BAICC. BRENDA BOYER
DESBORDAMIENTOS
Fundación Luis Seoane | Xoves 5 de xuño | 23:00 horas | Entrada libre a todas as sedes ata completar capacidade. Non será posible acceder ás salas unha vez empezada a proxección.
TORTUGA [pasaje cromático #4], de Brenda Boyer, foi o proxecto elixido na pasada convocatoria de BAICC, Residencia Artística Internacional de Creación Cinematográfica 2024/25, promovida polo (S8) xunto con AC/E e o LIFT (Liaison of Independent Filmmakers of Toronto). Este proxecto aproveita o tempo, a luz do sol e a súa translación, o movemento das sombras provocado polo vento e outros elementos para colorear a paisaxe a partir da superposición de capas e filtros RGB. Aplicando os principios da separación cromática, superpóñense tres momentos diferentes dun mesmo plano, xerando un desfasamento na relación luz-sombra e, xa que logo, a aparición de cores primarias e secundarias. Boyer presentaranos en formato de multiproxección o resultado deste proxecto, no cal filmou os parques urbanos de Toronto para construír unha película en que a contorna natural vibra a través da luz, abrindo un espazo de misterio no seu interior.

TORTUGA [pasaje cromático #4]
Brenda Boyer | 2025 | España, O Canadá | 16 mm × 3 | 20 min
Desacelera, hai
outro tempo; volve
ao chan e cubre
o teu torso con madeira. Fai
da coiraza refuxio,
dilata as túas pupilas.
A viaxe comeza
onde acaba o teu nome.
(Brenda Boyer)