ESPERANZA COLLADO. SKATE OR DIE

Xuñ 4, 2021 | Artigos, Destacados

En 2014, a artista, investigadora e docente Esperanza Collado tróuxonos a súa performance We Only Guarantee the Dinosaurs: unha particularísima investigación en torno ás posibilidades das proxección con proxectores móbiles, xogos de luces e sombras, sons “en off”, obxectos, películas, bucles e xogos co propio corpo que tomaba o espazo e o convertía en algo asemade reflexivo, maleable e mesmo, por momentos, humorístico. Sete anos máis tarde, Collado volve cunha performance coral na que exerce como “directora de orquestra” dun grupo rico e heteroxéneo de artistas e skaters, que expanden a súa práctica e a complementan, nun evento único e irrepetible.

Como nos conta Collado a continuación, todo comezou cun monopatín.

Esta peza parte en principio dun interese polo skateboarding que comezou o ano pasado cando estaba en residencia en Taipei. No estudio onde estaba había moita distancia dende o espazo de traballo ata o meu cuarto. Entón, outro artista convidoume a usar o seu skateboard para desprazarme dun sitio a outro. A partir de aí, e de comezar a patinar un pouco e a ver unha morea de vídeos, imaxinei que podería ser interesante introducir o skateboarding no cinema expandido, na proxección e nunha situación cinematográfica espacial. O seguinte que pasou foi que volvín a España a finais de setembro, e o primeiro día de clase (eu dou clase en Cuenca, na Facultade de Belas Artes) vin entrar seis ou sete alumnos con skateboards, e pensei: “isto promete moito!”. Houbo un grupo marabilloso este ano na clase, ademais doutra xente á que xa coñecía de anos anteriores polo feito de estar pola facultade. Eu sabía que a algúns interesáballes o cinema, que estiveran en rodaxes. Tamén hai como unha subcultura dentro do skateboarding que fai cine en super 8 e en 16mm. A partir de aí montamos un proxecto dentro da clase, o “sk8 super 8”, co que filmamos unha serie de bobinas de super 8. Despois ocorreu que me convidaron Valentina Alvarado e Carlos Vásquez a Barcelona a este proxecto que bautizaron como “Ollo rima con máquina” (creo que foi a primeira sesión) a facer unha performance. Había pouco tempo e non quería facer unha performance tan elaborada como We Only Guarantee the Dinosaurs, senón máis ben algo improvisado, e pesei, falando con eles, pensando que en Barcelona hai unha cultura moi forte de skateboarding, que por que non ir á praza do MACBA, por exemplo, e recrutar alí un par de skaters. Despois, falando con outros artistas que coñezo alí, Mario Santamaría en concreto díxome que a praza do MACBA non era o contexto “pro”. Daquela houbo que ir a un lugar onde estaban os skaters máis “pro”, e apuntáronse dous. Así comezou a performance. O título (Kicked with the Front Foot on the Dark Side of the Deck) está baseado no nome dun truco dos que se fan no skateboarding. A experiencia estivo moi ben. As películas que uso para este traballo veñen dunha performance anterior, de 2010, que de feito foi a miña primeira colaboración con Max Le Cain, Rafa del Pozo e Víctor Esther García. Damien Sanville (que está aquí este ano convidado para o encontro dos microcinemas) tamén participou na preparación desta performance. Son todo bucles, pero todo intervido a man. Rescatei estes bucles para esta performance, e foi curioso porque o espazo ía cambiando. En Barcelona foi moito máis sinxelo có que logo xeramos en Cuenca. Cando volvín a Cuenca, conteilles ás miñas alumnas o que fixeramos en Barcelona, amoseilles fotos, e axiña tolearon e dixeron: “probemos isto”. Daquela en xaneiro estivemos dúas semanas nunha sala de exposicións na facultade completamente escurecida, sen ventás, e todas as tardes iamos probar cousas. Pouco a pouco as alumnas ían traendo máis material: unhas luces, unhas teas, unha estrutura de madeira… Foi moi cómodo porque o fixemos na Facultade de Belas Artes, onde materiais hai todos os que queiras. Finalmente estabamos vinte persoas participando. Foi moi interesante, e moi caótico tamén. Despois fixemos unha presentación pública, que foi na época de máis incidencia de Covid e máis restricións, polo que non podía entrar moita xente no espazo. Aquí o que traemos é algo moito máis reducido, o cal está ben porque dese xeito podémolo controlar un pouco mellor. Hai espazos que tamén convidan á improvisación, e a xente que traio son persoas cuxa práctica é moi interesante: está Guillermo Grande, Javi Montero, Paula Guerrero, Tzuhan Hung, que era unha estudante de máster… É unha mestura de persoas que estaban no grao e doutras que xa remataran a carreira ou o máster.

PUBLICACIÓNS RECENTES