(S8) MOSTRA DE CINEMA PERIFÉRICO

(S8) Mostra Internacional de Cinema Periférico nace en 2010 na cidade da Coruña, en Galicia, ao norte de España. O principal foco do festival é, desde esa primeira edición, o cinema experimental e a creación contemporánea, con especial atención á realizada en formatos de cine analóxico. O (S8) é unha mostra non competitiva que, nas dúas primeiras edicións, se celebrou no Antigo Cárcere da Coruña, con algunhas variacións de emprazamento, ata chegar á nosa actual configuración que se artella principalmente entre a Sala PALEXCO, o Centro Galego das Artes de Imaxe – Filmoteca de Galicia e a Fundación Luis Seoane, entre outras sedes repartidas pola cidade. 

Ademais dos diferentes programas, focos, retrospectivas, instalacións e exposicións que cada ano compoñen a programación, unha das marcas do (S8) é o espazo adicado aos filmes-performances e ao cinema expandido a través da súa sección Desbordamentos. A un tempo, como cremos na importancia da difusión do coñecemento e a creación de tecido comunitario, outro dos focos da Mostra son as actividades didácticas, entre as que se contan master classes, cine-conferencias e obradoiros a través dos cales queremos difundir a cultura cinematográfica. Cremos tamén no cinema como ferramenta de inclusión social e así o defendemos no programa XPRESA. No festival, ademais, hai un espazo para o intercambio profesional, o Observatorio, no que cada ano se trata un tema de interese dentro do ámbito do cinema experimental, e un programa de asesoramento, INPUT, adicado a conectar unha selección de proxectos en desenvolvemento con diferentes especialistas de prestixio internacional. Este apoio a creadores emerxentes esténdese tamén ás nosas Becas Artísticas Internacionais de Creación Audiovisual, que cada ano sacamos adiante co apoio de AC/E e a Liaison of Independent Filmmakers of Toronto.

O nome da Mostra é unha alusión ao super 8: este formato de cinema doméstico personifica as características do cine que desde aquí se defende. Un formato analóxico, persoal e popular que, ademais de conservar a nosa memoria recente, permitiu florecer a independencia e a liberdade necesarias para os primeiros (e arriscados) pasos de cineastas hoxe recoñecidos mundialmente, e que foron unha peza esencial no cambio de paradigma do método de traballo do cinema, pois permitiu ao cineasta traballar con autonomía. O (S8) xunta así, no seu alegórico nome, un triplo propósito: recoller o espírito vangardista e experimental -sen límite de formatos- que simbolizan estes pioneiros traballos en super 8 e 16 mm, dar conta do rico panorama de cineastas que seguen empregando a película de pequeno formato en pleno século XXI e revisar tamén esta historia recente do cinema nun fundamental exercicio de recuperación e memoria.