INPUT
ESPAZO DE TITORIZACIÓN PERSONALIZADO DE PROXECTOS CINEMATOGRÁFICOS EN DESENVOLVEMENTO
INPUT é un espazo de titorización e asesoría de proxectos cinematográficos en desenvolvemento que xorde en 2017 da colaboración entre a Fundación Luis Seoane e o (S8) Mostra Internacional de Cinema Periférico, mediante o que un grupo de cineastas e artistas teñan acceso a profesionais de prestixio internacional do ámbito do cinema e da arte, cos cales poden discutir os seus proxectos, desde o estado de escritura e desenvolvemento ata o de distribución. Trátase de titorías individuais e personalizadas, onde cada unha das persoas seleccionadas comparte os seus procesos creativos, que son analizados polo/a mentor/a para buscar novas vías ou impulsar as xa existentes.
INPUT é unha das principais liñas de traballo de eSe8_LAB, que organiza e promove actividades profesionais que inciden na modernización do sector e repercuten, así, na promoción da nosa cultura, no ámbito estatal e no internacional. O obxectivo destas xornadas é fomentar a profesionalización dos novos creadores e potenciar, ao mesmo tempo, a formación, a vertebración e a creación de redes dentro do sector cultural no noso país.
Co apoio da Axencia Galega das Industrias Culturais (Xunta de Galicia) e a Fundación Luis Seoane.
TITORAS
RAQUEL SCHEFER
Raquel Schefer é profesora asociada do Departamento de Cinema e Audiovisual da Universidade Sorbonne Nouvelle, onde cursou os seus estudos de doutoramento. Realizadora e comisaria especializada en cinema, desempeña tamén o cargo de coxefa de dirección da publicación trimestral de teoría e historia do cinema La Furia Umana. Ten un mestrado en Cinema Documental pola Universidad del Cine de Buenos Aires e é licenciada en Ciencias da Comunicación pola Universidade Nova de Lisboa. Foi investigadora de posdoutoramento de FCT na Universidade de Lisboa, a Universidade Nova de Lisboa e a Universidade do Western Cape e investigadora convidada na Universidade de California (Os Ánxeles). É autora do libro El autorretrato en el documental: figuras, máquinas, imágenes (Ediciones Universidad del Cine, 2008) e de diversos artigos científicos e críticos. As súas principais áreas de investigación son a historia e a estética do cinema anticolonial e do cinema militante, así como as interseccións entre o cinema experimental e o cinema etnográfico.
BYRON DAVIES
Doutor en Filosofía pola Universidade de Harvard, investigador e artista visual, é membro do colectivo @sa.ci.mu (México) e bolseiro Maria Skłodowska-Curie na Universidad de Murcia co proxecto de investigación «Materialismo y especificidad geográfica en la filosofía del cine». Colaborou con FISURA Festival de Cine na Cidade de México e co festival Cámara Lúcida (Ecuador). Os seus escritos sobre cine apareceron en October, Screen, Millenium Film Journal, The Baffler e Los Experimentos, entre outros. É orixinario dos EUA e cidadán naturalizado de México.
CATARINA DE SOUSA
Realizadora e produtora de cinema e artes visuais. En 2023 foi seleccionada como produtora e realizadora na Berlinale Talents. En 2021, cofundou a produtora de cinema e arte visuais Foi Bonita a Festa, con sede no Porto, Portugal. É fundadora tamén da Casa do Xisto, unha residencia artística con sede no norte de Portugal que promove a conexión e o espírito comunitario a través do cinema e das artes visuais.
BELI MARTÍNEZ
Doutora en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo coa primeira tese que estudou o Novo Cinema Galego. Doutora docente na área de Comunicación Audiovisual, Publicidade e Relacións Públicas na Universidade de Vigo. É produtora de películas como La Parra, Longa noite, Eles transportan a morte ou Sycorax. Os seus traballos mostráronse en festivais de cinema como Cannes, Toronto ou o NYFF e obtiveron o recoñecemento do xurado en certames como Venecia, San Sebastián ou Mar del Plata. Impartiu conferencias nas universidades de Harvard, Edimburgo e o País Vasco ou no CCCB de Barcelona.

PROXECTOS SELECCIONADOS
OH MONO, ADIÓS, DE PAOLA BUONTEMPO
Oh mono, adiós é unha película que xorde da viaxe espacial do primeiro astronauta arxentino, Juan, un mono caí, que partiu en 1969 nun foguete lanzado desde a planicie árida de Chamical. Oh mono, adiós busca os rastros fantasmais de Juan no zoolóxico da cidade de Córdoba, tenta captalos recorrendo a un método pseudocientífico de principios do século XX, a fotografía ectoplásmica, e trata de imaxinar o que viron os seus ollos na súa incrible odisea espacial usando diversas técnicas de efectos especiais e de cores artesanais.
Paola Buontempo é unha cineasta, programadora e docente arxentina. Licenciada en Artes Audiovisuais pola Universidad Nacional de La Plata (UNLP). Cursou estudos de Historia da Arte (FDA-UNLP) e Dirección de Fotografía (CFP-SICA). Actualmente é alumna do Mestrado en Arquivo Cinematográfico e Audiovisual na Elías Querejeta Zine Eskola. As súas curtametraxes Las instancias del vértigo (2010), Los animales (2012) e Las fuerzas (2018) foron exhibidas en numerosos festivais e institucións. Está a desenvolver a súa longametraxe La raza de los ligeros, seleccionada na residencia de escritura Tres Puertos Cine (Chile/México) e en Proyecta, iniciativa impulsada por Ventana Sur, Marché du Film e o Festival de Cine de San Sebastián. As súas fotografías foron exhibidas en diversos salóns de artes visuais e obtiveron varios premios. Foi parte de Berlinale Talents (2022) e Talents Buenos Aires (2012). En 2013 e 2023, recibiu a bolsa Creación do Fondo Nacional de las Artes (A Arxentina). En 2024 recibiu unha Flaherty Curatorial Fellowship. Programou Festifreak, Festival Internacional de Cine Independente de La Plata (A Arxentina). De 2018 a 2024 integrou o equipo de programación do Festival Internacional de Cine de Mar del Plata. Actualmente forma parte do comité de selección de Documenta Madrid.
DE LA NOCHE A LA MAÑANA, DE ORISEL CASTRO
Logo de anos de festa na parte socialista de Alemaña, un colectivo de traballadores cubanos tiña que retornar á illa coa caída do muro. Esta película busca visibilizar a presenza dos caribeños no momento histórico e poñer de relevo a súa maneira de vivir, de crear e de lembrar; a poesía da xa extinta clase obreira cobrará vida a través de cartas, danzas e a cotiandade compartida en 8 mm.
Orisel Castro naceu na Habana en 1984. É cineasta, comisaria e académica, graduada do ISA (Universidad de las Artes) e da Escuela Internacional de Cine y TV de San Antonio de los Baños (Cuba). Realizou o Mestrado en Antropoloxía Visual por FLACSO (Ecuador) e é candidata a doutora no Programa de Doutoramento en Arte: Produción e Investigación, da Universitat Politècnica de València. A súa primeira longa, El hombre que siempre hizo su parte, así como as súas curtametraxes, exhibíronse en numerosos festivais internacionais. Foi profesora e programadora en Ecuador, A República Dominicana, Cuba e España, onde actualmente está radicada e desenvolve a súa nova película De la noche a la mañana e a súa investigación sobre a poética e o cinema feito por mulleres.
¿QUÉ ES UNA MONTAÑA?, DE FRAN RODRÍGUEZ CASAL
Que é unha montaña? Un lugar de especulación forestal? Lumes, parques eólicos e minas como feridas abertas? Un lugar sagrado onde se celebra unha romaría centenaria? Un museo arqueolóxico ao aire libre, con foxos de lobos, casoupas o mosteiros? O fogar dun cervo? A testemuña das forzas telúricas que puxeron fin a Panxea? Que é unha montaña? Este é un ensaio fílmico que, a través de distintos medios (sonoros e visuais), tenta captar o significado dunha montaña. Varios puntos de vista confróntanse sobre un mesmo territorio: a visión institucional contraponse á visión popular, así como á perspectiva animal, xeolóxica e filosófica.
Fran Rodríguez Casal é un artista multidisciplinar interesado na exploración da relación entre o corpo e a contorna. Traballa con soportes como o cinema, a fotografía e o son, expandindo os límites dos xéneros artísticos. A súa primeira longametraxe, Da túa man para a miña, codirixida con Coral Piñeiro, atópase actualmente en produción.
O seu traballo máis recente, Patios de luz, foi exhibido en numerosos festivais. Conta con varias residencias artísticas, incluíndo o X Encontro de Artistas Novos na Cidade da Cultura e unha residencia nas Illas Aran, en Irlanda, promovida por Stills and Motion.
Recentemente participou na exposición «Paisaxe_0», do Colectivo Poligonal, na Galería Metro, e foi finalista no XIII Premio de Artistas Novos no Auditorio de Galicia.
En 2024, foi o encargado de dirixir o espectáculo inaugural da XIX edición da MICE, 586 cantos, unha homenaxe a Dorothé Schubarth. Ademais, polo seu proxecto performático Do outro lado, foi seleccionado para as residencias de literatura e pensamento de Mariñán e a Residencia Paraíso do Colectivo RPM. Tamén foi un dos artistas elixidos para as residencias Nortear, un encontro de artistas do norte de Portugal e Galicia.
VÊHTIHIO, DE VIOLETA SARMIENTO
Vêhtihio é un filme-abano que, ao abrirse, desprega conexións co cinema estrutural e o precinema. Desde a cronofotografía de Muybridge ou Marey, pasando polas reflexións de Werner Nekes sobre o kine —onde a unidade fundamental fílmica é a diferenza entre dous fotogramas—, o cinema analóxico traballa coa secuenciación de imaxes fixas, que percibimos como movemento. A peza aséntase neste principio para airear e repensar a autorrepresentación e a actualidade crítica do medio fílmico. A obra final nace dunha película fonte desde a que desdobra e prolonga as súas febras cara ao espazo de proxección en forma de tríptico ou abano, expandindo a mirada sobre unha imaxe trillada e baldeira de tan luída: a dunha muller vestida de flamenca, que se usou ata a saciedade como símbolo da «cultura española».
Violeta Sarmiento, artista e activista, graduada en Medicina pola Universidad de Sevilla, compaxinou os seus estudos co activismo e a formación autodidacta en cinema e creación audiovisual. Participou en diferentes colectivos e movementos sociais desde 2011. Membro do colectivo de videoguerrilla feminista Hyksos (2017), dedicado á programación crítica e alternativa de sesións, mostras e obradoiros de cinema con perspectiva feminista. É colabora de La Digitalizadora de la Memoria Colectiva (2022), especialmente implicada na colección Mireya Forel e no proxecto derivado «Enredar la memoria». Cocreadora da película Ahora aquella utopía (2022), realizada con descartes recuperados da activista feminista Mireya Forel, sobre o proceso de autonomía de Andalucía. Actualmente explora as posibilidades do formato fílmico analóxico, ferramenta que utilizou na film performance Vera (2023). Vive en Madrid e cursa o MASTER.LAV, Laboratorio Audiovisual de Creación y Práctica Contemporánea (2024-2025).
