PAISAXES ENCANTADAS

Mai 30, 2023 | Destacados, Novas

Nesta edición, na que tivemos o traballo do pintor coruñés Urbano Lugrís como faro guía, preparamos un programa inspirado na súa concepción alucinada e surrealista da paisaxe, «Paisaxes encantadas», que reúne o traballo de cineastas como Charlotte Pryce, Gaëlle Rouard, Fernanda Vicens, Detel Aurand, Ute Aurand, Jan Švankmajer, Jenniffer Reeves e Anita Thacher. Reproducimos aquí un fragmento dun dos textos de Lugrís, no que proxecta a súa querida paisaxe marítima sobre os campos de Castela. Un texto extraído da compilación editada por Alvarellos Editora e feita por Olivia Rodríguez González Balada de los mares del norte: poemas, cuentos y ensayos, 1942-1973, que recupera, por vez primeira, a obra escrita dispersa, esquecida ou inédita de Urbano Lugrís. 

Aínda me parece —non, óioa con claridade onírica, con verdade de soño— sentir a donda, redonda voz do mar neste meu agreste retiro, cercado polos fermosos cotarelos de Castela. 

Ao mundo selenita que vibra ante os meus ollos ao sol candeal do verán palentino —sol de estaño, montes de area, chaparros negros—, asocio con frecuencia, por non sei ben que electivas afinidades máxicas, o outro ancho campo móbil do mar, o canoro e sonoro ámbito de barcos e ondas errantes. «Mar de terra»… «Océano fósil»… Non, non é isto. É que estas terras últimas, terras de Xuízo Final, de Danza dos Mortos, de osamentas perdidas entre os trigos pequechos, de asnos cansos, de home de sílex —o mirar, cerreñudo—, espertan en min —na miña alma mariñeira, talassocrática— a morriña e a sede das veigas harmoniosas á beira do mar, as praias recolectas con fiúnchos, madreselvas, dixitais e loureiros; e os piñeiros, a suxeriren música, paz. 

Por veces, na alta noite —o ceo de Castela é entón como unha fraga inmensa chatolada de margaridas silvestres de luz e o vento entre os chopos, o vento casto e fresco da Brújula, finxe o rumor do mar na resaca, e a noiteboa, co seu longo asubío melancólico, xoga, nos extensos pasteiros durmidos, a ser gaivota ou carrán cristado. O corno do pastor de porcos, a bucina do capador completan esta maxia mariñeira en Castela, este nostálxico espellismo co que a alma, tocada do mal de ausencia, inventa para o seu consolo un fantástico mar interior. 

Extracto do texto «La voz del mar», publicado en Faro de Vigo, abril, 1953. 

PUBLICACIÓNS RECENTES