UNHA APROXIMACIÓN AO VOLCÁN

Filmoteca de Galicia | Martes 3 de xuño | 20:30 horas | Entrada libre a todas as sedes ata completar capacidade. Non será posible acceder ás salas unha vez empezada a proxección.

Fuji
Robert Breer | 1974 | EUA | 16 mm | 9 min

Un logro poético e rítmico fascinante (en rotoscopia e animación abstracta), no cal fragmentos de paisaxes, pasaxeiros e interiores de tren se combinan para formar un soño máxico, en cor, dunha viaxe. (Amos Vogel)

I.E. [site 01-isole eolie]
Lotte Schreiber | 2004 | Austria, Italia | Super 8 e vídeo dixitalizados | 8 min

Estrómboli aparece brevemente, como sacada por un chispazo da escuridade en que de novo aparece. A continuación, achegámonos ás illas Eolias. 

Na súa representación cinematográfica, o movemento e a inmobilidade chocan como chocan a materialidade do Super 8 e o vídeo. No espazo, que xorde a medida que a cámara inspecciona a escena, a paisaxe estúdase como experiencia sensual, mais tamén como obxecto estático de representación. As gravacións en Super 8 do volcán, o mar e a illa, estáticas e realizadas cun estrito encadramento, constrúen unha beleza sublime, en consonancia coas convencións da pintura de paisaxes. As turbulentas gravacións en vídeo, pola contra, xogan cun estilo aparentemente directo, cunha mirada subxectiva e o carácter físico das imaxes. Estas vistas contraditorias dunha topografía dada están ligadas a unha rigorosa estrutura métrica; a subxectiva e fascinante cartografía da paisaxe xorde da confrontación e asociación daquelas. […] En I. E. [site 01-isole eolie], a paisaxe sométese ao ollo da cámara e tradúcese a imaxes. Como afirma Robert Smithson, parece que «a abstracción e a natureza se fusionan na arte; é a cámara a que desencadea esta síntese». E, ao final, Estrómboli, máis unha vez, afástase da mirada da cámara para desaparecer na escuridade. (Barbara Pichler) 

La Montagne infidèle
Jean Epstein | 1923 | Francia | 28 mm dixitalizado | 25 min

La Montagne infidèle era a peza perdida da obra de Jean Epstein. Con 26 anos e ao inicio da súa carreira, Epstein filmou este documental da erupción do Etna de xuño de 1923. Rodada entre Cœur fidèle e La Belle Nivernaise, ambas do mesmo ano e con Paul Guichard como operador, La Montagne infidèle incide no interese polos escenarios reais que dominará a súa filmografía a partir dos anos 30 e que aquí adopta a forma do cataclismo e o extraordinario. A aura mítica da película provén non só do seu tema e das súas condicións de rodaxe, senón tamén dos escritos ensaísticos de Epstein. O seu segundo libro sobre cinema titulouse Le Cinématographe vu de L’Etna («O cinematógrafo visto desde o Etna»), e nel a reflexión teórica parece xurdir da experiencia extrema do volcán. 

En 2021 os herdeiros de Pere Tresserra fixeron un depósito na Filmoteca de Catalunya dunha colección de películas Pathé-KOK, un sistema en 28 mm para un circuíto educativo e familiar. Grazas ao traballo do 2CR (Centre de Conservació i Restauració da Filmoteca de Catalunya), identificouse esta copia de La Montagne infidèle na colección e procedeuse á súa restauración. E así como á fin se pode proxectar de novo o que o cinema viu no Etna. (Daniel Pitarch e Rosa Cardona)

Filmoteca de Catalunya, Col·lecció Pere Tresserra.

Light, Noise, Smoke, and Light, Noise, Smoke
Tomonari Nishikawa | 2023 | EUA, O Xapón | 16 mm | 6 min

Nun festival de verán do Xapón graváronse uns fogos artificiais cunha cámara de formato Super 16 para obter imaxes na área da banda sonora óptica da tira de película. Nun proxector de 16 mm, a posición da célula fotoeléctrica que permite ler a información visual presente nesa área vai 26 fotogramas por diante da posición da xanela pola cal se proxecta a imaxe. Cada conxunto de gravacións de dous rolos de película en 16 mm cortouse en tomas de 26 fotogramas cada unha e esas tomas alternáronse entre rolos, o que separaría aínda máis a parte sonora e a visual, ao tempo que xeraría un ritmo ben definido ao longo da película. (Tomonari Nishikawa)

DO CENTRO DA TERRA AO FIRMAMENTO. UNHA APROXIMACIÓN AO VOLCÁN

Un volcán é en certo modo a pasaxe entre dous mundos: é unha abertura pola cal sae ao exterior o magma producido no interior da Terra, en forma de lava. Montañas temibles e fascinantes, que arrasan aínda que tamén purifican. Unha erupción volcánica é un espectáculo magnético mais difícil de retratar polo seu perigo. Un volcán en repouso é unha figura que infunde un sentimento perturbador, de urxencia vital e de presente. Evocando a imaxe do cartel desta edición da Mostra, unha colaxe de volcáns e lumes, o programa que aquí traemos é un breve percorrido por tal idea de volcán. 

Abrimos con Fuji (1974), película que marca un fito na carreira da que quizais sexa a figura máis importante da animación experimental, Robert Breer. Partindo dun rexistro doméstico dunha viaxe en tren polo Xapón, Breer fixa a vista no monte Fuji, cono volcánico que é o símbolo do país, monte sagrado de incrible beleza. Abstraendo as súas formas, e a base de continuidade descontinua e rotoscopia, Breer replica a omnipresenza do Fiji mirándoo desde a distancia: así se nos presenta o volcán. 

Seguimos a achegarnos a través de I. E. [site 01-isole eolie] (2004), da austríaca Lotte Schreiber. O lugar elixido por Schreiber tamén está cargado de simbolismo, neste caso cinematográfico: trátase de Estrómboli (Stromboli en italiano), unha das illas Eolias, parte dun arquipélago volcánico ao norte de Sicilia. O mar ten un forte protagonismo neste filme, no cal a presenza humana se deixa sentir marchando polas cinzas de erupcións pasadas, ascendendo ao volcán, en contraste coas tomas alongadas, paisaxísticas. O volcán empeza a fumegar. 

A erupción do volcán vénnos da man de Jean Epstein nunha película de 1923, La Montagne infidèle. Desta volta trátase do Etna, volcán activo da costa leste de Sicilia, preto da cidade de Catania. Unha película perdida (atopada felizmente e restaurada pola Filmoteca de Catalunya) que marca o inicio da carreira de quen sería un cineasta de lirismo senlleiro, e tamén un entusiasta teórico crente no cinema como arma de futuro. O rexistro da erupción do volcán constrúe unha historia que pon de relevo a natureza terrible mais cíclica deste fenómeno, o cruzamento entre a vida e a morte. O fume ascende, as árbores arden, a lava avanza con enganosa parsimonia. Unha persecución implacable a cámara lenta, que será sonorizada en directo por Torso, proxecto do músico galego Ibán Pérez. 

Vulcanólogos como o polaco Haroun Tazieff ou os franceses Katia e Maurice Krafft (hoxe célebres polo documental Fire of Love) tiveron que inventar enxeñosos traxes e dispositivos para poder filmar os volcáns preto dabondo como para retratar fielmente a espectacularidade das erupcións e da lava a explotar a vermello vivo. No entanto, neste programa decidimos trasladar esa experiencia ao ámbito do simbólico con Light, Noise, Smoke, and Light, Noise, Smoke (2023), última película do cineasta xaponés Tomonari Nishikawa, quen nos visitou en 2021 e protagonizou un dos Camera Obscura que emitimos en 2020. É así como queremos despedir un cineasta brillante e unha das máis extraordinarias persoas que nos trouxo este oficio, e renderlle homenaxe. A película toma un motivo sinxelísimo, que é a filmación duns fogos artificiais, e a forza de intelixencia cinemática amplifica e dota de ritmo a emoción primixenia do espectáculo. Esta é a nosa representación do estoupido da lava, a nosa inmersión no volcán e achegamento definitivo a el a través do cinema. Pois non son acaso as erupcións volcánicas os fogos artificiais que fan detonar as entrañas da terra? 

Elena Duque