A/Z ZULUETA INÉDITO

PROGRAMA 1 (INAUGURACIÓN)

Filmoteca de Galicia | Venres 26 de maio | 19:00 horas | Entrada libre a todas as sedes ata completar o aforo. Non será posible acceder ás salas unha vez empezada a proxección.

VIAXE AO FINAL DA NOITE 
Sesión que recupera filmacións de festas con amigas e coñecidos, encontros desenfreados e parties sen fin. O gozo como expresión artística e política. A celebración e o pracer, tamén co seu lado escuro. 

  • BR (c. 1973)
  • Mondra 1 (1980) Sonoro
  • Mondra 2 (1980) Sonoro
  • La novia de Frankenstein (1970-1979)
  • CampbellsWillMore1978 79 (1978-1979) Sonoro
  • GISIA BAILE EDURNE Pedro A. Party Carlos Astiarraga (c. 1979)
  • Fiesta Ceci Clara / Party Cecilia Roth (c. 1980)
  • Party de Barcelona. BARNA BOLLS (c. 1977)

A/Z ZULUETA INÉDITO

A/Z: UNHA PROPOSTA PARA O ARQUIVO FÍLMICO DE IVÁN ZULUETA 

Iván Zulueta representa unha especie de burato negro do cinema. Sen dúbida, podemos considerar que esta é unha idea xeneralizada entre a crítica e a cinefilia e funcionou moi ben para crear un relato mítico arredor da figura do cineasta maldito. Como calquera hipótese, ten algo de certo, pero tamén do contrario. Vexamos. Persoa cunha creatividade e un talento inconmensurables, a súa figura evidencia moitas das limitacións que, como espectadores e estudosos, temos á hora de pensar sobre o cinema e a creación audiovisual. Cineasta ao mesmo tempo que debuxante, ilustrador, realizador televisivo, decorador, actor ou fotógrafo, Zulueta desafía as barreiras entre disciplinas, aínda que o fai movido pola súa paixón pola imaxe (case sempre) en movemento. Se para Godard un travelling era unha cuestión moral, para Zulueta era unha cuestión sensorial, unha alucinación provocada pola fascinación ante o decorrer de corpos e luces fronte á cámara. 

De maneira sintomática, o achegamento á súa obra fíxose tradicionalmente a través das súas longametraxes, Un, dos, tres… al escondite inglés (1969) e Arrebato (1980), e da presa de curtametraxes que puido salvar principalmente o Koldo Mitxelena Kulturunea cando organizou a exposición Imagen/Enigma hai agora vinte anos. Desde aquela, o mito Zulueta seguiu a medrar, mais, paradoxalmente, non ocorreu o mesmo coas indagacións sobre a súa obra. Se a aquela exposición exemplar lle sumamos o documental que realizou Andrés Duque en 2004, Iván Z, e a exposición que levou a cabo en 2005 La Casa Encendida a partir do seu traballo fotográfico, Mientras tanto…, temos a rastreabilidade desas escasas investigacións das últimas dúas décadas. 

Semanas antes de sermos encerrados pola pandemia, visitamos o almacén onde foran parar os restos materiais da obra e do obradoiro de Iván Zulueta e chegamos a un principio de acordo co seu irmán Jaime de Zulueta para os rescatar. Sen a complicidade e o traballo de Virginia Montenegro, todo isto non sería posible. En agosto de 2021 pechouse a operación. 

Estes sete programas queren seguir a indagar na obra de Zulueta e a deitar luz, sempre que sexa posible, sobre a súa figura. Mais tamén somos conscientes de que, conforme fomos armando os programas, o enigma seguiu a medrar. Neles recuperamos unha serie de materiais fílmicos que se crían perdidos ou de cuxa existencia non se tiña constancia. É dicir, descartamos, para empezar, aquelas curtametraxes que, mencionabamos antes, puidesen circular nos últimos anos. Xa que logo, dentro do esforzo da Filmoteca Española por preservar e difundir o patrimonio cinematográfico, este programa, coas súas sete sesións, supón o sinal de partida para coñecer e propoñer novos achegamentos á súa obra. O arco temporal destes abrangue cinco décadas: desde os anos 30 ata os 80 do século pasado. Ha de se ter en conta que os materiais se amosan tal e como foron recuperados. Os títulos empregados son as inscricións que había nos envases das bobinas. Nalgunha ocasión é evidente que o contido non responde ao que lemos nas caixas, mais así chegou ata nós. Se non existía ningunha marca ou inscrición no envase, identificouse como «(sen título)». Existe unha excepción: a serie titulada Cine Album Kodak, título atribuído por se tratar de bobinas aparecidas nun cineálbum e que ocupan o espazo do número atribuído. De aí que estes non sexan consecutivos. Cando non había outra maneira, as datas aproximadas deducíronse, se foi posible, a partir das marcas da película. Nalgunha ocasión nin iso foi posible, malia as imaxes poderen remitir, efectivamente, a un arco temporal. En calquera caso, a investigación sobre os materiais e os seus contidos segue aberta. Tamén cabe sinalar que, aínda que estas bobinas, máis as seleccionadas por Jota para musicar o seu proxecto Pausa Plena, suman a case totalidade dos materiais inéditos recuperados, hai algúns rolos que quedaron fóra da selección. Non son moitos, pero debe deixarse claro que isto non é unha mostra integral do material recuperado. En definitiva, o que presentamos é un corpus fílmico inédito de gran variedade que esperamos que promova a reflexión e o gozo sobre unha vida e unha obra tan complexas como únicas. 

Josetxo Cerdán e Miguel Fernández Labayen

Todos os materiais orixinais rodáronse en 16 mm, 8 mm e Super 8. A súa dixitalización realizouse a 4K. A maior parte dos materiais non teñen son e así se ofrecen. Os materiais sonoros están indicados nos programas.