FEITO Á MAN NA FILM FARM
PROGRAMA
Sala (S8) Palexco | Sábado 8 xuño | 17:00 horas | Entrada libre a todas as sedes ata completar capacidade. Non será posible acceder ás salas unha vez empezada a proxección.
BEHIND THIS SOFT ECLIPSE
Eve Heller | 2005 | Austria, EUA, Canadá | 16 mm | 10 min
Rodada no río Saugeen cunha caixa protectora subacuática especial, Behind This Soft Eclipse é unha película-poema da maior sutileza e finura, na cal as imaxes xorden do negro unicamente para volver esvaecerse. (Chris Gehman)
Eu imaxinaba unha colaboración de mundos paralelos ou algún tipo de conciencia duplicada, un sentido do corpóreo e o enigma da ausencia. O corpo do filme depende dunha columna vertebral de contrastes entrelazados en forma de espazo negativo e positivo, tomas diúrnas e nocturnas, elementos situados sobre a auga e baixo dela, recortados sobre un movemento e unhas calidades da luz que unhas veces son suaves e outras discordantes, para transmitir o delicado labor de albergar un equilibrio. Eclipse constitúe unha elexía por Marian McMahon, cofundadora da Film Farm (Independent Imaging Retreat) en Ontario Meridional, onde se produciu a cinta. (Eve Heller)
YOUR NEW PIG IS DOWN THE ROAD
Helen Hill | 1999 | EUA, Canada | 16 mm | 5 min
Nesta travesa curtametraxe combínanse a pixilación, o entintamento e a viraxe (laranxa e azul), unha conta atrás con imaxes de animais de granxa, amigos que bailan como monicreques, extensos campos de margaridas, unha estatua de san Francisco (patrón dos animais) e dous leitóns. (Janine Marchessault, Process Cinema: Handmade Film in the Digital Age, McGill-Queens, 2019)
Carta de amor cinematográfica ao seu home, Paul, que Helen filmou durante un verán que pasou en Ontario na Film Farm de Phil Hoffman (obradoiro de cinematografía onde aprendeu a procesar á man as súas propias películas). Helen faille acenos a Paul para que a siga pola estrada ata onde agarda a porca nova de Paul. Na película aparecen as margaridas que tanto lles gustaban, o san Francisco que tanto respectaban e a súa porquiña Daisy. Despois de casaren, Paul e Helen tiveron en Nova Orleáns unha porca vietnamita á que lle chamaron Rosie. (Harvard Film Archive)
SCRATCH
Deirdre Logue | 1998 | Canadá | 16 mm | 3 min
Scratch, unha curtametraxe de Deirdre Logue cuxa aparencia de simplicidade resulta enganosa, transmite a inserción física da realizadora na natureza, só que esta vez a experiencia non constitúe unha liberación sensual, senón unha viaxe sadomasoquista e dolorosa. Lemos «O meu camiño é difícil á mantenta». Ela, de cara á cámara, mete cardos nas bragas e logo sácaos. Os sons de vidro ao partir e o renxer dos empalmes de película son case os únicos que se oen nesta cinta, maiormente muda. Intercaladas van imaxes de secuencias atopadas procedentes dunha película instrutiva; vemos unha cama que se fai e se desfai automaticamente, vidro a crebar e pratos esnaquizados. O filme é cru e doloroso. O corpo dela é tratado como un recortable procesado mediante emulsión, manipulado, raspado. (Janine Marchessault, «Women, Nature and Chemistry: Hand-Processed Films from The Independent Imaging Workshop», Lux: A Decade of Artists’ Film and Video, Pleasure Dome/YYZ Books, 2006)
WE ARE GOING HOME
Jennifer Reeves | 1998 | EUA, Canadá | 16 mm | 10 min
We Are Going Home é unha estupenda película surrealista que posúe todas as características do cinema de transo e máis, estruturada arredor dunha secuencia onírica que non ten comezo nin final reais. A cinta constitúe, sen dúbida, unha chiscar de ollo aos surrealistas, pois estas paisaxes, sometidas a un intenso procesamento, pertencen ao inconsciente. (Janine Marchessault, «Women, Nature and Chemistry: Hand-Processed Films from The Independent Imaging Workshop», Lux: A Decade of Artists’ Film and Video, Pleasure Dome/YYZ Books, 2006)
HARDWOOD PROCESS
David Gatten | 1997 | EUA, Canadá | 16 mm | 14 min
Un relato de superficies cubertas de cicatrices, unha investigación e un imaxinar: polas marcas que vemos e as marcas que deixamos, polas linguas que sabemos ler e por aquelas que tentamos aprender. Reproducida á man nunha vella impresora por contacto para dar lugar a copias individuais e únicas. (David Gatten)
Hardwood Process, realizada por David Gatten, é un diario fílmico feito á man no que non só se deixa constancia de superficies cubertas de cicatrices correspondentes a mans, chans e emulsión de película, senón que tamén se revelan os recordos que conserva o autor de acontecementos conmovedores. Gatten empezou a traballar en Hardwood Process mentres participaba no Film Farm Retreat no ano 1996. Nese tempo aprendeu a experimentar con diversas técnicas de procesamento manual, tratamentos químicos e impresión óptica e por contacto. As súas vivencias resultáronlle emocionantes e propúxose facer algo que xirase arredor delas. Como afirma en «Interview with David Gatten», artigo incluído en Adventures of Perception: Cinema as Exploration, Essays/Interviews, escrito por Scott MacDonald, «Eu quería achegar algo á conversa; quería compartir aquilo que me entusiasmaba». (David Gatten)
FILM-LANDSCAPE-PEOPLE
Marcia Connolly, Angela Joosse | 2008 | Canadá | 16 mm | 4 min
An Exquisite Corpse, un cadáver exquisito, realizado en tres partes durante a Film Farm de 2008, coa axuda da función de rebobinaxe incluída na cámara Bolex, unha caixa mate e a sorte.
DANDELION
Karel Doing | 2018 | Australia, Países Baixos, Reino Unido, Canadá | 16 mm a HD | 2 min
Hai un par de anos descubrín novas posibilidades para a creación de imaxes en emulsión de película mediante o emprego da química interna das plantas. Esta técnica constitúe unha combinación de fotogramas e quimigramas e, por falta dun termo preciso, púxenlle ao método o nome de «fitograma». Traballei con esta idea no meu xardín traseiro, coas plantas e as malas herbas que tiña, e resultou que o mexacán daba un resultado especialmente bo. Esta curtametraxe está dedicada na súa totalidade ao poder e á beleza desta humilde planta. (Karel Doing)
SOMETHING TO TREASURE
Annapurna Kumar | 2018 | EUA | 16 mm a HD | 3 min
Unha cinta de animación bromista e enxeñosa na que se empregan técnicas de procesamento á man con produtos botánicos en conxunción con secuencias atopadas, co fin de analizar os desexos e os pesadelos dos consumidores.
PLUME
Mike Rollo | 2022 | EUA | 16 mm a HD | 8 min
Os dedos despluman probas de voo caídas; colocadas, rastrexadas, para á luz de ave daren vida.
As imaxes de Plume están formadas por marcas de plumas realizadas nos fotogramas tras se empaparen en solución de revelado feita con plantas, e reanimadas mediante técnicas de impresión óptica e edición dixital.
EVERYTHING IS RIGHT HERE
Adrian Kahgee | 2021 | Primeira Nación de Saugeen, Canadá | 16 mm a HD | 6 min
Kahgee, do territorio da Primeira Nación de Saugeen, revela a película con mexacán (planta colonial) e herbas do xénero Trillium (nativas do territorio de Saugeen) para considerar a historia de cada unha delas (como chegaron a estas terras) e as súas propiedades medicinais. «No centro da miña mochila metafórica», escribe Kahgee, «atópase un coñecemento cultural fondamente entretecido na terra». As plantas tamén están relacionadas coa comprensión do mundo no tocante a mudanza, transformación, supervivencia e interconexión. (Janine Marchessault e Philip Hoffman, «Blooming Harmonics: Feminist Ecologies of Process Cinema», Expanded Nature, Lightcone, 2022)
Precedidas por dúas películas recentes de Philip Hoffman:
FLOWERS #3 (KISSED BY THE SUN)
Philip Hoffman en colaboración con Alexander Granger e Jason O’Hara | 2023 | Canadá | Fotograma de 35 mm a HDV | 10 min
Unha procesión de herbas «xorde con todas as súas estruturas, cores e epiderme». A película mesma transfórmase nunha planta que estira con delicadeza pecíolos e pétalos. (Séance 3: « Sentir comme une plante », Museo Nacional de Historia Natural de París.) Estes fotogramas de película iniciáronse cunha inmersión de cinco horas no cuarto escuro; lembrando a festa galega de rúas recubertas de flores en Baiona, preto de Vigo, en 2019, aquí tamén facemos nós unha alfombra floral de fotogramas. (Philip Hoffman)
451 SADDLER STREET 44°10’20.6″N 80°49’27.0″W
Philip Hoffman e os participantes no obradoiro de fitogramas do Fabulous Festival of Fringe Film: Cole Forrest, Heather Harrigan, Loic Minty, Xdzunúm Danae Trejo-Boles | 2022 | 16 mm a HD | 6 min
Un obradoiro comunitario organizado polo Fabulous Festival of Fringe Film en Durham (Ontario) permite que os participantes colaboren na realización de fitogramas en grupo. O traballo resultante apunta a un torrente do que a «fundadora» do fitograma, Karel Doing, considera unha especie de «ser» vexetal, un mundo vernal situado alén do que podemos coñecer ou xulgar. Música: Surface Tension, de Loic Minty. (Philip Hoffman)
FEITO Á MAN NA FILM FARM
PROXECCIÓN CO GALLO DO 30º ANIVERSARIO
Desde hai trinta anos, entre a vizosa vexetación e os ríos próximos a Mount Forest, en Ontario (O Canadá), organízase un singular retiro para cineastas na Film Farm, dirixida por Philip Hoffman e un dedicado cadro de persoal composto por artistas innovadores do ámbito cinematográfico (Rob Butterworth, Christine Harrison, Deirdre Logue, Scott Miller Berry e Terra Jean Long). A Film Farm, fundada en 1994 como Independent Imaging Retreat (Granxa Cinematográfica, Retiro da Imaxe Independente), é un obradoiro intensivo de cinematografía en formato analóxico, dunha semana de duración e impulsado polos propios artistas, que constitúe unha parte esencial da escena canadense do cinema experimental. A Film Farm permitiu o inicio e a posta en valor do labor de cineastas locais, nacionais e internacionais e ampliou as tradicións do cinema experimental no Canadá e alén das súas fronteiras. O obradoiro céntrase no tratamento manual de película de 16 mm e, en datas máis recentes (desde 2012), mediante procesos de revelado con produtos botánicos. Os traballos da Film Farm están influídos pola metodoloxía do cinema do proceso ou process cinema, desenvolvida ao longo de moitos anos a través da propia cinematografía de Hoffman e o curso que sobre a materia imparte desde 2007 na Universidade de York. No cinema do proceso, o artista substitúe o protocolo habitual do guión para pasar a relacionarse directamente co mundo mediante a cámara Bolex de manivela e procesos fílmicos manuais en formato analóxico.
Na primeira parte do programa preséntanse cintas realizadas nos anos iniciais da Film Farm —cando se estableceron os seus métodos de procesamento manual do celuloide con produtos fotoquímicos convencionais—, así como moitas das películas feitas en 16 mm. Na segunda parte reflíctense preocupacións recentes, unha vez que na Film Farm se empezou a recorrer a prácticas de procesamento máis ecolóxicas, utilizando flores e plantas da zona no revelado das películas, para despois as terminar en formato dixital. Tamén na segunda parte do programa está representada a colaboración entre a Film Farm e a Primeira Nación de Saugeen, que ten lugar desde 2018 en Chippewa Hill, situado preto de Southampton (Ontario). As obras das Saugeen Takes on Film (Aproximacións de Saugeen ao Cinema) son unha colaboración entre a Film Farm, o Fabulous Festival of Fringe Film, o Archive/Counter-Archive, a Universidade de York e o Canadian Filmmakers Distributrion Centre (CFMDC), en conxunción con artistas, narradores, gardiáns do coñecemento e mozos da comunidade.
Á Film Farm os participantes non deben ir cunha idea; xa a atoparán dalgún xeito durante a súa estadía. Tras producir case trescentos «graduados» (dos cales practicamente dous terzos son mulleres) e máis de cen obras finalizadas, a Film Farm contribúe a preservar un espírito de descuberta e risco no cinema experimental contemporáneo. Para moitos dos realizadores do programa, a Film Farm serviu de catalizador dos seus esforzos por embarcarse na práctica da cinematografía artística.
Philip Hoffman