FILMOTECA NARCISA HISCH. O AMARIO DOS TESOUROS

Xuñ 13, 2024 | Destacados, Entrevistas

Falamos con Tomás Rautenstrauch, director da Filmoteca Narcisa Hirsch, sobre o recente proceso de preservación e descuberta das películas desta cineasta libre e radical.

Agora mesmo estás moi dedicado ao traballo da Filmoteca Narcisa Hirsch. Cal é a túa relación persoal co seu traballo?

Eu sempre estiven involucrado no seu traballo porque, alén de ser o director da Filmoteca Narcisa Hirsch, son neto dela. Eu ía ás rodaxes de Narcisa, que eran ela cunha cámara e algún amigo que filmaba. Eu estaba aí desde a miña infancia; ela sempre me levaba. Estiven presente nas filmacións de moitas das películas que imos ver neste festival. E logo estiven moi influenciado tamén pola súa forma de mirar o mundo, e nalgún momento empecei a estudar cinema, e logo marchei da Arxentina e traballei na produción de cinema e televisión máis tradicional. Cando iso rematou, volvín á Arxentina e ás miñas orixes, un cinema máis artístico, máis libre. E daquela foi cando empezamos a pensar conxuntamente con Narcisa, ou máis ben Narcisa conxuntamente comigo, que é o que ía suceder coas súas películas. Ela non quería que as súas películas físicas quedasen distribuídas un pouquiño aquí, un pouquiño acolá; entón montamos esta fundación, un espazo físico onde as súas películas se poidan conservar da mellor maneira posible. Logo ela obtivo un premio, que doou para que se puidesen construír a sala de garda e a biblioteca da Filmoteca Narcisa Hirsch. Xa cara ao final, déronme unha bolsa para escanear todas estas películas nos EUA, nos Ánxeles, nun laboratorio fantástico. E grazas a iso podemos ver hoxe as películas na calidade en que as vemos, e descubrir as películas «novas» que están a aparecer.

Houbo un momento fundacional da Filmoteca?

Non houbo un momento fundacional, houbo varios, porque a idea foi avanzando e, pola súa vez, retrocedendo ao mesmo tempo. Primeiro apareceu unha institución nos EUA, mais ela quería que as súas películas quedasen fisicamente na Arxentina. Logo apareceu unha fundación en Buenos Aires que estaba disposta a acoller as películas, pero iso tampouco funcionou porque era xente que non sabía de cinema nin de cinema experimental. E logo apareceu a idea de que Narcisa doase as películas ao Museo del Cine en Buenos Aires. Mais iso tampouco era o ideal porque, a pesar de que é unha institución que funciona bastante ben, e a directora do museo fai o imposible para que así sexa, é unha institución que depende do beneplácito da Administración que estea en cada momento, co cal por veces hai cartos e por veces non, e Narcisa temía pola continuidade diso no tempo. Narcisa tiña un piso moi pequeno que alugaba para ter unha pequena renda. Desalugouno e aí montamos a biblioteca, o que era o dormitorio transformouse nunha sala de garda e o salón transformouse nunha biblioteca, sala de proxeccións e lugar de traballo. E ao principio, nese proceso de ideas que ían e viñan, primeiro houbo un pequeno grupo co cal nos reuniamos con Narcisa para ver películas, onde estaban Cecilia Barrionuevo e Federico Windhausen; Rubén Guzmán; Daniela Mutis, que tamén foi bastante importante porque foi a asistente de Narcisa nos últimos anos; Pablo Marín e Pablo Mazzolo. Ese era o grupo, máis ou menos, do cinema experimental que foi acompañando a Narcisa e foi o primeiro grupo que se implicou na Filmoteca cunha idea amorfa do que ía ser, porque ao principio ía ser un lugar para dar obradoiros ou clases e despois, por si só, foi atopando a súa propia dirección. O grupo foise dispersando, pero a Filmoteca é un lugar físico que require un coidado e unha presenza física en Bos Aires. Así que finalmente quedei eu a cargo da Filmoteca e agora tamén está Lucía Ciruelos, que nos acompañou no último ano e medio facendo a parte arquivística e de restauración.

O traballo da Filmoteca comportou tamén que saian á luz traballos de Narcisa que en principio non estaban pensados para a súa exhibición pública e que finalmente acabaron mostrándose. Pódesnos contar algo sobre ese proceso de decidir escanear certos materiais e mostralos tamén como películas?

Si, iso foi tamén un proceso que tivo a súa propia vontade, porque as películas de Narcisa estiveron moi mal conservadas. Ela gardaba as súas películas nun armario de madeira na casa, que non era o mellor lugar para as gardar. Estiveron aí corenta anos seguindo as temperaturas das fortes calores dos veráns de Buenos Aires, os fríos do inverno etc. Alén diso, a maioría das películas de Narcisa están en copias únicas. Hai copias que ela usaba para facer versións de montaxe diferentes, mais as películas que ela proxectaba eran basicamente unha copia, co cal estaban, na súa gran maioría, moi fráxiles. Cando montamos a Filmoteca e estamos a facer un inventario para levar as películas do seu obradoiro a este piso, decidimos non proxectar máis o fílmico. Pero para facer iso tiñamos que o escanear para que houbese unha boa copia. E, ao mesmo tempo, eu decido empezar a velo todo para ver o que había, todo, os roliños separados, os descartes, as diferentes versións das películas. Narcisa estaba a vivir en Bariloche e, cando viña a Bos Aires, faciamos sesións; por veces estaba tamén Daniela Mutis, e tomabamos notas. E houbo dúas situacións. Unha situación importante foi que, no tempo en que estabamos a mirar esas películas, tamén estivésemos a buscar laboratorios onde escanealas. É un traballo caro; hai un laboratorio que é bastante bo, pero é moi artesanal. E apareceu unha profesora dunha universidade dos Ánxeles que estaba a facer unha investigación sobre as películas de Narcisa, Erin Graff Zivin, e quixo ver o que non estaba dixitalizado no momento en que decidiramos non mostralo, mais, ben, insistiu e viñera dos EUA, así que fomos ao obradoiro de Narcisa e vimos cousas desa lista que eu tiña para ver con Narcisa; Narcisa nese momento estaba en Bariloche, así que collemos tres ou catro rolos e os proxectamos. Eu non vira nunca esas películas, e ela tampouco, obviamente, pero os dous dixemos: «Isto a verdade é que ten que ser escaneado; temos que as poñer en distribución». E iso foi o comezo de longos meses de conversas, correos electrónicos e mensaxes de WhatsApp entre Erin, que estaba nos Ánxeles, e eu, que estaba en Buenos Aires, para ver como o podiamos facer. Despois esa bolsa foise ampliando para poder incluír outras cousas. Neses meses de negociacións, Narcisa viña a Buenos Aires e viamos as películas. E eu ía anotando as películas que me parecían interesantes que non estaban dixitalizadas; as que estaban dixitalizadas que Narcisa distribuía, esas eran as obvias, as que se ían reescanear nunha calidade mellor. Mais despois había unha gran cantidade de películas das que Narcisa dicía sempre: «Iso non é nada, iso non ten valor ningún, iso a ninguén lle interesa, iso fíxeno eu para os meus amigos», e descartábao absolutamente. Eu non lle fixen caso e escaneámolas igual. Logo había unha cantidade de películas que tiñan certos erros na produción, porque son películas feitas moi artesanalmente. Por exemplo, a película Seguro que Bach cerraba la puerta…, que se proxectou o ano pasado no (S8), tiña problemas na banda sonora e algunhas das mulleres non se oían, co cal Narcisa non a proxectaba porque, primeiro, dicía que a ninguén lle ía interesar e, segundo, porque tiña problemas de son, mais eses problemas no dixital se solucionan moi doadamente. E, efectivamente, é unha película moi potente que tivo moitísima distribución. Logo había unha serie de películas que imos ver hoxe no terceiro programa do (S8), que son as cartas. Das que ela dicía: «Ben, iso é algo que eu fixen para o Rafael»; «É un regalo de aniversario para a miña filla Andrea» etc. Hai unha película das de Rafael que é un regalo de aniversario para el, logo hai unha carta para a súa filla Andrea, e eran cousas ás que Narcisa non lles vía o valor para un público que non fosen Rafael ou Andrea. As películas de Rafael, unha vez que foron escaneadas, vímolas xuntos. Narcisa queríaas ver antes de seren distribuídas e vímolas xuntos en Bariloche Narcisa, Rafael e mais eu. Ela quería refrescar a memoria do que se dicía nesas cinecartas e ao final dixo: «Vale, de acordo, están ben para ser distribuídas». Obviamente, Rafael tamén estaba moi conmovido con iso e quíxoas ver. E aínda temos que facer unha sesión porque seguen a aparecer películas con Rafael, feitas con el. E logo hai unha cantidade de películas ás que realmente eu tampouco lles vía o valor, pero os festivais en xeral piden outro tipo de imaxes, para catálogos, para facer un avance, para o que sexa. Entón decidín incluír en todo ese paquete de material escaneado roliños que eran descartes, que me parecía que eran interesantes para estas situacións. E, milagrosamente, programáronse. Neste festival prográmanse películas que se van mostrar por vez primeira destes diarios ou estes rolos que eran descartes, ou estes rolos que non foran mostrados. Así que para min é moi interesante como a vida deses roliños se está a impoñer.

Con respecto a toda esta parte do cinema de Narcisa que non coñeciamos, gustaríame saber cal é a túa favorita dentro desas novas descubertas e por que.

Teño que dicir que sigo a atopar roliños. Seguro que Bach cerraba la puerta… é unha película que me parece marabillosa e que está a se transformar nunha das películas máis importantes da cinematografía de Narcisa. Iso é verdadeiramente incrible. E logo hai unha que é Orfeo y Eurídice, que é unha película que a min me emociona moito. E hai outra película que é a carta Rafael, do 84. Esas son as tres películas que máis me conmoven das que se escanearon agora.

E como se relacionaba ela con iso? Como mostrar todo ese material que para ela non formaba parte da súa obra como tal?

Como digo, non había unha relación moi afectiva. Ela dicía: «Ben, isto non ten valor, isto a ninguén lle vai interesar». E logo sorprendeuse, sobre todo porque Seguro que Bach cerraba la puerta… empezaba a circular por festivais. Estaba máis ben sorprendida; era como unha sorpresa, unha curiosidade porque iso suceda. Mais teño que dicir que no último ano Narcisa, obviamente, tiña interese polo que sucedía coas súas películas e preguntaba como fora e onde se proxectaran. Preguntaba por Ángel y Ana, que os coñecía de cando se proxectou Seguro que Bach… o ano pasado no (S8). Mais, por outra banda, tamén tiña moito desapego polo seu propio éxito. Nun momento dado, Erin Graff Zivin, hai dous anos, pregúntalle polo éxito que estaban a ter as súas películas e a resposta foi que, primeiro, o éxito chegara demasiado tarde e, segundo, que ela nunca perseguira ese éxito nas súas películas porque, se non, faría outro tipo de cinema. E iso paréceme tamén moi importante, que ela fixese un cinema absolutamente libre, e esa liberdade tamén estaba ligada á non-busca dun éxito en todo sentido.

No festival abrimos o ciclo cunha película que está filmada por ti e por ela, que é Pradera. Pódesnos contar onde foi filmada esa película, como xorde esa idea?

Si, esa película ten dous pais. Un pai é unha imaxe que está refilmada, que é a imaxe deses pasteiriños, porque ela tiña en Bariloche un grande espazo e decidiu facer unha plantación de avea e de diferentes tipos de pastos, porque no verán é famoso o vento patagón e ela gustaba moito dese vento que facía bailar os pastos; gustaba moito dese movemento. E sempre me pediu filmalos, simplemente ter un rexistro dese baile; entón eu, durante varios veráns, filmei iso cunha cámara de vídeo. Pero nunca fixemos nada. Ata que nalgún momento apareceu Azucena Losana, que traballaba nun laboratorio de Super 8 en Buenos Aires que se chama Arco Iris. E Arco Iris ten, ou tiña nese momento, un concursiño que se chama Toma Única, no que regalaban un roliño de Super 8 para un facer unha película sen montaxe, simplemente co que se filmaba na cámara. Entón deunos un roliño a Narcisa e a min para codirixirmos unha película. E, ben, fixemos esa película de tres minutos. O resultado final foi proxectado unha soa vez, e logo, moitos anos despois, no (S8) o outro día. A sala que aparece é o obradoiro de Narcisa, onde gardaba as películas e onde, cando viña de Bariloche a Buenos Aires, nos xuntabamos o grupo do cal falaba antes. Era a súa casa; xuntabámonos cear cun grupo de cineastas e, logo de cear, subiamos ao obradoiro ver películas. Por veces eran películas que traían amigos que viñan de viaxe; por veces eran cineastas que estaban de visita e proxectaban as súas películas. Outras eran as películas de Narcisa, da súa colección, cando se abrían esas famosas portas do roupeiro que estaban nese obradoiro. Vese a propia pantalla, que caía fronte á biblioteca de cinema, e vese a Narcisa a sentar. Esa película gústame moito porque se ve a Narcisa sentada no lugar onde ela sentaba para ver esas proxeccións. Despois das proxeccións, baixabamos de volta á cociña para tomar un xeado e falar sobre o que viramos. Esas eran as nosas xuntanzas. O xeado era moi importante.

Hai varias cousas. É Narcisa a entregarme o rolo e a cámara. E despois está a refilmación, a lle facer eco ao que ela sempre facía de facer refilmacións. E tamén hai un eco do zoom das películas de Narcisa; hai un zoom que remata neses pasteiriños que son como unha nada.

PUBLICACIÓNS RECENTES