TALLER DE CINE ANALÓXICO NA COSTA DA MORTE IMPARTIDO POR ÁLVARO FELDMAN

Xul 1, 2024 | Destacados, Novas

Convócanse 7 prazas.
Duración: 7 días. Do 28 de xullo ao 3 de agosto de 2024.

Coste: 700€. Inclúe aloxamento, manutención, laboratorio e todos os materiais necesarios (película, equipos, químicos, etc.).

O taller, dunha semana de duración, abordará a elaboración artesanal de películas en súper 8 e 16 mm, de maneira colectiva e ao mesmo tempo de forma independente e autónoma. Introducirase aos asistentes ás ferramentas e posibilidades técnicas e estéticas do celuloide.

Filma, revela e proxecta. Unha experiencia única para facer películas coas nosas propias mans.

Esta acción creativa terá lugar nunha contorna natural inigualable que favorecerá a concentración, o intercambio de ideas e un contacto máis directo entre a arte e a sociedade. Ademais, como parte da actividade, levarase a cabo unha excursión polos lugares máis emblemáticos da zona, guiados polo actor e escritor Suso Lista.

CORME – COSTA DA MORTE (A CORUÑA)

Aquí se agocha un dos tesouros de Galicia, feramente gardado polo mar. En Punta do Roncudo, nun dos cantís batidos por unha oleaxe inclemente, danse os mellores percebes do mundo. Pero tamén aquí, as brancas cruces que rodean o faro lembran aos percebeiros que perderon a vida aos seus pés. En plena Costa da Morte o océano dá unha pequena tregua e se converte na Ría de Corme e Laxe.

En Corme destacan as casas mariñeiras pintadas de cores e, nas súas proximidades, a enigmática Pedra da Serpe. E para relaxarse, as praias de Balarés e Soesto, esta última na boca da ría. No fondo da ría o mar traga o río Anllóns, deixando un esteiro cunha língua de area de máis de 2 km, paraíso de colimbos, gansos, garzas e tadornas.

INSCRICIÓN

Envíanos a túa solicitude a [email protected] co asunto “Taller cine Corme” indicando o teu nome completo e número de teléfono.

Prazos
As solicitudes poderán presentarse entre o domingo 9 de juño e o domingo 7 de xullo de 2024 ás 23:59 (GMT+1)

As 7 primeiras persoas inscritas serán contactadas e se lles indicará a forma de pago que deberán realizar no prazo de 48 horas para reservar a súa praza.

TALLER IMPARTIDO POR ÁLVARO FELDMAN

Álvaro Feldman é cineasta, artista visual e fundador de ACME Obscura, un dos poucos laboratorios en España dedicados ao cine fotoquímico. A súa práctica explora as posibilidades do traballo co material fílmico. Realizou proxectos como o laboratorio Fuera de Campo en Sevilla, foi profesor en LAV, en Madrid, e as súas películas exhibíronse no Anthology Film Archives (Nueva York, EEUU), eo (S8) Mostra Internacional de Cinema Periférico (A Coruña, España), o festival Experiments in Cinema (Albuquerque, Novo México, EEUU) o exf f. – tage des experimentellen films Frankfurt (Alemaña), no programa online do Instituto Cervantes “Arrebato en celuloide” en Xcéntric-CCCB (Barcelona), en Tramallol (Sevilla) ou o Palacio del Almirante (Granada).

En 2023, o seu proxecto Torontontero, foi o seleccionado na 7ª convocatoria das residencias BAICC para ser desenvolto no Liaison of Independent Filmmakers (LIFT) de Canadá e, posteriormente, presentado ese mesmo ano no (S8) Mostra de Cinema Periférico. Entre as súas películas destacan La tarara (2021), Soleares para el Popeye (2022), Diorama (2022), Torontontero (2023) e Aka y Rita (2023).

PUBLICACIÓNS RECENTES