PARAÍSO
Filmoteca de Galicia | Venres 6 de xuño | 11:00 horas | Entrada libre a todas as sedes ata completar capacidade. Non será posible acceder ás salas unha vez empezada a proxección.
A sección Paraíso congrega un grupo de estudantes de Belas Artes atraídos polas potencialidades creativas da imaxe en movemento, que achegan as súas primeiras e suxestivas descubertas. O encontro xorde como un estímulo e unha maneira de tender pontes, e desenvolverase en dúas partes: en primeiro lugar, unha sesión en que se mostrarán as películas do alumnado da Facultad de Bellas Artes de Salamanca e a Facultade de Belas Artes de Pontevedra da Universidade de Vigo, coa incorporación nesta edición da Facultad de Bellas Artes da Universidad Complutense de Madrid. Unha ocasión de compartir e xerar debate arredor das pezas, que se verá complementada, en segundo lugar, por un encontro de estudantes o domingo.
Este labor de futuro non sería posible sen as tres docentes cómplices que esporean e poñen en marcha a imaxinación e o impulso creativo en cada unha das súas facultades: Laura Gómez Vaquero en Salamanca, Xisela Franco en Pontevedra e Noemí García en Madrid. Elas mesmas preséntannos a continuación o froito do seu traballo.
HABITAR TODOS OS MUNDOS POSIBLES
Facultad de Bellas Artes (Universidad de Salamanca)
As pezas realizadas por estudantes da Mención en Audiovisuais do Grao en Belas Artes e do Mestrado en Produción e Prácticas Artísticas da Universidad de Salamanca que se presentan na sección Paraíso este ano propoñen miradas diversas e singulares a algúns dos mundos que habitamos, mediante un traballo consciente e sensible coa imaxe en movemento. Atopamos, así, desde unha implacable captación dun lugar pechado e violento, inzado de normas e xestos repetidos (Calibre 22, 50 puntos, 25 metros), ata un catálogo de flores que, de maneira orixinal e festiva, é atravesado por unha voz intermitente froito dunha memoria fragmentada (Manolo el carteru). Tamén achamos un suxestivo e misterioso diálogo entre o mundo animal e o mundo humano, desde o cal se fala sobre a perda e os estados intermedios (Preguntas a un fantasma). E, por último, un «misterio de tres actos», materializado en forma de tríptico, no cal se reflexiona, dun modo evocador e poético, sobre a condición humana (333).
Laura Gómez Vaquero

Calibre 22, 50 puntos, 25 metros
Sofía Sánchez Menéndez | 2025 | España | Dixital | 6 min
O ambiente dunha tarde a disparar na Sociedad de Tiro y Caza del Nalón, definida polos tres condicionantes que dan título ao audiovisual: a bala, a puntuación mínima que hai que conseguir e a distancia. (Sofía Sánchez Menéndez)

Manolo el carteru
Silvia Alonso Díaz | 2025 | España | Dixital | 4 min
A través da memoria e a percepción, imaxe e son dislócanse. Unha voz anciá, crebada pola doenza de Parkinson, fala sen buscar ser entendida, só escoitada. No seu tremor, a obra afástase da lóxica da linguaxe para se adentrar nunha experiencia onde a ruptura da sincronía abre espazo ao sensible, ao persoal, ao que persiste alén das palabras. (Silvia Alonso Díaz)

Preguntas a un fantasma
Darío Hernández Tonzán | 2025 | España | Dixital | 5 min
Unha carta a través de material de arquivo que cuestiona a identidade como algo que espreita tanto o remitente como o posible destinatario. (Darío Hernández Tonzán)

333
Sara Fénix | 2025 | España | Dixital | 6 min
Unha reflexión profunda sobre a identidade do ser humano e os tres elementos principais que a constitúen: o noso corpo, a nosa mente e a nosa alma. A pantalla divídese nun tríptico que, mediante texto e imaxe, conforma un poema visual que se adentra nas cuestións existenciais máis fundamentais, á vez que complexas, da vida. (Sara Fénix)
REPARAR A DOR
Facultade de Belas Artes de Pontevedra (Universidade de Vigo)
Neste ano, as cinco películas da Universidade de Vigo que integran Paraíso devólvennos a un lugar íntimo onde o tempo se sente desde a ferida e o cinema opera como costura. Hai nelas un uso da linguaxe fílmica como ferramenta de reparación, unha vontade de escoita que se torna en acto de resistencia para confrontar a dor. Trátase de non esconder a dor, senón bordala con fíos de luz. En cada obra latexa unha ausencia encarnada, a dunha muller que fala da morte e o loito nunha aldea que desaparece (Sentir), a dunha parella de anciáns que lle gañou a batalla a unha empresa eléctrica e se aferra a unha casa que xa non é vila (Fora), a que mira con nostalxia as sensacións da nenez (Dentro), a que busca o sentido no dó e a despedida dun ser querido (Ausencia), ou a que invoca a amizade como acto de superación e esperanza radical (Una estrella se estrelló). As pezas deste ano zumegan tenrura e ensínannos que o sensible non é sinónimo de debilidade, senón de lucidez. Fronte ao ruído do mundo, hai un modo de mirar distinto, que se detén, que coida e acompaña. Estes novos artistas estudantes de Belas Artes logo entenderon que o cinema pode ser unha forma de sandar (tamén a si mesmo), reparar o esquecemento e estar cos outros.
Xisela Franco

SENTIR
Sara Ricoy | 2025 | Galicia | Dixital | 4 min
Ante a consciencia da paulatina desaparición de algo, existen dúas opcións: ser cómplice do esquecemento ou tratar de que algo sobreviva. Preguntar, escoitar, lembrar e documentar. Repetir o procedemento tantas veces como sexa necesario. Hai algúns anos Esther falábame da morte e do dó como procesos colectivos. Das persoas que mencionaba, poucas viven xa. Da aldea de que me falaba, pouco queda. E hoxe Esther xa case nin fala. Cando algo desaparece, que queda? (Sara Ricoy)

FORA
Iván X. Esmoris e Sara Ricoy | 2025 | Galicia | Dixital | 3 min
O pantano ía ser e nunca foi. Sos mais xuntos, Irene e Eliseo quedaron cando todos se foron e alí continúan, á beira do Lérez, corenta anos despois de se negaren a marchar. Nunha pequena aldea da provincia de Pontevedra, este matrimonio chegou a gañarlle a partida a un pantano que os obrigou á soidade de ser a única morada visible. Vivindo na súa casa, que non é súa, e nunha vila onde xa non hai vila. A súa vida é un exercicio de amor e resistencia. O seu testemuño, un desafío ao paso do tempo. E eles berraron: «Fóra Fenosa, que a terra é nosa». (Iván X. Esmoris e Sara Ricoy)

DENTRO
Irene Santamaría | 2025 | Galicia | Dixital | 5 min
Un percorrido autobiográfico desde as sensacións, desde o simbólico, desde dentro… Un repaso mental daquilo que deixa pegada dese xeito que non eliximos, e do que non sempre gustamos de falar. Se pechamos os ollos e conectamos con ese momento en que empezabamos a ser nós mesmos, quizais non todo foi calma, amor e boas lembranzas… Quizais agora, desde a mirada do teu eu adulto, poidas abrazar o duro que foi por veces e as feridas que tiveches que curar. Porque medrar por veces doe, porque medrar é por veces curar as feridas. (Irene Santamaría)

UNA ESTRELLA SE ESTRELLÓ
Rocío Campoy Lage | 2025 | Galicia | Dixital | 4 min
Nesta película trátase a apreciación e a importancia do círculo de apoio e a rede de coidados que necesitamos as persoas para alcanzar unha estabilidade e benestar emocional. Os pensamentos intrusivos poden invadir e nubrar a nosa mente, mais, contando cunha comunidade ao noso redor, é moito máis sinxelo saírmos do ensimesmamento. A través de algo tan revolucionario como a tenrura e a amizade, esta peza é un acto de invocación que chama pola esperanza. (Rocío Campoy Lage)

AUSENCIA
Gema Rodríguez | 2025 | Galicia | Dixital | 8 min
Ausencia é tempo, carencia e fraxilidade que hoxe cicatriza a raíz dunha cinta que transcende o recordo. Observar a escuridade e poñer voz á palabra é o primeiro paso para deixar ir unha dor retida e materializar unha ferida aínda aberta. A canción tiña razón co seu «cada vez que te vas, levas contigo un anaco de min», salvo que esta catarse cose o anaco, sanda e emprende a despedida. (Gema Rodríguez)
UN CRISOL DE ESCINTILEOS
Facultad de Bellas Artes (Universidad Complutense de Madrid)
A sección Paraíso acolle, por vez primeira, as obras cinematográficas de seis estudantes da Facultad de Bellas Artes da Universidad Complutense de Madrid. A selección é unha mostra do traballo máis experimental que se realiza no marco das materias Audiovisuais e Produción Audiovisual impartidas no Grao de Belas Artes.
Desde a facultade animamos os estudantes a explorar a linguaxe cinematográfica a partir dunha busca formal que promova tamén unha indagación xenuína e orixinal nos seus intereses persoais e artísticos. Desde ese lugar, as cinco pezas que se van proxectar afondan nun crisol de temáticas e formas fílmicas que flutúan entre a experimentación máis clásica e as posibilidades que ofrece a intelixencia artificial.
Nesta selección, atopamos reflexións sobre a identidade entendida como unha contraposición entre o persoal e o cultural, a multiplicidade do eu, a construción simbólica da feminidade e a relación entre os periplos vitais e a emigración das aves, así como a observación microscópica dos seres vivos.
Cada peza é un escinti

χιτών
Leo Postlbauer Villa | 2025 | España | Dixital | 3 min
A quitina é un composto químico que, xunto coa queratina e os ósos, sobrevive a todos os estados de descomposición dun ser vivo. Estes conxuntos de elementos orgánicos mortos son os protagonistas da peza.
A queratina, por outra banda, é un termo máis humano. Permite que nos creza o pelo, que coidamos ou danamos e que tanto significa para todos. Outro composto orgánico do mesmo elemento son as unllas. Podemos deixalas longas ou cortalas para o traballo manual, mordelas se estamos nerviosas ou pintalas das nosas cores favoritas.
O título da obra remite á orixe da palabra quitina. Do grego antigo tradúcese a quitón, unha vestimenta portada tanto por homes como por mulleres, para un uso de protección. A protección corporal a través da prenda transfórmase coa lingüística nun composto químico, como significado de algo que decora e protexe estes seres vivos, nós incluídos, co seu propio corpo.
A representación visual de certas imaxes ao microscopio non nos deixa recoñecer con claridade se o que está fronte a nós é humano, insecto ou paxaro. Descontextualizando a súa procedencia, os restos convértennos en iguais.
Tras irse todo o que nos distingue, só queda o último: o perpetuo. Sen identidade, unímonos en elementos esenciais: a quitina e a queratina.
(Leo Postlbauer Villa)

Por tu bien
Candy Zhu Qian Wen e Juntian Li | 2025 | España | Dixital | 5 min
Por tu bien é unha obra audiovisual onde manifestamos as nosas preocupacións, dúbidas e inconformidades con respecto a certas tradicións e imposicións que á xeración chinesa máis nova se lle solicita que cumpra, neste caso centrándonos especialmente no tema do matrimonio. Isto débese a que é a cuestión que máis nos acontece a nós, mulleres chinesas próximas aos vinte e cinco anos, que debemos construír unha familia antes dos trinta para non sermos consideradas mulleres non queridas. Ante este conflito, por mor da nosa falta de valentía para nos comunicar cos nosos pais, decidimos proxectar todas as nosas emocións e mensaxes nesta proposta. (Candy Zhu Qian Wen e Juntian Li)

Rutas migratorias
Raquel Barbero Cienfuegos | 2025 | España | Dixital | 2 min
No vídeo contrástase o seguimento das rutas de aves migratorias co de aves engaioladas. Pola súa vez, as aves son comparadas coas persoas, co obxectivo de lle xerar ao espectador a pregunta de como se vería a ruta da súa vida. Sería longa ou curta? Ficaría moito tempo nun punto? E cal sería?
Porén, cando o teu percorrido vital non depende só de ti, tamén depende de factores externos que están fóra do teu control, como a vida sedentaria inherente ao traballo tradicional de oficina, ou as adiccións ao entretemento. (Raquel Barbero Cienfuegos)

CARNE-FICCIÓN
Luna Blanco Pines | 2025 | España | Dixital | 5 min
CARNE-FICCIÓN propón unha reflexión persoal sobre a construción simbólica da feminidade como máscara, ideoloxía e legado cultural. A narradora —unha voz encarnada e fragmentada— explora a súa relación coa cámara desde o nacemento: un dispositivo que observa, moldea e reinterpreta.
A través dunha narrativa non lineal que combina ficción e performance, póñense en cuestión os estereotipos herdados polas mulleres ao longo da historia do cinema, entendidos como signos dunha feminidade performativa, fráxil e domesticada. A voz en off cuestiona o seu propio desexo de adoptar a feminidade, mentres unha muller maior practica e vive a súa feminidade sen opresión: unha ficción que escapa da lente patriarcal imposta.
A peza despraza a cámara do rexistro ao reflexo, da mirada externa ao xesto interno, revelando unha conciencia que transita entre o persoal e o político, o íntimo e o arquetípico. CARNE-FICCIÓN adopta unha linguaxe híbrida entre o experimental e o ensaístico, no cal imaxe e palabra configuran un dispositivo crítico que desafía as narrativas visuais normativas.
(Luna Blanco Pines)

¿Qué es real en mí?
Daniel Rodero Sanz | 2025 | España | Dixital | 5 min
Curtametraxe en que se reflexiona sobre a multiplicidade dun mesmo, sobre todas as persoas que fun, son e serei ao longo do tempo, e sobre como convivir coas dúbidas constantes arredor da miña identidade. Unha viaxe para atopar tranquilidade no estar perdido con un mesmo. (Daniel Rodero Sanz)