JEANNETTE MUÑOZ
PROGRAMA 2
Sala (S8) Palexco | Venres 6 de xuño | 17:00 horas | Entrada libre a todas as sedes ata completar capacidade. Non será posible acceder ás salas unha vez empezada a proxección.

Proceso hacia una película
Jeannette Muñoz | 2025 | Chile, Suíza | 16 mm (performance) | 30 min
Nesta presentación da performance Proceso hacia una película, Jeannette Muñoz traballa sobre fragmentos do seu proxecto Puchuncaví, mostrándonos o seu proceso de visionamento e montaxe en directo. Utilizando unha moviola (que é á vez proxector) como dispositivo (que vemos e tamén oímos), Muñoz revélanos o minucioso traballo de ver e ponderar cada cousa filmada. Nesta ocasión, a súa montaxe é asistida por unha máquina de coser.

Puchuncaví
Jeannette Muñoz | 2014-2025 | Chile, Suíza | 16 mm | 30 min
Puchuncaví é unha compilación de fragmentos cinematográficos que exploran os diferentes niveis que coexisten e que se superpoñen ou habitan paralelamente nunha zona con longa tradición industrial e de lecer familiar na costa central de Chile. Con cada fragmento que se adhire a Puchuncaví tento desvelar o visible e o invisible que fan desta zona un lugar con múltiples estratos. Un lugar que é á vez moitos lugares: zona industrial, zona de balneario, zona campesiña, vila costeira, porto etc. O concepto de Puchuncaví é un proxecto a longo prazo que crece cada ano con novos fragmentos. Os fragmentos como unidades heteroxéneas consisten en tomas únicas, tomas editadas na cámara ou na mesa de montaxe. (Jeannette Muñoz)
JEANNETTE MUÑOZ
A PELÍCULA INFINITA
Na entrevista incluída no libro Jeannette Muñoz. El paisaje como un mar*, ela mesma describe o seu cinema como unha colección de fragmentos, fragmentos que equipara pola súa vez cos ladrillos dunha construción: cada un destes é unha peza fundamental dun todo, mais, ao mesmo tempo, non hai xerarquías entre eles. Como ocorre cos ladrillos, eses fragmentos serven para construír variadas estruturas, as armar e as desarmar, nunha sorte de gran película cambiante á que non paran de lle acontecer cousas, igual que unha vida á que se van incorporando vivencias. Pois, malia que dentro da súa filmografía haxa tanto obras pechadas como proxectos que nunca se pechan, sempre está esa preocupación por adecuar a presentación das películas ao presente comprendendo, á vez, os estratos do pasado que se foron superpoñendo nelas, como as liñas de expresión dunha cara que nos sorrí hoxe contendo en si todos os sorrisos pasados.
A materia do cinema de Jeannette Muñoz é o mundo: o que a rodea, o que observa desde o persoal e desde o político. Muñoz deixou o seu natal Chile para marchar a Europa a completar a súa experiencia en fotografía analóxica, ata recalar finalmente en Zürich, que é onde reside a día de hoxe. Se primeiro se ocupou sobre todo do relacionado co fotoquímico, a alquimia das emulsións e os procesos materiais da fotografía, cando o seu traballo virou ao cinema foron outras cousas as que a ocuparon, aínda que non por iso abandonou o interese polo medio. Neste caso a súa mirada envorcouse no seu contorno, nas persoas e lugares importantes na súa vida. Nas súas películas hai retratos de xente, de paisaxes, de animais (cans, paxaros); hai xuntanzas sociais, hai xente a executar traballos. Hai, en definitiva, unha persoa sensible ao que acontece ao seu redor. Muñoz filma ao longo do tempo, vai acumulando estratos e capas que se van sumando á película infinda que é a súa obra na súa totalidade. Dentro deses estratos temporais hai tamén unha densidade histórica que non sempre é evidente. Non só, ou non sempre, se refiren aos tempos dunha vida, senón aos sucesos pasados e presentes con que cargan certos lugares, certas imaxes, vestixios da dor dun mundo colonialista e desapiadado.
A condición migrante parece subxacer baixo o seu traballo: en obras en que mantén os seus lazos con Chile (como El Cortijo, sobre o seu barrio en Santiago, ou Puchuncaví, sobre un territorio costeiro próximo a Valparaíso), ou en películas como os Envíos, nos cales converte unha forma epistolar privada en pública, películas que levan en si a necesidade de compartir unha vivencia con persoas que están lonxe. A mirada de quen migra é, á vez, unha mirada desde dentro e desde fóra.
Nos dous programas que lle dedicamos recóllense algúns dos seus proxectos máis importantes ao longo dos últimos anos. O primeiro programa inclúe unha selección da súa serie de Envíos, que abrangue vinte anos. Os Envíos son películas-carta a un destinatario concreto. Trátase de unidades numeradas compostas de fragmentos, das cales Muñoz nos trae unha selección con que constrúe nesta ocasión unha nova configuración. Aos Envíos séguenlles tres películas que se concentran en lugares determinados: en primeiro lugar, Humedal, que recolle silandeiramente a vida natural neste espazo. El Cortijo é unha nova montaxe de fragmentos filmados ao longo dos anos no barrio humilde de que é orixinaria Muñoz, en Santiago de Chile, coas súas veciñas e veciños. Fuente Alemana concéntrase no monumento dese nome situado en Santiago de Chile, un regalo do Goberno alemán á República chilena, que acumula tamén en si as capas de historia que implica esa relación con Europa e, así mesmo, acontecementos recentes como o estalido social e a súa resaca.
O segundo programa dedícase a Puchuncaví, que empeza sendo un proxecto situado para logo se converter nun concepto máis amplo. Puchuncaví é un territorio de preto de Valparaíso onde se atopa unha praia en que veranea moita xente e sobre a cal pairan unhas grandes estruturas industriais que invaden a paisaxe. Nesa convivencia de elementos Muñoz encerra sentimentos e presentimentos complexos que se poñen en marcha polo mesmo acto de observar. Unha presenza agresiva que se torna invisible para a xente; a vida que segue a fluír a pesar da fealdade e do capital; unha paisaxe, persoas e animais que sobreviven nunha contorna sacrificada ao progreso. Só que nun punto Puchuncaví xa non se circunscribe unicamente ao territorio, senón que serve tamén para incorporar outros lugares e experiencias sensibles da vida da propia Muñoz. Nesta presentación de Puchuncaví, a sesión ábrese coa performance Fragmentos, na cal a artista nos amosa publicamente o seu proceso de montaxe na moviola e somos testemuñas de como entende as imaxes e os cortes. Nesta ocasión ese proceso ponse en paralelo co dunha máquina de coser (dispositivo emparentado, por outra banda, cos aparellos do cinema). A continuación, veremos a última montaxe de Puchuncaví, a que é agora, en xuño de 2025, mais que mudará, crecerá ou se converterá noutra cousa a medida que o tempo de observación, agarda e filmación siga a acumularse. É así como se constrúen as películas infindas de Muñoz, alleas ás présas e ás conclusións precipitadas, á afirmación categórica, e abertas sempre á natureza cambiante e maleable das cousas.
Elena Duque
*Editado por Francisco Algarín Navarro en Lumière en 2017.