MASTER CLASS AMY HALPERN. AULACREA
MODULAR A IMAXE CO SON, MODULAR O SILENCIO COA IMAXE
Sala (S8) Palexco | Venres 3 de xuño | 12.30 horas | Entrada libre a todas as sedes ata completar o aforo. Non será posible acceder ás salas unha vez empezada a proxección.
Nesta clase maxistral poderemos coñecer os procesos creativos da cineasta estadounidense Amy Halpern arredor do uso do son e o silencio nas súas películas. No seu traballo sinestésico, e como o título da sesión indica, Halpern modula as calidades duns medios a través do uso doutros: é así como a escolla do silencio ten o mesmo peso que a do son (a cineasta di contar no seu haber con «películas silentes moi ruidosas» —very loud silent films—) e as imaxes que vemos na pantalla adquiren unha nova dimensión grazas ao fóra de campo sonoro suxerido. Halpern falará das colaxes e recursos sonoros que emprega, cos que as imaxes, por exemplo, quedan tinguidas polas implicacións políticas de audios atopados, ou cobran novos matices mediante playbacks. Unha sesión ilustrada con exemplos prácticos dalgúns dos seus traballos e que complementa o programa que dedicamos ao seu cinema.