SINAIS AMÉRICA LATINA

Xuñ 7, 2024 | Artigos, Destacados

FRAGMENTO DE «FALAR EN LINGUAS. CARTA A ESCRITORAS TERCEIROMUNDISTAS» [1]

Ivonne Sheen Mogollón, curadora de Sinais América Latina, comparte un dos textos de Gloria Anzaldúa que guiaron e inspiraron a súa selección.

26 DE MAIO DE 1980

Queridas mulleres de cor, síntome pesada e cansa e traio un zunido na cabeza —demasiadas cervexas onte á noite—. Mais teño que rematar esta carta. O meu incentivo, convídome a min mesma a comer pizza.

Así é que corto e pego e forro o chan cos meus anaquiños de papel. A miña vida esparexida polo chan en anaquiños e pezas e trato de poñer algunha orde traballando contra o tempo, preparándome psicoloxicamente con café descafeinado, tratando de reencher os ocos (…).

Non creas no papel, senón nas túas entrañas, nas túas tripas e do tecido vivo —escritura orgánica, chámolle eu—. Un poema traballa para min non cando di o que quero que diga e non cando evoca o que quero. Traballa cando o tema co que empecei se metamorfosea alquimicamente noutro distinto, un que foi descuberto, ou destapado, polo poema mesmo. Traballa cando me sorprende, cando di algo que reprimín ou finxín non saber. O sentido e o valor da miña escrita mídense polo risco que corro eu e a nudez que logro (…).

Eu digo muller máxica, baléirate a ti mesma. Estrúllate ata percibires maneiras novas de ver, estrulla os teus lectores ata o mesmo. Para o chío da súa cabeza. A túa pel debe ser sensible dabondo para o bico máis lixeiro e grosa dabondo para evitar as burlas. Se lle vas cuspir no ollo ao mundo, asegúrate de que levas as costas contra o vento. Escribe do que máis nos une á vida, a sensación do corpo, as imaxes vistas, a extensión da psique tranquila: momentos de alta intensidade, o seu movemento, sons, pensamentos. Malia pasarmos fame non somos pobres en experiencias.

(…) Os desexos, soños e fantasías son partes importantes da nosa vida creativa. Son os pasos que unha escritora integra na súa técnica. Son o espectro dos recursos para alcanzar a verdade, o corazón das cousas, a inmediación e o impacto do conflito humano.2

Nellie Wong

Moitas teñen facilidade coas palabras. Poñen a etiqueta de profetas, mais non ven. Moitas teñen o talento de falar, mais non din nada. Non as escoites. Moitas das que teñen palabras e lingua non teñen oído, non poden escoitar e non oirán. Non hai necesidade de que as palabras se inflamen na mente. Xermolan na boca aberta dunha nena descalza entre as multitudes inquedas. Secan nas torres de marfil e nas aulas das universidades.

Tira o abstracto e a aprendizaxe académica, as regras, o mapa e o compás. Tentea sen anteolleiras. Para tocar máis xente, as realidades persoais e o social teñen que ser evocados —non a través da retórica, senón a través do sangue, o brume e a suor.

Escribe cos teus ollos de pintor, con oídos de músico, con pés de danzantes. Ti es a profeta con pluma e facho. Escribe con lingua de lume. Non deixes que a pluma te desterre de ti mesma. Non deixes que a tinta calle no bolígrafo. Non deixes que o censor apague a faísca, nin que as mordazas che calen a voz. Pon as túas merdas no papel.

Non estamos reconciliadas cos opresores que afían o seu xemido co noso laio. Non estamos reconciliadas. Busca a musa dentro de ti mesma. A voz que se atopa soterrada debaixo de ti, desentérraa. Non sexas falsa con ela, nin trates de a vender por un aplauso, nin para que se publique o teu nome.

Con cariño,

Gloria


1 Gloria Anzaldúa. Escrito orixinalmente para Words in Our Pockets, editado por Celeste West, 1985, San Francisco: Bootlegger Press.

2 Nellie Wong, «Flows from the Dark of Monsters and Demons: Notes on Writing», en Radical Women Pamphlet, 1979, San Francisco.

PUBLICACIÓNS RECENTES