dependencia estratéxica con respecto a outros discursos, a outras lóxicas, desde os cales acontece como visible. (Sandra Pinardi)

Se alquila ciudad
Carlos Castillo | 1983 | Venezuela | Super 8 | 40 min

Con ollo atento Castillo mergúllase nas ameazas potenciais e materiais que o rodean. […] No caso de Se alquila ciudad somos suspendidos no aire, mais agora é grazas ao silencio profundo dunha cidade baleira, inhóspita, deshabitada. Durante case tres horas de película, o artista percorre as principais avenidas da capital no censo do ano 1982. Recantos despoboados, rúas afónicas e semáforos inútiles abren paso á mirada turbia dun cidadán perdido que tenta atopar o norte, metáforas apocalípticas dunha desolación que hoxe tamén respira nas doenzas dos nosos espazos urbanos, contornos que cederon ante a desidia institucional, a violencia imperante e a inseguridade do día a día. (Lorena González Inneco)

50•90… era jugando
Carlos Castillo | 1990 | Venezuela | 35 mm | 16 min

50•90… era jugando narra a experiencia dunha parella que acaba de casar e que chega a vivir nunha casa herdada pola protagonista. Castillo describe a trama da seguinte maneira: «Unha parella recentemente casada establécese nunha casa herdada da avoa dela. Todo é descubrir, gozar, vivir felizmente e en harmonía. No entanto, el descobre que un cuarto pechado é o escondedoiro secreto dela. Nese cuarto, ela lembra o seu pasado familiar. El enfróntase a ela, repróchalle non formar parte dese mundo nin do dos seus devanceiros. Molesto, altera fotografías, danándoas e ridiculizando os antepasados utilizando os seus traxes. A parella pasa de vivir felizmente a tocar as portas do inferno». 

CARLOS CASTILLO

FEITO EN VENEZUELA

No labor infindo de descentralizar o canon, mesmo un canon xa de por si periférico como é o do cinema experimental, poñer no seu xusto lugar o Super 8 feito en Venezuela é unha tarefa incompleta. Dentro desa galaxia que aínda permanece oculta neste lado da Terra, Carlos Castillo (Caracas, 1942) é un dos seus máis brillantes asteroides. Personalidade da vangarda, escultor, deseñador, artista conceptual, performer e cineasta superoiteiro, Castillo ten unha obra rebordante de humor, de aceda crítica, de experimentación formal e inventiva plástica desbordante. O seu cinema (tanto a súa actividade como o seu activismo ao respecto) foi un dos motores da singular efervescencia artística que se viviu nos anos 70 e 80 en Venezuela. Un cinema que, como sucede en casos como o arxentino, tivo o Super 8 como formato de confianza e impulsor dunha estética propia. 

Mais primeiro debuxemos un pano de fondo para esta historia. Nos anos 70, a bonanza económica fixo que se cuñase o termo «Venezuela Saudita» como expresión da riqueza petroleira do país e as súas consecuencias nos modos de vida da xente. Unha moeda de dúas caras, na cal por unha banda estaba un consumismo exacerbado e, pola outra, un cosmopolitismo cultural, que trouxo consigo unha arte que buscou no conceptual e na performance unha rebelión contra o capitalismo feroz. Non esquezamos, tampouco, que Venezuela foi unha das primeiras democracias da América Latina e que nese momento existía certa estabilidade política no país. En 1976 arrinca en Caracas o Festival Internacional de Cinema de Vangarda en Super 8, fundado por Julio Neri e Mercedes Márquez, á calor da cal Castillo empezou a facer películas, para se encargar logo de dirixir o festival. Como explica Pablo Gamba no seu artigo «Carlos Castillo y el cine venezolano de vanguardia en Super-8», nel exhibíronse «obras de Stan Brakhage e da realizadora arxentina Narcisa Hirsch, por exemplo, e entre os que visitaron o país estiveron Chris Marker e o estadounidense Lenny Lipton, autor de The Super 8 Book». O festival formaba parte dunha federación internacional que fixo posible a circulación de películas en ambas as direccións, no marco dun rico ecosistema transnacional. Como se ve, é un movemento moi ligado ao formato, que foi tomado como medio de expresión por artistas multidisciplinares. Non só a economía é o que move esta escolla. A investigadora Isabel Arredondo, na súa contribución ao libro Ismo, Ismo, Ismo, aventura:

O uso do formato Super 8, no cal se filmaron todas as películas experimentais venezolanas, pode ser unha necesidade, mais tamén supón unha rebelión contra o consumismo. As películas en Super 8 teñen pouco valor comercial porque non se poden duplicar e, xa que logo, vender ou exhibir en salas de cinema. Unha das respostas á comercialización da arte é empregar un formato sen valor comercial, outra usar o corpo como obxecto de arte.

Isto último fai referencia á importancia da performance nese momento (para cuxo rexistro se usou o Super 8) e ao valor contracultural dese cinema. Así floreceu unha incrible escena de cineastas do Super 8, cuxa celebridade se consagrou coa visita a Cannes de Carlos Castillo, Julio Neri e Diego Rísquez, nunha mostra de traballos dos tres organizada ao fío da selección na Quincena de Realizadores de Bolívar, sinfonía tropikal (1980), longametraxe de Rísquez integramente rodada en Super 8 e protagonizada por artistas, que propuña unha visión alucinada da conquista de América. 

Neste contexto, Castillo (que empezou no debuxo para logo se dedicar á escultura nos anos 60) adopta o cinema como terreo de xogo, non por iso carente de visión e ambición artística. As súas primeiras obras traen consigo un comentario aos medios de comunicación e á cultura de masas, alén de xogaren coas expectativas que xeran as convencións da linguaxe do cinema mainstream e a televisión, sacudindo o papel do espectador neles. Así, a súa primeira película, Matiné 3:15 (1976), é a réplica/parodia dunha función de cinema cos seus anuncios, os seus avances e a súa (malograda) película. T.V.O. (1979) é unha visión surrealista que funciona como alegoría do poder da televisión. Manos arriba!! Esto es un atraco (1980) subverte os códigos das películas de cinema negro e das crónicas de sucesos e rise deles. Desta primeira época do cinema de Castillo é unha das súas películas máis emblemáticas, Hecho en Venezuela (1977), unha visión crítica da riqueza petroleira e da miseria que hai no seu reverso. Usando a linguaxe das mensaxes institucionais, Hecho en Venezuela amosa un trío de capitalistas de frac a bailaren nun vertedoiro, como expresión dos dolorosos contrastes da sociedade daquel tempo. A propósito diso, di Castillo nunha entrevista realizada por Ángela Bonadies para a revista Tráfico Visual:

Creo que nas miñas películas e no meu traballo hai dous ingredientes permanentes, o humor e o drama. Partir dun chiste e terminar representando o contrario. É a forma en que me movo e vexo as cousas, dun extremo a outro. Escenas divertidas que no fondo esconden situacións dramáticas. Hai que ter unha visión propia para convivir con esta realidade e con esta ficción, e as traducir. 

O segundo programa artéllase arredor de obras dos anos 80, nas cales hai unha clara busca relacionada coas artes plásticas e tamén un intento de representación da propia cidade de Caracas. É o caso de Ciudad vs. Arte (1981), na cal Castillo «pinta» sobre a cidade diante da cámara, ou Intento de vuelo fallido (1982), un dos fitos da súa obra fílmica, onde Castillo tira unha cámara de Super 8 da Torre Oeste de Parque Central, o edificio máis alto de Caracas (aínda en construción daquela), co cal consegue, así, unha brevísima película abstracta, que Castillo mostrou varias veces en forma de instalación, convidando os espectadores a colgarse duns arneses para emularen esa suspensión no aire da caída libre. 

As dúas sesións estarán precedidas, nunha ocasión única, de dúas das súas Interacciones Super 8 Realidad, serie de film performances ideadas por Castillo nos anos 80, nunha inusitada mostra de cinema expandido feito en Venezuela. 

No ano 2024 dedicóuselle unha ampla exposición titulada «Carlos Castillo. C.C.T.V.: Casi Todo 1963-2011» en Caracas (unha alianza entre a Galería Carmen Araujo Arte e a Sala TAC), que dá conta dunha longa e rica traxectoria que non parou no século XXI. É indispensable, pois, que esa riqueza venezolana que nada ten que ver co petróleo transcenda as súas fronteiras e pase a ocupar o seu merecido lugar no cinema e na historia da arte de vangarda mundial. 

Elena Duque