
A menos dun mes para o seu arranque oficial, o (S8) Mostra de Cinema Periférico desvela os grandes nomes do cinema experimental internacional que acudirán á cita na Coruña entre os días 3 e 8 de xuño, con máis cinema feito por mulleres, máis cinema en directo e unha homenaxe ao formato Super 8, que este ano cumpre o 60 aniversario do seu lanzamento.
A XVI edición da Mostra festival preséntase cunha programación internacional moi diversa con máis de 100 películas de 60 cineastas, incluíndo retrospectivas inéditas, estreas internacionais e eventos performativos de países como Venezuela, Chile, México, Brasil, Arxentina, Italia, Austria, Francia, Suíza, Reino Unido, Canadá, EE.UU., Senegal, Uganda, España e Galicia.
CARLOS CASTILLO, DANIELA CUGLIANDOLO E O SUPER 8

A aparición do formato Super 8 xogou un papel singular dentro da historia do cinema experimental, favorecendo a liberdade nos primeiros pasos de creadores recoñecidos hoxe en día. É o caso de Carlos Castillo. Nacido en Caracas en 1942, é unha das figuras máis destacadas da arte venezolana e forma parte dunha xeración mítica de superocheros do país caribeño, onde a finais dos 70 estivo á fronte do Festival del Cine en Super 8 de Caracas, unha das mecas mundiais do cinema neste formato. En 1981 levou o Super 8 ao Festival de Cannes por vez primeira, o que significou un fito na historia do Super 8.
Para el, o cinema é unha acción artística, desde a filmación ata a proxección, na que interactúa coa imaxe en directo, algo que poderemos vivir no (S8), onde terá a primeira retrospectiva da súa filmografía en Europa, con todas as obras proxectadas no seu formato orixinal. Con títulos como Esta película está que quema (1980), Intento de vuelo fallido (1982) o Hecho en Venezuela (1977), as súas obras foron obxecto de estudo pola súa influencia no cinema experimental e o propio autor ofrecerá durante o festival na Coruña unha masterclass sobre a historia do cinema de vangarda venezolano en Super 8.


T.V.O. (1979) e Uno para todos y todo para todos…_! (1980) de Carlos Castillo
Se Castillo representa aos pioneiros do Super 8, a arxentina Daniela Cugliandolo é considerada a ponte entre esa xeración e a de cineastas actuais que seguen usando o analóxico. A obra de Cugliandolo, que comeza en 1999, marca o cambio de milenio e tamén os novos achegamentos ao Super 8 nun momento no que parecía abocado a sucumbir por mor do vídeo. Na Coruña presentará obras como Nosferatu 2000 (1999) e Gina (1999), nas que xoga cos códigos do cinema mudo. Tamén películas máis recentes e próximas ao surrealismo, como Flama (2016) e Gaias (2021).



Daniela Cugliandolo. Las Mucamas asesinas – trilogía (2000) e Gaias (2021)
AS CREADORAS COPAN O FESTIVAL CON ARTISTAS COMO BETZY BROMBERG E JEANETTE MÚÑOZ
Ao redor de dous terzos dos títulos programados nesta edición do (S8) están realizados por mulleres, con programas destacados, retrospectivas, obras inéditas en España, estreas e sobre todo, a presenza das súas autoras durante a proxección.
Recibiremos á estadounidense Betzy Bromberg, quen revisará a súa carreira desde as súas primeiras películas, co punk, o feminismo e a crítica ao sistema do Nova York dos 70, ata as súas últimas películas, que viran cara a un delicado traballo coa abstracción. Ao longo de tres sesións Bromberg repasará a súa obra proxectada en 16mm, incluíndo o pase por vez primeira en España de dúas das súas longametraxes, a Darkness Swallowed (2005) e Glide os Transparency (2016).



Betzy Bromberg. Ciao Bella (1978) e Glide of transparency (2016)
A chilena Jeanette Múñoz, pola súa banda, estreará no (S8) duas das súas novas longametraxes, Fuente Alemana (2024) e El Cortijo (2025) dedicadas a enclaves singulares de Chile e máis aló, reflexionando sobre a relación que se establece con eses lugares desde a mirada dunha persoa migrante. Recoñecida como a muller referente do cinema de vangarda mundial contemporáneo, concibe as súas obras como un proceso aberto e orgánico, como mostrará coa serie de cartas filmadas Envíos (2005-2025) ou a proxección de Puchuncaví (2025), na que incorpora unha performance coa costura relacionada coa memoria persoal e as orixes do propio cinema.



Jeannette Muñoz. Puchucanví (2025) e Envíos (2025)
A XVI edición do (S8) Mostra de Cinema Periférico está organizada pola Asociación Cultural eSe8 e conta co patrocinio da Concejalía de Cultura y Turismo del Ayuntamiento de A Coruña e mais o apoio da Axencia Galega das Industrias Culturais da Xunta de Galicia (Agadic), a Deputación da Coruña, o Instituto de la Cinematografía y de las Artes Audiovisuales (ICAA), Acción Cultural Española (AC/E) e a Fundación Luis Seoane.