BAICC – LAURA MORENO BUENO
EL SONIDO DE LAS IMÁGENES
Patio de la Fundación Luis Seoane | Xoves 2 de xuño | 23 horas | Entrada libre a todas as sedes ata completar o aforo. Non será posible acceder ás salas unha vez empezada a proxección.
A que soan as paisaxes de Toronto?, cales son as cores que evocan os seus espazos?, cal é o seu ritmo e o seu ton? Este é o punto de partida de El sonido de las imágenes, proxecto de Laura Moreno Bueno que resultou elixido na xa quinta edición de BAICC, Residencias Artísticas Internacionales de Creación Cinematográfica (colaboración entre a Mostra, AC/E e o LIFT). Moreno Bueno, artista cuxa traxectoria conxuga a experimentación sonora e visual sobre temas como o corpo, o movemento e os procesos analóxicos, propúxose converter as imaxes proxectadas en 16mm en sons a partir de micrófonos fotosensibles. A peza resultante é unha sorte de diario de estadía en Toronto que Moreno Bueno foi construíndo arredor das cores e formas atopados nas súas derivas pola cidade. Xogando tamén con duplas exposicións, emulsións caducadas, filtros de cor e diferentes procesos de revelado á man, Moreno Bueno vai modulando as imaxes (nun proceso aberto ao azar) nunha sinfonía dunha cidade que realmente soa, por tradución directa das súas imaxes proxectadas. Un experimento que comportou a fabricación propia de micrófonos que ela mesma describe como «fotofonotransistores»: máis que micrófonos, instrumentos que, no canto de utilizaren cordas ou vento para soar, utilizan imaxes.
EL SONIDO DE LAS IMÁGENES
Laura Moreno Bueno | 2022 | España, Canadá | 2 proxectores de 16mm, micrófonos fotosensibles | 17 min.