OBRADOIRO DE CINEMA ANALÓXICO EN CORME

CINEMA E FOTOGRAFÍA SEN CÁMARA: DO ORGÁNICO AO MECÁNICO

DIDÁCTICA

Dentro do marco da Mostra de Cinema Periférico (S8), este novo obradoiro en Corme convídanos a explorar o amplo e fascinante territorio do cinema e a fotografía sen cámara. A cargo de Deneb Martos, artista visual especializada en prácticas experimentais sobre celuloide, o obradoiro propón unha inmersión práctica e poética nas posibilidades físicas, químicas e luminosas dos soportes fotosensibles. Cunha duración de sete días, e en convivencia na contorna natural da vila de Corme, o obradoiro está pensado como unha experiencia intensa e transformadora. Alén da aprendizaxe técnica, o traballo compartido nun contexto de inmersión facilita o intercambio de ideas, a escoita atenta e a creación colectiva, potenciando unha conexión profunda co territorio e os procesos creativos. 

Durante as sesións, aproximarémonos a técnicas históricas e contemporáneas do cinema sen cámara, con especial atención a dous núcleos de traballo: a técnica do flat print no cuarto escuro e a creación de rayogramas de auga na noite, á beira do mar. Exploraremos tamén o cruzamento entre alquimia e creación visual mediante prácticas como os quimigramas coloreados, os fitogramas e a preparación de reveladores sustentables a partir de fenois extraídos de plantas recollidas na contorna. O obradoiro incluirá ademais un breve percorrido polas obras e procedementos de artistas e cineastas que interviñeron na superficie do celuloide con enfoques diversos: desde agresións materiais (riscos, descoloracións, uso de lixivias) ata tratamentos pictóricos, composicións colaxe ou experimentacións baseadas no matérico e no sensorial. Traballaremos con papel fotográfico e película en 35 mm e 16 mm, e contaremos con proxectores analóxicos para visualizar tanto os procesos como os resultados, en sesións compartidas que farán patente a transformación do orgánico ao mecánico a través da luz. 

Esta experiencia forma parte de eSe8_LAB, o espazo do (S8) dedicado á formación, impulso, apoio, investigación e desenvolvemento enfocados cara a proxectos cinematográficos e conta coa colaboración da Axencia Galega das Industrias Culturais da Xunta de Galicia. 

  • DATAS: Do 7 ao 13 de xullo de 2025
  • CONVOCATORIA: 7 prazas
  • INSCRICIÓNS: Ata o 16 de xuño

DENEB MARTOS

Alquimista, artista visual e creadora, Martos está especializada en fotografía e cinema sen cámara, a través de técnicas tradicionais e sostibles. A súa obra estivo en citas como FILMADRID, o Festival KONTAKTE’17 (Berlín), o Festival MUTA (Lima) ou Punto de Vista (Pamplona), alén de no propio (S8), co cal colabora desde hai anos. 

Martos foi fundadora e, durante dúas décadas, responsable do LABO DE FOTO de La Casa Encendida de Madrid e actualmente coordina LAV, Laboratorio Audiovisual de Creación y Práctica Contemporánea. Colabora con institucións culturais como a Fundación Cerezales (FCAYC), o Guggenheim de Bilbao, a Filmoteca Española e o Cine Estudio de Bellas Artes de Madrid. Compaxina estes labores co oficio de proxeccionista de cinema analóxico para diversos festivais e institucións. 

Na súa obra, que comprende títulos como Gold Film (2014-2019), Licht-Allegorien (2017), Skin Film (2020), Dionysos me miró a los ojos (2021), Rayogramas de agua (2022), KOSMOGONIA (2023) ou Ser hongo (en proceso), traballa con dispositivos de proxección analóxicos, expoñendo o fenómeno físico da imaxe e converténdoo no rexistro dunha emanación de luces e sombras cuxo diálogo directo coas materias impresas no celuloide resalta as súas calidades hápticas, denotando pegadas e rastros atávicos. A través deste proceso, a materia transfórmase en enerxía, un medio humano que vai mudando cara á vibración mecánica. Estes traballos intégranse na tradición do cinema sen cámara e neles obtense unha calidade obxectual polas súas características tanto instalativas como escultóricas, pois convértense nun obxecto corporalizado.