Entrevista con María Ruido. Da maternidade, o feminismo mainstream e outras cuestións que (re)pensar

Xuñ 4, 2018 | Entrevistas

María Ruido (Foto: María Meseguer)


Cóntanos sobre os teus primeiros traballos e o teu vínculo coa Coruña.
A proposta de Le Paradis parte de recuperar os primeiros traballos que eu fixen diante da cámara, non detrás, e pechar este círculo para relacionalos coa etapa na que aínda vivía en Galicia, xa que estaba a facer parte do meu traballo aquí. Efectivamente, son traballos de videoacción moi ligados á miña tese doutoral, que era sobre feminismo, teoría fílmica feminista e sobre a representación en pantalla do corpo das mulleres. E, moitas desas liñas reaparecen, e creo que non é casualidade, neste último traballo, pero están aí desde o principio. A verdade é que a proposta de Ángel e Ana me pareceu moi oportuna, porque se gravaron aquí, na escola de cinema, na antiga escola de imaxe e son, e dalgunha maneira ten moito que ver con eses comezos aquí.
Cambio de estratexia, aínda que te mantés no foco. Como pasaches desas primeiras representacións a un traballo como La memoria interior, no que recorres á túa intimidade pero xa non estás tan frontalmente diante da cámara, que ten máis que ver coa recuperación dun arquivo persoal (que marca un pouco a liña que vas ter despois)?
Pregúntanmo continuamente. Por unha banda é verdade que todos os meus traballos son moi subxectivos e o meu corpo está moi presente e tamén cando estudas moito, es moi consciente ou empezas a ser consciente de que hai algo de cousificación sempre que pos un corpo diante da cámara, e moito máis se es muller, e eu que son unha moi boa alumna de Laura Mulvey, dalgunha forma negueime a saír en cámara como tal, sobre todo como personaxe. Esa consciencia de estar en pantalla fíxose mais grande, pero sempre digo que foi un paso natural, pasar dun corpo persoal a un colectivo, pasar de narralo desde o corpo para narralo co corpo, pero doutra maneira e tendo en conta ese corpo colectivo, esa memoria que poderiamos dicir que é un dos fíos que atravesa todo o meu traballo. Así que foi un paso como moi fluído. Tamén é verdade que La memoria interior foi unha especie de experimento porque é a miña primeira película e non sabía que era un ensaio audiovisual, ou non era moi consciente de sabelo. Sabía que non quería facer ficción, pero tampouco me acababan de convencer as formas do documental ou do documental de autor. E, por outra banda, tiña este referente moi forte que é Margarite Duras, que segue sendo un referente e que está moi presente na exposición, que a maneira de contar a historia, ou facer contranarrativas históricas era falar en primeira persoa. E foi un intento, unha intuición, que foi moi frutífera, porque deu paso a unha serie de traballos. Sempre o dixen, todas as películas que fixen despois están contidas en La memoria interior.
O teu traballo está moi ligado á escritura e á lectura. Como traballas esas dúas facetas, de escritura e montaxe? hai paralelismos, o un axuda ao outro? Chamar ao teu programa A imaxe que pensa vén de que as túas películas, como a escritura, parecen servirche para ordenar ideas. E para conectalas.
Absolutamente. Para min a montaxe, que é a clave da construción da película, funciona como cando estás editando un texto. Editar en vídeo dise da mesma maneira, e creo que ten moitísimo que ver coa escritura, en certa maneira é ordenar unha serie de ideas, propoñer unha tese, polo menos propoñer preguntas, que creo que é o que propoñen os meus traballos. Veño do mundo da teoría, da historia, estudei historia, contemporánea, historia da arte, logo estudos culturais, e dese repensamento desde a palabra á imaxe. É verdade que estamos nun mundo moi logocéntrico, a pesar da multiplicidade de imaxes, temos unha educación moi ligada á palabra, e a palabra está nunha xerarquía aínda maior que a imaxe. Cando se fala de pensar o mundo, facer ensaio, todo o mundo pensa en facer un ensaio con palabras. Pero neste proceso de circulación da palabra á imaxe, aprendín que a imaxe é un instrumento moi potente e moi potente politicamente para pensar o mundo. Pero evidentemente esa circulación entre ideas que nacen das palabras e dos libros, e que pasan ás imaxes está aí. Moitos deles son de ensaio, de socioloxía, de antropoloxía, e non en balde, cando antes falaba da miña tese doutoral, e falaba de teoría fílmica, efectivamente, para min, os primeiros e os grandes referentes cinematográficos son mulleres que fan cinema pero que tamén escriben. Esa circulación entre palabra e imaxe, e esa fluidez de pasar dun medio a outro, que me gusta moito en Laura Mulvey ou Martha Rosler, Adrian Piper, ou mesmo unha Agnès Varda, que aínda que non escribe como tal, si traballa moito con palabras. Están aí, son moi evidentes. A literatura, incluso a novela, non só o ensaio, son moi importantes para min.
Dáche a impresión de que estás entre dous mundos?
En toda a miña vida tiven a sensación de non estar no lugar adecuado nunca. In between. Licencieime nunha cousa, doutoreime noutra, dou clase nunha facultade que non pisara nunca antes de dar clase, empecei no mundo da performance e da arte, pero os meus traballos vense en festivais de cinema e en museos. O meu traballo é difícil de encaixar, é incomodo, por unha banda, porque sería máis agradable ser mellor clasificable, pero creo que ten esa complexidade e esa riqueza, por outra banda a complexidade na que nos movemos e que pertence ao mundo en que vivimos, porque hai moitas cousas que están ‘no medio de’. Síntome moi próxima aos traballos de Hito Steyer, Ursula Uman, ou mesmo Harun Farocki dos últimos anos, que son clasificados como cinema de museo, porque no museo non somos pezas obxectualizables, non somos obxectos artísticos, pero tamén vense en festivais de cinema ou no circuíto cinematográfico. É unha situación incómoda, complexa, pero que tamén che permite traballar sen canons, facendo a túa propia xenealoxía, e iso ten moita riqueza.
Como chegas a Mater Amatísima?
A orixe remota da película é Engels, e o seu libro fundamental A familia e a propiedade privada do estado, un libro que lin moi novo porque teño unha educación marxista que explica que a familia é un microcosmos que reproduce o estado e refórzao, e dalgunha maneira se non cambiamos as estruturas de convivencia e os modelos familiares nunca imos poder cambiar a estrutura da política estatal. Pero con todo isto, non se dá. A película empeza cunha conversación entre Alexander Kluge e unha directora de teatro que falan do mito de Medea, dunha interpretación do mito de Medea feminista e radical, que eu comparto, porque sempre me pareceu moi banal esa interpretación do mito que di que Medea matou os seus fillos por celos. Efectivamente, o que fai Medea para diferirse a ela mesma como suxeito político, porque non ten cabida nunha sociedade hiperpatriarcal como a Grecia clásica, e difíreo nun señor que a traizoa, e ao mesmo tempo esa traizón provoca que os seus fillos queden sen dereitos políticos, porque se converten en bastardos. E esa interpretación, e esa conversación, fala de como as teorías políticas revolucionarias repensaron os modelos familiares e isto xa non ocorre. A esquerda volveu aos modelos de vida pequenoburgueses, non soubemos repensar os modelos de convivencia nin de maternidade e paternidade, e de crianza. Creo que estamos nun momento regresivo, cunha hiperbioloxización, xusto nun momento en que a ciencia nos permite esa desbioloxización, e aí poderiamos falar de librarnos da bioloxía, ir mais alá de, porque para as mulleres se converteu nun destino. Estamos nun regreso do biolóxico. Onte lía un artigo moi interesante a partir do libro de Beatriz Gimeno, en torno ao imperativo da lactación materna. Ese imperativo de ser unha muller exacérbase na cuestión da maternidade. O ser unha mala nai está incriblemente penalizado, e ser unha boa nai ten uns limites moi precisos marcados por unha sociedade patriarcal onde os nosos desexos e liberdade están condicionados. Mater Amatísima, que vai de nais asasinas, cun caso tristemente coñecido que é o caso Asunta, trata de ser unha ferramenta de traballo e pensamento sobre os modelos de familia e sobre a idea de se eliximos de verdade ser nais e que modelo de maternidade queremos, ese é o traballo de fondo. Utilízase o mito de Medea para pensar sobre algo tan básico como que estamos a vivir unha forma de ser mulleres e de ser nais que se cadra non é a que queremos. Se cadra, hai moitas nais que están arrepentidas de selo nese modelo, esa nai que esixiron que sexa. Estamos a vivir un momento importantísimo, porque as mulleres de moitas xeracións, de avoas a netas, saímos á rúa para dicir que estamos fartas de que nos digan como temos que ser, é un momento moi revolucionario, pero ao mesmo tempo estamos a vivir todo o contrario, un momento tamén moi regresivo no que o patriarcado quere seguir sendo hexemónico porque o estamos cuestionando.
Que opinas do feminismo mainstream?
Podiamos falar durante horas! Ás veces penso que é xeracional, porque teño sobriñas para quen Beyoncé é feminismo, e eu non acabo de velo, e ás veces síntome como unha anciá recuperando ás feministars dos 70 cando no seu momento fun moi critica con esa xeración. Por outra banda, ver a Ana Patricia Botín na tele proclamándose feminista, non sei se me desasosega ou me congratula. Para min, eu que veño dun feminismo autónomo, de clase, marxista, interseccional que se chamaría agora, non me parece a vía, o feminismo liberal. Pódenos pasar como ao capitalismo rosa, como ás loitas LGTBI, que se cifraron en ter barrios como Chueca, e que estupendo porque temos moito diñeiro e así conseguimos visibilidade! Claro que as mulleres agora traballamos e temos certo poder adquisitivo, e, por tanto, somos interesantes para o capital. E iso pódenos levar a iso, a un feminismo capitalista. De feito, levounos xa. Por outra banda, todas as mulleres teñen dereito a sentirse feministas, porque os feminismos son moitos e son como lles dá a gana. E non podemos facer diso a nosa propia doutrina, porque entón estamos a actuar como aqueles que actúan coa liberdade de expresión cando non lles interesa o que din. Non é unha cuestión de tolerancia, senón de dereitos. Todo o mundo ten dereito a interpretar o feminismo da forma conveniente. E nese sentido, que Ana Patricia Botín se considere feminista, está no seu dereito. Eu non o comparto. Como tampouco comparto o de que Margaret Thatcher era feminista porque conseguiu chegar ao poder: conseguiu chegar ao poder facendo uso das ferramentas mais patriarcais do home máis duro do gabinete. Eu non o comparto, pero hai tantas cousas que non comparto, pero que creo que non temos dereito a censuralas, así que, en fin, adiante. Pero ollo coa cuestión do capital, porque esa cooptación si pode ser moi despolitizadora. Hai cousas que non son feministas. O feminismo é unha teoría política e unha praxe vital que debería levarnos á reticularidade real, e en definitiva á destrución do patriarcado, debería de ser unha zapa para que cambiemos o mundo absolutamente. Nese sentido, para min o 8 de marzo foi moi esperanzador. Estamos nun camiño no que a política xa non pode obviar ás mulleres como espero que tampouco obvie a cuestión de clase, de raza, e onde esa interseccionalidade, as distintas liñas políticas, se xunten para cambiar as cousas. Non sei cara a onde, pero que sexan distintas e máis igualitarias.
Que lles dis ás futuras nais que poden sentirse asustadas coa túa película?
A editora da película estaba a xestar un neno mentres estamos a facer a película. Non é para nada unha película contra a maternidade. É unha película que simplemente quere que penses se queres ser nai, que tipo de nai queres ser, que non che impoñan un modelo de maternidade, que a suposta ciencia neutral che diga que tes que facer, como tes que durmir ao teu fillo, lactar ao teu fillo. Estiven a ler consellos pediátricos que eran unha cousa e o contrario, señores, que che din o que tes que facer co teu fillo. A miña elección foi non ser nai biolóxica, teño dous fillos, dous fillastros, como diriamos en termos de política familiar, e cando estaba a preparar esta película coñecín a unha persoa e tiven que converterme nunha nai. A relación de nai é unha relación complexa, sexa ou non biolóxica, e pensalo en termos de maternidade rosa, que vai ser unha relación perfecta, que vai completar a túa vida, que vai ser o máis importante e o máis precioso que che pase, se cadra te levac a unha decepción enorme. A relación coa maternidade, como calquera outra relación, é complexa e chea de conflitos. Dicir que non te atopas ben ou que non era o que pensabas, queixarse!, ou, poñer en palabras as túas frustracións… É como queixarse do amor romántico. Eu podo estar moi namorada, pero tamén podo dicir que o amor romántico é unha merda. Creo que nos esiximos tanto a nós mesmas. Somos as primeiras que nos esiximos ser a nai perfecta, a noiva perfecta, a traballadora perfecta, sempre estamos a poñer o listón máis aló. Ser nai é estupendo e non ser nai, tamén. E esa é a cuestión, que non nos culpabilicen por non ter fillos ou por telos. Porque nos culpabilizan por todo. Oxalá sexa unha película moi contestada e sexa unha ferramenta de debate, que sexa liberadora dos estereotipos.right to feel feminist, because feminisms are many and they are as they please. And we can not make that our own doctrine, because then we are acting like those who act with freedom of expression when they do not care what they say. It is not a matter of tolerance, but of rights. Everyone has the right to interpret feminism in the right way. And in that sense, Ana Patricia Botín is in her right to consider herself a feminist. But I do not share it. Nor do I share that Margaret Thatcher was a feminist because she managed to get to power: she managed to get to power by using the most patriarchal tools of the toughest man in the cabinet. I do not share it, but there are so many things that I do not share, but I think we have no right to censor them, so, well, go ahead. But beware of the question of capital, because that cooptation can be very depoliticizing. There are things that are not feminist. Feminism is a political theory and a vital praxis that should lead us to real reticularity, and ultimately to the destruction of patriarchy, should be a shoe for us to change the world absolutely. In that sense, for me March 8 has been very encouraging. We are on a path where politics can no longer ignore women as I hope it does not obviate the question of class, race, and where that intersectionality, the different political lines come together to change things. I do not know where, but they are different and more egalitarian.

PUBLICACIÓNS RECENTES