CAMERA OBSCURA: PABLO MARÍN

Todos os contidos online desta edición poderanse ver en aberto e de xeito gratuito na nosa web (www.s8cinema.com) do 28 de maio ao 6 de xuño de 2021 (ambos os dous incluídos).

De 1972 a 1981, Robert Gardner conduciu un programa na televisión pública de Boston que co paso do tempo se transformaría nunha serie de culto e nun referente para a comunidade do cinema experimental: Screening Room. Por el pasaron os cineastas de vangarda máis relevantes do seu tempo, a quen Gardner entrevistaba en profundidade ademais de dar aos telespectadores a oportunidade de coñecer a súa obra incluíndo no programa algunhas das súas pezas. En 2020, pensando en novas formas de expandir e difundir o cinema experimental (empurrados polos tempos que corren, mais tamén propulsados polas facilidades que nos dan a tecnoloxía e internet), o (S8) inspírase no mítico programa de Gardner (tendo tamén en mente o Cinéastes de notre temps de Janine Bazan e André S. Labarthe) para crear Camera Obscura, un programa emitido en streaming nun formato renovado e adaptado ao noso tempo, cunha estética peculiar e unha clara vocación creativa. Nel coñeceremos a fondo os procesos de traballo dun grupo de cineastas e ao mesmo tempo gozaremos dunha pequena mostra das súas pezas. O nome do programa, Camera Obscura, alude a ese enxeño luminoso que impulsou a pintura e imaxinou o cinema séculos antes da súa creación, un dispositivo a través do cal un raio de luz procedente do exterior proxecta imaxes en movemento no interior dun cubículo escuro. Así, o (S8) quere ser ese raio de luz que viaxa polas ondas para proxectarse en calquera cuarto imaxinable do mundo.

Pablo Marín (Buenos Aires, 1982) é un axente vital do cinema experimental arxentino: ademais do seu traballo como cineasta, o seu labor esténdese pola investigación, a escritura, a edición, o ensino e a programación. Neste Camera Obscura afondaremos no seu traballo fílmico, no que unha aproximación arraigada no formal se funde co lírico e mais co autobiográfico. A súa obra, realizada case integramente en super 8 (un formato esencial na historia do cinema experimental arxentino), continúa e expande en certo xeito a herdanza de cineastas como Claudio Caldini, á vez que nace dun profundo coñecemento da vangarda mundial, en películas que capturan o cotián e o persoal. Marín foi construíndo así unha sorte de libro de memorias fílmico, oblicuo e abstracto, no que as superposicións, o uso de máscaras e reservas e a filmación cadro a cadro, entre outras estratexias, poñen a proba as capacidades e potencias do cinema. A súa cámara é, logo, unha “trampa de luz” que (como ocorre coas trampas dos cazapantasmas) ten a capacidade de atraer cara a si a esencia mesma dunha vida.

Blanket-Statement-#2