FOCO SINAIS: HELENA GIRÓN E SAMUEL DELGADO

Todos os contidos online desta edición poderanse ver en aberto e de xeito gratuito na nosa web (www.s8cinema.com) do 28 de maio ao 6 de xuño de 2021 (ambos os dous incluídos).

Nesta edición dedicamos a nosa sección Sinais a un dúo creativo en profunda sintonía co (S8): a galega Helena Girón e o canario Samuel Delgado. No seu traballo combínase a investigación coa asociación de materiais e ideas, en películas que dan conta dun fío subterráneo de subversión que atravesa todas as eras. O estudo dos mitos e do oculto, xunto ás implicacións políticas que agochan, crúzase coa relectura da historia en películas que xorden da abstracción e a evocación. Este traballo tamén vai ligado á experimentación cos medios de rexistro fotoquímico, as texturas e os arquivos, a través dos cales estes cineastas construíron unha potente identidade estética e mais un universo formal coherente. Neste especial online que coñeceremos os seus procesos creativos, as súas liñas de investigación, influencias e próximos proxectos, ao longo dunha extensa entrevista e do visionamento das súas películas Sin Dios ni Santa María, Montañas ardientes que vomitan fuego e Plus Ultra.