SINAIS
PROGRAMA 1
Sala (S8) Palexco | Martes 3 de xuño | 18:30 horas | Entrada libre a todas as sedes ata completar capacidade. Non será posible acceder ás salas unha vez empezada a proxección.

Montaña Abaixo
Carlos M. Peñalver | 2025 | Galicia | Super 8 dixitalizado | 8 min
Joaquim Marvão, o líder da transhumancia de Vila Nova de Tazem, encárgame rexistrar o descenso dos rabaños, un ritual centenario na Serra da Estrela. É o verán de 2022 e Portugal enfróntase a unha vaga de incendios devastadores. Contra todo prognóstico, Joaquim decide levar a cabo o descenso, pero algo sae mal na gravación. (Carlos M. Peñalver)

Ulía
Laura Moreno Bueno | 2024 | España | 16 mm dixitalizado | 14 min
Unha colaxe construída desde o fotograma que presenta a posibilidade de unir diferentes lugares a partir das distorsións do espazo, encerrando distintas paisaxes nun mesmo encadramento para así crear outras inexistentes pero potencialmente reais. (Laura Moreno Bueno)

Servidumbres de la luz
Pablo Useros y Deneb Martos | 2025 | España | 16 mm | 11 min
O misterio é aquilo que fai inesgotable a realidade. Servidumbres de la luz é unha película-nube indeterminada filmada durante dous agostos na Ribeira de Alge (Portugal). (Pablo Useros e Deneb Martos)

Al mirar a lo lejos
Marta Lara | 2024 | España | 8 mm | 7 min
Al mirar a lo lejos é unha película gravada na illa de Lanzarote que centra a súa narrativa na observación do horizonte. O filme estrutúrase a partir dunha serie de movementos de cámara (ascendentes e descendentes) e presenta diferentes encontros entre paisaxes-fotogramas, así como unha progresión rítmica que tenta esgotar todas as posibles combinacións ata chegar a confundir o que está abaixo co que está arriba, o ceo coa terra, o escuro co brillante. (Marta Lara)

Áncora
Cristina Souto Pita | 2025 | Galicia | Super 8 dixitalizado | 3 min
A curta captura as relacións de coidado entre unha nai, a súa filla e o contorno que recolle as súas accións. A praia do Baleo non é só un lugar para o recordo, senón que é tamén un espazo que habitar. As imaxes deste encontro amosan unha reflexión ao redor do estado de vínculo. (Cristina Souto Pita)

windowway
Jorge Suárez-Quiñones Rivas | 2025 | España | 16 mm | 8 min
o ritmo interno de estruturas non vivas e vivas entre a noite e o día
un recoñecemento do íntimo falar de calquera cousa
seres autosuficientes e máquinas que traballan simultaneamente no limiar, cara a cara
—e, namentres, tórnaste pouco a pouco en parte dese sistema autónomo—
unha expansión dos nosos propios sistemas comunicativos
unha paisaxe romántica, onde todo se atopa ao mesmo nivel e os dous extremos da frecha
se funden nun só punto
nunha estadía máis longa do previsto, unha estadía nocturna, unha estadía ata a mañá
un ir e vir polo fragmento espaciotemporal máis fino posible
a pasarela diagonal que vai da sala dos espellos ao escenario
ao bordo de… ao bordo de…
atrapados antes dun para sempre
adeus, ola!
Música de Jessica Moss. Co apoio do WIELS Contemporary Art Center, Canal180, gnration e Culturgest.

Viento
Sofía Acosta Varea e Anaís Córdova-Páez | 2024 | España | Super 8 dixitalizado | 5 min
Viento é un relato visual en Super 8 onde varias persoas migrantes recordan e viven o vento andino desde a súa memoria. As dúas directoras, migrantes tamén, recollen sete testemuños e crean un relato común verbo do recordo do vento como sensación, son, olor, sabor, imaxe. O vento como suxeito do movemento, como acompañante da migración, como ese intersticio da nostalxia en que se reúnen o dó de migrar e a alegría de se mover.
SINAIS
ABRANGUER E APERTAR
A programación do (S8) artéllase arredor dunha idea fundamental no cinema experimental, que é a importancia do corpus fílmico dunha persoa, por riba das súas obras individuais. Trátase de considerar o que alguén tenta facer ao longo da busca dunha vida, película a película. No entanto, alén de botarmos a vista atrás, sabemos que para que haxa un futuro hai que mirar ao presente. É por iso polo que a sección Sinais, na cal reunimos traballos recentes feitos na Península Ibérica, foi crecendo en alcance e importancia dentro da Mostra. Tanto que este ano ampliamos a unha sesión máis a selección, nun desexo de podermos abranguer moito sen deixarmos por iso de apertar e aglutinar. Porque Sinais tamén ten a misión utópica de xerar unha comunidade, misión que non admite competicións e que se basea en ofrecer espazo ás vellas amizades e en recibir as que acaban de chegar.
Entre as películas que este ano incluímos no devandito apartado fórmanse afinidades e alianzas. No programa 1, por exemplo, vemos unha serie de películas que se poden pensar desde a idea do territorio. MONTAÑA ABAIXO, de Carlos M. Peñalver, achéganos a Vila Nova de Tazem, en Portugal: vemos a paisaxe e, mirando máis de preto, a quen o habita, os pastores e as cabras, ao axexo dos lumes, cada vez máis frecuentes. A película parece ofrecerlles un alivio ao final, da man das posibilidades do cinema de encabalgar unha paisaxe sobre outra. Precisamente a paisaxe, e a natureza, é unha obsesión do cinema experimental, e é quizais o cinema un método humano na construción desa mesma idea. Di Alberto Caeiro (heterónimo de Pessoa) en O Guardador de Rebanhos:
Vin que non hai Natureza,
que a Natureza non existe,
que hai montes, vales, planicies,
que hai árbores, flores, herbas,
que hai ríos e pedras,
mais que non hai un todo a que iso pertenza,
que un conxunto real e verdadeiro
é unha doenza das nosas ideas.
A Natureza é partes sen un todo.
Isto é talvez o misterio de que falan.
A montaxe aglutina esas partes sen un todo; os xeitos de facer do cinema de vangarda amalgaman o misterio. E así como podemos ver os persistentes estudos naturais de películas como ULÍA, de Laura Moreno Bueno; SERVIDUMBRES DE LA LUZ, de Deneb Martos e Pablo Useros, e AL MIRAR A LO LEJOS, de Marta Lara. ULÍA parte da obsesión de Moreno Bueno por filmar o monte do mesmo nome (para logo o transcender), urdindo un complexo traballo de capas e superposicións que crean unha paisaxe imposible. SERVIDUMBRES DE LA LUZ capta as transparencias, reflexos e escuridades na auga dun río no verán, nun rexistro atmosférico e emocional dunha contorna natural cotiá. AL MIRAR A LO LEJOS propón un xogo coa liña do horizonte, con todas as suxestións formais que iso comporta, aproveitando os ecos que propician os catro cadros que vemos na pantalla ao proxectar película de 8 mm sen cortar. ÁNCORA, de Cristina Souto Pita; windowway, de Jorge Suárez-Quiñones Rivas, e VENTO, de Sofía Acosta Varea e Anaís Córdova-Páez, presentan, pola súa banda, unha exploración do territorio que conduce ao persoal. Cristina Souto Pita traza unha sorte de correspondencia íntima en Super 8 que se inscribe sobre a estampa dunha praia. Jorge Suárez-Quiñones Rivas conecta a interioridade do espazo de traballo (e a introspección do artista) coa paisaxe urbana que recorta a fiestra do taller. Sofía Acosta Varea e Anaís Córdova-Páez toman un elemento natural intanxible, o vento, como base da evocación dunha terra distante, impresa de maneira indeleble na memoria de varias persoas migrantes.
Se o programa 1 se compón de rexistros máis ou menos documentais do contorno sobre os cales se proxectan as ideas, anhelos e fantasías dos cineastas, o programa 2 válese dunha serie de postas en escena, utilizando ese método para propósitos que escapan á simple idea de ficción. Tanto SOLPOSTO, de Iago Lourido, como THE LAST SORROW OF A DEFEATED WIZARD, de FLESH.WEBM, formulan a existencia de misteriosas realidades paralelas en lugares en principio pouco propicios para a fantasía. Lourido lévanos a unha sorte de rural galego pasado pola peneira de David Lynch, e FLESH.WEBM preséntanos unha personaxe, unha maga, que pasea por sitios industriais e por escuros chats de Internet. Pere Ginard, vello coñecido da Mostra, utiliza en CREO QUE DIJE «SÍ» a manipulación de imaxes atopadas e a animación para velar os límites do documento, construíndo así unha mensaxe fantasmal dun pasado inventado. Cuestiónase, deste xeito, a natureza de «proba irrefutable» da imaxe fotográfica, que tamén pode ser artificiosa, cuestión que parece subxacer, así mesmo, baixo UNA NOCHE Y POCOS RECUERDOS, de Natalia Rabaneda, que arma unha coreografía de evocacións e superposicións para examinar a fraxilidade inherente á lembranza. O retrato forma parte tamén dese conxunto de ferramentas memorísticas da fotografía. CARA A CARA A CARA, película colectiva nada de LAV, parte do retrato de dúas persoas que se fusionan e separan grazas ao uso enxeñoso dunha técnica fotográfica, a das máscaras ou reservas. A película é un retrato pensado ad hoc para ese propósito que explota ao máximo as posibilidades desa combinatoria entre imaxes, usando para iso os encadramentos, os movementos e as posicións dos corpos. Dúas persoas nun parque, convocadas polo xesto cinematográfico, conectan co punto de partida de PBF #01, MADRID, de Borja Rodríguez. Rodríguez convoca en El Retiro un grupo de persoas, acompañadas dos seus libros de peto favoritos. As persoas executan a acción de ler para a cámara; o retrato componse da súa presenza física e da tintura espiritual de que as dotan os libros elixidos. Presentamos tamén unha peza sonora de Rodríguez, BOLOGNA, 24 DE JUNIO, un relato que, como os libros, nos convida a poñer en escena na nosa mente o que se nos conta na escuridade da sala. O cinema evoca outras artes nas obras de Rodríguez, igual que o fai en LAXUS, película activada por Pablo Arenas en LAV. Neste caso, a idea da performance está na mesma filmación da película, que se converte nunha serie de xestos que emulan os da pincelada dun pintor.
As películas do programa 3 converxen en certa idea da arqueoloxía, a de desenterrar restos de sociedades pretéritas. É o que parece tentar Blanca García en HOW TO MAKE MAGIC, onde invoca os rastros dos seres que pasaron polo bosque inglés que retrata, usando para iso un libro de maxia. A cámara obra o milagre. O labor de escavación faise efectivo en FURADA NEGRA, de Berio Molina, que vai da man do interese do artista galego por captar sons de covas. Esas expedicións espeleolóxicas levan tamén á recuperación dun arquivo fotográfico, e a unha compilación de textos. Mais a ambición da película excede a dos documentos na súa propia combinatoria e condúcenos a novos lugares a través do uso de pezas sonoras, gravacións de campo e sons de arquivo. A peza arqueolóxica en si, neste caso unha réplica dunha cabeza olmeca situada en Vallecas (Madrid), sérvelle a Olmo Cuña como punto de partida en COLOSAL #8. Cuestións como o colonialismo e o artificio do cinema primitivo saen a colación nesta película coloreada á man fotograma a fotograma, historia que soña coa restitución imposible do espolio e da súa falsificación. Os vestixios como idea xorden tamén en FRAGMENTS OF, de Elena Calvo, filme confeccionado con restos de películas atopadas en 16 mm. Establecendo un interesante xogo co son, na obra de Calvo é o propio resto arqueolóxico en si o que serve fisicamente como materia prima da película. THIS IS NOT A POLITICAL FILM, de Pablo Useros, parece querer facer un retrato deformado dos tempos que corren como legado para o futuro. E, aínda que a película esquive a súa condición política, na propia concepción formal termina alzándose unha voz crítica. Finalmente, PYONGYANG LIVER, de FLESH.WEBM, é outra das películas desta sesión que nos fan cuestionar a autenticidade do documento. O que semella a cinta atopada dun interrogatorio en Corea do Norte é en realidade unha confluencia imposible de tempos e lugares que debuxan unha especie de promesa de futuro apocalíptico.
Elena Duque