SINAIS
PROGRAMA 3
Salsa (S8) Palexco | Sábado 3 de xuño | 13:00 horas | Entrada libre a todas as sedes ata completar o aforo. Non será posible acceder ás salas unha vez empezada a proxección.
WHITE SCREEN (FOR AMY HALPERN)
Deneb Martos e Pablo Useros | España | 2022 | 16mm | 6 min
En agosto de 2022, durante uns días de vacacións en Soajo (Portugal), recibimos a impactante nova da morte de Amy Halpern.
CONTRA O INVERNO
Xacio Baño | Galicia | 2023 | 16mm a vídeo | 5 min
Nina Simone sabía cantar.
BLOOM
Helena Girón e Samuel M. Delgado | Galicia | 2023 | 16mm a vídeo | 18 min
San Borondón é unha illa mítica que aparece e desaparece. Ao longo da historia tense situado nos mapas preto das Illas Canarias. A lenda da illa de San Borondón chegou a cobrar tal forza que, durante os séculos XVI, XVII e XVIII, se organizaron expedicións para descubrila e conquistala. Tras séculos de esquecemento, á fin foi achada.
AÑO CERO (WIP)
Carlos Vásquez Méndez | España | 2023 | 16mm a vídeo | 13 min
Unha película sobre o concepto de tempo en diferentes estratos, un día, un ano, unha vida e a liña de tempo cósmica masiva, onde toda a escala de tempo humana parece insignificante. Cuanto dura o tempo prehumano? No campo, nunha paréntese de anos de pandemia, unha nena fala coa súa nai sobre ata que punto é subxectiva a nosa percepción do tempo, sobre os intentos humanos de representar a forma escorregadiza do tempo e comprender a súa forza inconmensurable.
OH, UTE!
Lucía del Valle Ramírez | España | 2022 | Vídeo | 2 min
Peza gravada nunha viaxe que comeza nun avión que vai cara a Londres. «Ti dáslles auga e elas crecen», escribe Ute Aurand a Alex Pirie; imaxino así as imaxes: medrando entre a viaxe e o regreso.
CORPÚSCULOS
Laura Ibáñez López | España | 2022 | 16mm | 3 min
Un corpúsculo é un fragmento moi pequeno de materia aloxado na nosa pel que nos permite sentir un tacto suave. Corpúsculos ábrenos a entrada a un cosmos no que o dentro e o fóra do corpo coliden, se mesturan e se dilúen. Corpúsculos é un experimento, unha homenaxe e unha aprendizaxe.
¿SE PUEDE DELETREAR LA HOJA?
Valentina Alvarado | España | 2022 | 16mm | 8 min
Un paseo.
Unha man.
Perdón: a miña man.
¿se puede deletrear la hoja? é unha breve viaxe.
Tamén é pétalo, bechiño, alento, ensaio, suspiro.
De novo, un paseo: un de ida e volta.
Unha excursión polo obradoiro, xardín, patio, arquivo e pegada.
Primeiro achegamento a unha serie de ensaios arredor da escritura de viaxes e a descrición daquelas paisaxes que vemos por vez primeira.
SINAIS
VIAXE A UN MUNDO PROPIO
Ás veces é necesario mirar a través dos elementos para atopar as respostas que andamos buscando. Filtrar a visión por medio da terra, do aire, do lume, da auga, para conformar así unha imaxe case onírica pero verdadeira ante o noso interese máis artístico e sincero. É difícil atopar esa maxia que inunda o cine e fai que a luz se dilúa ata perderse nos nosos ollos. Pero, unha vez máis, demos con ela para a nosa sección SINAIS. Unha escolla de filmes que se presenta como un espazo de busca e abstracción dunhas cineastas que crean desde o miúdo pero co foco posto nas grandes cuestións humanas. SINAIS é unha viaxe a un mundo propio, como o que Urbano Lugrís (pintor galego cabeceira desta edición da mostra) foi ideando e percorrendo ao longo da súa vida. E onde atoparemos moitos aspectos comúns coa obra do pintor.
SINAIS
PROGRAMA 3
No último bloque da sección SINAIS, a memoria vólvese protagonista. Unha memoria case mística e cósmica na que as imaxes se tornan máis importantes que nunca. A mans aparecen no cadro, ou séntense latentes na operación da cámara e a montaxe, para presentar con coidado os recortes e bosquexos dun mar de ideas, sentimentos e visións. O murmurio de Urbano Lugrís mestúrase aquí co de Amy Halpern, para acubillar este xerme de creación sen límites.
WHITE SCREEN (FOR AMY HALPERN) abre este último programa da sección SINAIS. Deneb Martos e Pablo Useros recollen nesta peza a súa experiencia ao saber da morte da cineasta Amy Halpern. En CONTRA O INVERNO, de Xacio Baño, a imaxe preséntase como albergadora total das lembranzas, das vivencias, dos sentidos. Continuamos con BLOOM, de Helena Girón e Samuel M. Delgado. Un filme sobre a busca incansable da illa mítica de San Borondón. Carlos Vásquez Méndez preséntanos o WIP de AÑO CERO, unha obra sobre a temporalidade e a incerteza do tempo. OH, UTE!, de Lucía del Valle Ramírez, é unha obra curta pero intensa, na que as imaxes van medrando entre a viaxe e o regreso. Laura Ibáñez López, co seu filme CORPÚSCULOS, ábrenos unha entrada ao cosmos a través da materia e a pel. E finalizamos a sección SINAIS deste 2023 con ¿SE PUEDE DELETREAR LA HOJA?, de Valentina Alvarado. Un percorrido polo cotián, polas primeiras veces, polos detalles pequenos, por todo aquilo que se pode tocar coa man.
Aldara Pagán