AMY HALPERN

PROGRAMA 2

Sala (S8) Porto | Sábado 4 de xuño | 20 horas | Entrada libre a todas as sedes ata completar o aforo. Non será posible acceder ás salas unha vez empezada a proxección.

VEZELAY CURTAIN
Amy Halpern | 2019 | EUA | Vídeo en alta definición | 5 min

O vento ten o seu propio xeito de rezar. (Randolph Pitts)

SLOW FIREWORKS
Amy Halpern | 2019 | EUA | 16mm | 2 min

Papiro, luz, vento. (Amy Halpern)

GINKO YELLOW
Amy Halpern | 2022 | EUA | 16mm | 5 min

Amarelo, a cor. (Amy Halpern)

MY MINK (Unowned Luxuries #2)
Amy Halpern | 2019 | EUA | 16mm | 4 min

UNOWNED LUXURIES #3
Amy Halpern | 2020 | EUA | 16mm | 2 min

A serie de películas Unowned Luxuries (Luxos non posuídos) considera as formas de posesión: a través dos ollos e do pensamento sobre as outras maneiras de «posuír». (Amy Halpern)

# 27
Amy Halpern | 2019 | EUA | 16mm | 3 min

Con Caroline McCrystle Marcantoni.

NEWT LEADERS
Amy Halpern | 2020 | EUA | 16mm | 5 min

Presenta as «guías» de película, fisicamente necesarias ao principio e ao final dos rolos de cinta, como algo estético en si mesmo. (Amy Halpern)

VERGE (for my sisters)
Amy Halpern | 2022 | EUA | 16mm | 6 min

O horizonte como un gume, constante a través das paisaxes de California: do océano ao deserto e volta ao océano. (Amy Halpern)

JANE, LOOKING
Amy Halpern | 2020 | EUA | 16mm | 2 min

Un retrato de Jane Wodening (Jane Brakhage). «Unha persoa que foi obxecto ante a cámara durante moitos anos devólvenos unha mirada inquisitiva» (Amy Halpern).

FIRE BELLY
Amy Halpern | 2021 | EUA | 16mm | 3 min

Os antigos alquimistas crían que as píntegas podían renacer do lume, como a ave Fénix, ou como Cristo. Mais non sobreviven ao lume, nin á sequidade extrema. E non resucitan tras arderen. (Amy Halpern)

MA SEWING
Amy Halpern | 2021 | EUA | 16mm | 2 min

A miña nai, que agora ten 94 anos. Filmada hai máis de trinta. (Amy Halpern)

MY DEAR EVAPORANT
Amy Halpern | 2022 | EUA | 16mm | 4 min

Mensaxe para un amigo. (Amy Halpern)

I TREMBLE / 8:46
Amy Halpern | 2022 | EUA | 16mm | 10 min

Unha ópera de dominio público. Unha película sobre a duración. 
«Cando penso que Deus é xusto, tremo polo meu país» (Thomas Jefferson).

EMIT A BEAM, SEE A LIGHT
Amy Halpern | 2022 | EUA | 16mm | 4 min

Declaración e demostración.
Hipótese e proba. 
(Amy Halpern)

4 FINGERS, 5 TOES
Amy Halpern | 2022 | EUA | 16mm | 11 min

Animais en perigo nun medio en perigo. 
O latexo dun corazón en 4/4. Cinema lento, con escena de sexo. 
(Amy Halpern)

HULA
Amy Halpern | 2022 | EUA | 16mm | 6 min

Notación musical abstracta pero obvia, que inclúe palmeiras, máis precisamente da especie Washingtonia filifera —a única palmeira nativa estadounidense—; a palma, amiga e provedora dos indíxenas norteamericanos.

CHABROT
Amy Halpern | 2022 | EUA | 16mm | 4 min

Un brinde privado. 
«Faire chabrot, ou chabròl en occitano, é un antigo costume da metade sur de Francia que consiste, cando queda un fondo de sopa ou potaxe, en botar viño tinto no prato para diluír esta potaxe e, a seguir, levar o cuberto á boca e beber a grandes grolos» (Wikipédia, l’encyclopédie libre). 
Inspirada nun encontro fortuíto con esta entrada da Wikipedia mentres buscaba a lista da filmografía de Claude Chabrol.

AMY HALPERN

FALLING LESSONS / BEIRA. UNHA SUITE DE NOVAS PELÍCULAS DE AMY HALPERN

Amy Halpern, cineasta neoiorquina radicada nos Ánxeles, é a man que está detrás dun grupo de películas engaiolantes e poderosas que aproveitan ao máximo o poder asociativo e sensorial do cinema. Halpern, que empezou a facer cine nos primeiros anos da década de 1970, utiliza a luz, os elementos (substancias e obxectos de diferentes densidades, texturas e cores) e distintas clases de seres en películas nas que hai unha especial concepción do encadre e da «posta en escena» e cuxa montaxe establece asociacións potentes e primarias. Con sensacións físicas de todos os calibres e que abranguen todos os sentidos, sinestesia, xestualidade e sensualidade conflúen en composicións que en ocasións suxiren relatos sobre a marcha. Un conxunto no que por veces intervén o son (ou o silencio) dunha forma imaxinativa e inesperada e cuxos poéticos títulos engaden unha capa máis de significado. Películas en 16mm case sempre concentradas nun único motivo, ou nun grupo coidadosamente seleccionado de imaxes interconectadas, que afunden as súas raíces na simboloxía das imaxes e no magnetismo atemporal que emanan. 

Halpern empezou a facer películas en 8mm en 1972 e mudouse aos Ánxeles en 1974, onde estudou cinema na UCLA. Alternou a súa propia práctica fílmica en 16mm co traballo noutras producións, dentro e fóra de Hollywood, en calidade de directora de fotografía e iluminadora e no ámbito dos efectos especiais. Tamén colaborou con outros cineastas, como é o caso da súa participación en películas como My Brother’s Wedding, de Charles Burnett, The Decay of Fiction, de Pat O’Neill, ou Illusions, de Julie Dash, e a principios dos 70 na compañía de sombras en 3D de Ken e Flo Jacobs, o New York Apparition Theater. Traballou, así mesmo, xunto a figuras como Shirley Clarke, Chick Strand e Barbara Hammer, e co seu compañeiro David Lebrun en diversas películas, ademais de nalgúns dos recentes light shows do colectivo de cinema expandido psicodélico Single Wing Turquoise Bird. Estudou danza, arte que practicou canda Anna Sokolow e Lynda Gudde. Tamén desenvolveu os labores de arquivista, programadora e fundadora dos míticos Collective for Living Cinema e Los Angeles Independent Film Oasis, e exerceu como profesora de cinema na University of Southern California e na UCLA, entre outros centros. 

O programa que hoxe presentamos percorre o seu cinema do pasado e do presente. Na primeira sesión veremos a súa longametraxe Falling Lessons, acompañada de dous «aperitivos»: Invocation e Palm Down. Invocation (1982) introdúcenos na sesión a través da concentración nos acenos de dúas mans que se moven, nos acariñan e nos arrastran desde a escuridade. Son as mans da propia Halpern (que ve a película como «unha escultura temporal no espazo»), que nos convidan a entrar nos seus dominios. Segue Palm Down (2012), cinta que proba o poder do cinema a partir da metraxe dunha palmeira a ser cortada contra o ceo californiano, dun azul impecable. O acto de reverter e ver a acción, na súa sinxeleza, demostra as potencias do material co que tratamos. Falling Lessons, longametraxe que completou en 1922 despois de anos de traballo (tanto na imaxe como na banda sonora), é unha obra tan misteriosa como perturbadora. A película constrúese a través de panorámicas verticais, nun incesante movemento ascendente que induce a un estado psicolóxico particular. As cores e os xestos artellan esta ascensión. Esas panorámicas non só pasan por paisaxes ou animais, senón tamén por rostros de persoas que miran á cámara, que interpelan o público e establecen certa intimidade física con el. Todo tipo de persoas, algunhas en calma, outras con expresión críptica, outras con miradas doídas, indignadas, que reclaman unha reacción. Outras que nos sorprenden, outras que sorrín. Corpos en distintos estados, peles que transmiten a súa calor e o seu pulso, que se moven ou permanecen inmóbiles. Unha secuencia percorre a película: trátase da posta en escena dun acto de violencia policial contra dúas persoas negras. O son impulsa todo isto a un nivel extraterreal. Unha colaxe sonora asíncrona, con diversos sons ambientais e súbitas explosións musicais, que por veces se engarza coa imaxe a través de inesperados playbacks dos rostros filmados con sons de películas ou outras locucións. Trátase dunha cinta que sacode a indiferenza apelando ao noso corpo, nunha posibilidade aínda non explorada dabondo polo cinema: que a conciencia política saia directamente dos nosos sentidos, que a visceralidade deixe paso á acción a partir dunha conexión instintiva co humano. Non é fútil facer constar aquí dúas das citas que Halpern inclúe na información sobre a película do seu web: Ornette Coleman, con quen tivo un potente encontro, di: «[U]nha película curativa […]. Toda a xente que sae nela parece estar núa». Chick Strand, amiga e colega cineasta próxima (Halpern é unha das mulleres de Soft Fiction), di: «[A] película máis rara que vin». 

A segunda sesión, titulada pola cineasta «Beira» (en inglés, Verge), presenta un conxunto de películas completadas antes da pandemia e durante ela. Moitas delas poderanse ver por vez primeira no mundo aquí. A maioría son imaxes e xestos únicos, unha sorte de miniaturas en 16mm. Unha cortina que se move coa brisa, as luces que proxectan as árbores atravesadas polo sol. Retratos de xente, como a súa nai, ou Jane Wodening (tamén coñecida como Jane Brakhage). Accións atávicas que nos unen con toda a historia da civilización humana. En definitiva, un ollar dentro dun universo cinematográfico e simbólico particular, o dunha artista que debería estar en calquera hipotética lista das cineastas máis influentes das últimas décadas se o seu cinema chegase antes ao noso coñecemento.

Elena Duque.