DANIELA CUGLIANDOLO

Sala (S8) Palexco | Mércores 4 de xuño | 17:00 horas | Entrada libre a todas as sedes ata completar capacidade. Non será posible acceder ás salas unha vez empezada a proxección.

Las mucamas asesinas (triloxía)
Daniela Cugliandolo | 2000 | A Arxentina | Super 8 | 10 min

Inspirada na obra de teatro Las criadas, de Jean Genet, nesta versión as criadas logran o seu desexo, envelenan a señora e entréganse ao pracer co resto do persoal doméstico.

Nosferatu 2000 
Daniela Cugliandolo | 1999 | A Arxentina | Super 8 | 3 min 

Unha versión do clásico vampiro que, voraz e sensual, consome as súas submisas vítimas sen atopar saciedade. 

Cocinero
Daniela Cugliandolo | 1999 | A Arxentina | Super 8 | 3 min

A historia dun cociñeiro que mestura os ingredientes de cociña co odio a unha muller. 

Alicia, Lewis Carroll y el tiempo 
Daniela Cugliandolo | 2000 | A Arxentina | Super 8 | 3 min 

Un gran libro, en versión cinematográfica libre, sobre a curiosidade que abre camiños, a manipulación do tempo e a transgresión no amor. 

Gina
Daniela Cugliandolo | 1999 | A Arxentina | Super 8 | 3 min

Unha glamorosa ladroa e os seus secuaces dan o golpe definitivo. 

in fellini 
Daniela Cugliandolo | 2012 | Italia, España | Super 8 dixitalizado | 4 min

Entre os raídos decorados de Cinecittà, un antigo acueduto romano e a Fontana di Trevi, os dous personaxes deambulan cos seus discursos solitarios. A desconexión é a morte do amor e eles son as súas pantasmas. 

Pneurosis (en el baño)
Daniela Cugliandolo | 2001 | A Arxentina | Super 8 dixitalizado | 5 min

Fragmentación e repetición; os obxectos cotiáns ao servizo das obsesións dunha muller que amosa algo máis que os seus hábitos de hixiene. 

Spaghetti del rock (videoclip de Divididos)
Daniela Cugliandolo | 2012 | A Arxentina | Super 8 dixitalizado | 5 min

Se fose posible rearmar o amor… No medio dun gran crebacabezas cubista, a mirada dun arlequín suspendido traspasa as máscaras.

Cien hombres ni uno más (videoclip de Nacho Umbert & la Compañía)
Daniela Cugliandolo | 2012 | España, A Arxentina | Super 8 dixitalizado | 3 min

Un paseo pola costa norte de Cataluña; pescadores que axexan mar a fóra; debaixo, a danza acuática da lura. 

Odisea
Daniela Cugliandolo | 2015-16 | A Arxentina, España | Super 8 dixitalizado | 4 min

Os múltiples significados da auga, de se facer ao mar, estar de viaxe, arelar a costa. Esta curtametraxe inspírase na Odisea de Homero, unha épica sobre a aventura, a nostalxia e a supervivencia, e en Ulises, icona somerxida nos vaivéns da existencia humana. 

Flama
Daniela Cugliandolo | 2016 | A Arxentina, España | Super 8 dixitalizado | 3 min

Poderosa muller condutora de lumes. Ancestrais rituais sagrados. A rocha devén area e a madeira chama. 

Gaias
Daniela Cugliandolo | 2021 | A Arxentina, España | Super 8 dixitalizado | 2 min

Rachaduras polícromas espállanse sobre dúas deusas á beira do mar Mediterráneo.

DANIELA CUGLIANDOLO

A REGRA DO XOGO

A regra do xogo é simple: un carrete de Super 8 en branco e negro, uns tres minutos filmables cos que hai que armar unha historia montada na cámara. A limitación, a imaxinación e a bagaxe propia son os factores que moldean as películas de Daniela Cugliandolo, que veñen dunha especie de pasado-futuro impreciso do cinema. 

Daniela Cugliandolo participaba nunha montaxe teatral de As criadas, de Jean Genet, cando se topou coa posibilidade de filmar en Super 8. E unha vez que empezou non puido parar: foi así como deixou de lado o teatro, a súa ocupación de anos anteriores, para se dedicar de cheo ao cinema. E de As criadas xorde xustamente Las mucamas asesinas, serial de crimes, triloxía de películas-cartucho que definen a liña do seu cinema. A cámara de Super 8 non grava son, co cal se impón a narrativa do cinema mudo, que todo o ha de contar a través da imaxe en movemento. Incídese nos acenos e os corpos das actrices e actores, na simplicidade e o simbolismo contundente dos elementos que se mostran á cámara, e tamén en certo humor e espírito punk que despegan as películas de calquera tipo de imitación ou recreación do cinema mudo de orixe cinéfila. Estas primeiras películas lembran, así, o cinema que empezou a saír das vangardas de principios do século XX, aquelas que lle vían un potencial ao invento alén da imitación ou a conxugación doutras artes. Podemos pensar no impresionismo francés e o surrealismo, mais cun xeito de pensar que sen dúbida é do seu propio tempo, que é a creba entre milenios. É así como nos topamos con ese Nosferatu 2000, vampiro bisexual que se parece máis a un cantante de brit pop que ao Nosferatu calvo e de longos dentes de Murnau. Esta mesma ambigüidade queer cóase en relatos como o de Alicia, Lewis Carroll y el tiempo, misterioso pícnic dunha Alicia trans xunto ao Sombreireiro Tolo e o coello, mentres que a sublimación da pulsión sexual e asasina é o que parece expresar unha película como Cocinero. 

Este xogo de personaxes recoñecibles da cultura ten unha vertente máis especificamente dedicada ao cinema, os seus xéneros e os seus tropos, que se advirten en películas como Gina, in fellini e Pneurosis. Gina, como referencia ao cinema negro. In fellini, como confrontación dunha parella nos decorados decadentes da Cinecittà en Roma. E Pneurosis, como un intento de recreación da escena da ducha de Psicose, de Alfred Hitchcock, nunha ducha rota. 

En Pneurosis está presente a idea da expresión, mediante o cinema, dun estado mental, volvendo tamén á ligazón co impresionismo. Iso mesmo pasa con Odisea, que nos amosa un home a remar nunha barca, perdido (o comezo do filme suxire que suxeito ás veleidades dun deus caprichoso), e que pertence a unha nova etapa do cinema de Cugliandolo en que a montaxe na cámara é substituída pola montaxe con ferramentas dixitais. Só que estes modos de facer non adulteran as bases anteriores, senón que as amplían, e incorporan elementos como as superposicións e unha banda sonora creada en paralelo. 

As dúas últimas películas que presentamos, Flama e Gaias, son unha sorte de rituais místicos que Cugliandolo potencia coa superposición sobre a imaxe en branco e negro de capas de cor de celuloide pintado e raiado, entrando así tamén no eido da experimentación coa materia hibridada cos formatos dixitais. Peplums mínimos e de espírito DIY. 

O programa tamén inclúe dous videoclips de Cugliandolo, que dan fe da extensión do seu universo persoal á colaboración con músicos, nunha travesía marítima con Nacho Umbert & la Compañía, e nunha posta en escena entre a Bauhaus e o cubismo no caso do seu videoclip para Divididos. Por último, cabe mencionar a importancia da figura de Cugliandolo no ecosistema do cinema experimental en Super 8 na Arxentina. Como unha especie de figura bisagra entre a xeración de artistas como Caldini e Hirsch e a de cineastas como Pablo Marín, Pablo Mazzolo ou Paulo Pécora, Cugliandolo estivo alí como encarnación do que era posible facer co formato, da súa vida por explorar, e tamén como transmisora esencial dunha nova escena incipiente. O cartucho de Super 8 visto, pois, como un terreo de xogo regrado mais infindo. 

Elena Duque