Ieva Balode, unha das fundadoras do laboratorio autoxestionado letón Baltic Analog Lab, tráenos unha carta branca dalgúns dos traballos máis excitantes creados polo colectivo.
Fundado en 2016, o laboratorio desprega unha actividade que vai desde a produción á formación e á organización de eventos (como o Process Festival). Esta selección achéganos obras producidas ao longo destes dous últimos anos no BAL, co cal non só reflicten un interese pola creación desde o cinema analóxico, senón que tamén son un testemuño da pegada que están a deixar na nosa mente estes tempos que nos tocou vivir. Trátase de películas que chaman á introspección, cheas de imaxes pregnantes e simbólicas, e que, en moitos casos, examinan a vida dun, as lembranzas, a propia concepción do ser e a exploración do mundo interior persoal. Ao mesmo tempo, o propio xogo cos procesos fotoquímicos, alén do revelado artesanal (a manipulación química, o raiado da película etc.), transloce tamén esa necesidade de volver ao táctil que nos deixaron estes anos de distanciamento social e de fobia ao contacto humano.
No tocante á memoria, The Bearers of Memories, de Miglė Križinauskaitė-Bernotienė, introduce a idea da concepción siberiana do tempo, na que o que temos diante de nós é o noso pasado, o coñecido, e o que temos detrás é o futuro, o que aínda está por ver, tecendo así unha delicada reflexión sobre o tema que gravita arredor das faces, as fotografías e as paisaxes, nun xogo entre a cor (a través de filtros) e o branco e negro. O paso do tempo é tamén a idea que subxace, por exemplo, en ?, de Betija Zvejniece. Bonds of Time, de Henrijs Laķis, pola súa banda, móvese entre certo rexistro informal e diarístico e un conxunto de pintorescas postas en escena para revisar o significado da vida en común, o amor e os lazos humanos. A percepción (parte integral da lembranza) é a base de Père au ciel, de Kei Sendak, que se constrúe arredor do fragmentario e nebuloso daquela mediante unha viaxe nun tren belga. A percepción, esta vez do tempo, é outro dos aspectos abordados por obras como Center Fugue, de Roberts Vanags, que utiliza a forma musical da fuga para traducir este tema a imaxes.
A idea de achar un certo significado no propio ser (ben nun camiño cara á inquedanza, ben noutro cara á paz interior) está presente en obras como The Silva Method, de Mersedes Margoite, que transmite a través das súas imaxes os estados mentais que se poden alcanzar coa meditación: o uso de superposicións e de momentos coreografados cargados de sinestesia e simbolismo axudan a iso. ReaLitis, de Sintija Andersone, evoca un conxunto de imaxes oníricas atravesadas por superposicións e intervencións sobre a tira de celuloide nunha película que parece buscar unha sorte de escorregadiza paz mental. Compos Mentis, de Linda Lindenberga, por outra banda, examina o que significa habitar un corpo e tamén as posibilidades de abandonar as formas de control que exercemos sobre nós mesmos, mesturando unha teatral coreografía en branco e negro e etéreas imaxes en cor.
Nun nocturno e contrastado branco e negro e con algunhas imaxes de raíz bergmaniana de desdobramentos e escuridades, Thanatophobia, de Ieva Balode e Michael Higgins, aborda o medo ao descoñecido: a morte, que inexorablemente sobrevoa a vida e que aquí acha o seu eco no celuloide en descomposición; as temibles e cativadoras formas que toma na película atrápannos.
Finalmente, e desde un punto de vista máis cerebral que sensorial, Paul Kuimet leva a cabo unha afiada análise cultural na súa peza Material Aspects. A mesa dun colaxista e as súas referencias cruzadas desde un azar aparente lévannos a través dos restos da ideoloxía comunista no leste de Europa, sen deixar de lado a reflexión sobre a materialidade e a estrutura do filme.