O OBTURADOR CÓSMICO
Filmoteca de Galicia | Martes 2 de xuño | 18:00 | Entrada libre a todas as sedes ata completar capacidade. Non será posible acceder ás salas unha vez empezada a proxección.
Orb
Larry Jordan | 1975 | Os Estados Unidos | 16 mm | 4 min
Un filme de animación con retallos, compacto e a cores, tan efémero coma os tons que nadan na superficie dunha burbulla de xabón. A forma redonda eterna, o orbe —Sol, Lúa, símbolo do eu na súa totalidade— flota seguindo o seu curso, inimitable e xubiloso, de deleite celeste, escena tras escena, para se establecer finalmente como o globo místico que envolve os amantes cuxa traxectoria seguiu en paralelo ao longo do filme.
El eclipse: el cortejo entre el Sol y la Luna
Georges Méliès | 1907 | Francia | 35 mm a dixital | 9 min
Un vello astrónomo medieval convida os seus alumnos a contemplar unha eclipse solar co seu telescopio. Nesta burlona visión, o Sol e a Lúa teñen caras humanas, flirtean entre si e producen no ceo unha impresionante choiva de estrelas-doncelas.
Eye Eclipse + 3 Suns + Solar, the Blindman Eating a Papaya + Heat Ray
João Maria Gusmão & Pedro Paiva | 2007-2011 | Portugal | 16 mm | 9 min
Catro filmes a gran velocidade que versan sobre a analoxía, o materialismo e a visión. Eye Eclipse baséase nunha analoxía entre o ollo humano, o ovo e a Lúa, na cal os artistas investigan a eclipse dun planeta oculto, a existencia que subxace baixo o concepto de visibilidade como materia escura que existe malia non se ver. 3 Suns é unha tripla exposición dun solpor a través dunha caverna, que deu como resultado unha sorte de experimento mental relativo á descrición de Newton da imaxe residual que se produce no ollo ao mirar directamente para o Sol. Aquí represéntase unha hipótese conceptual sobre a cegueira, o tempo e a suspensión da visión mediante un trilema. En Solar, the Blind Man… enfrontámonos á mirada branca dun cego, que persegue o observador dun xeito fantasmal, coma se a súa cegueira fose capaz de rachar a convención da cuarta parede. Heat Ray segue o mesmo marco conceptual. Trátase dunha reconstrución do sistema de espellos incendiarios de Arquímedes, na cal se queima a emulsión de película mediante a sobreexposición de reflexos especulares nunha pantalla.
(João Maria Gusmão e Pedro Paiva)
Ich Bin 33
Jan Peters | 2000 | Alemaña | Super 8 a dixital | 3 min
O 11 de agosto de 1999, carguei un rolo de película Super 8 na cámara e púxenme ante ela para resumir o que fora a miña vida ao longo do ano anterior, como fago todos os anos. Mais esta vez sorprendeume a eclipse…
(Jan Peters)
Shutter
Alexi Manis | 2010 | O Canadá | 16 mm | 9 min
Shutter fai un seguimento da saída do sol, as sombras que se alongan e o día que empardece durante unha eclipse solar. Con secuencias da eclipse solar total de 1981 gravadas en vivo e documentadas en película polo astrónomo afeccionado Andreas Gada, Shutter presenta unha metáfora visual da mudanza e da maxia da luz que se producen nos infrecuentes días en que ten lugar este fenómeno celeste. Unha colaxe con son orixinal reflicte o poder hipnótico do mundo natural.
(Alexi Manis)
Just Ancient Loops
Bill Morrison | 2012 | Os Estados Unidos | 35 mm a dixital | 24 min
En Just Ancient Loops, o cineasta Bill Morrison válese de escaneados a alta resolución de secuencias antigas de película de nitratos, así como representacións gráficas de imaxes xeradas por ordenador de nova creación, para mostrar diferentes vistas dos ceos. Con música orixinal de Michael Harrison, interpretada pola extraordinaria violoncellista Maya Beiser.
Proxección dedicada á memoria de Michael Harrison (1958-2026).
Condor
Kevin Jerome Everson | 2019 | Os Estados Unidos | 16 mm a dixital | 8 min
Un filme en 16 mm e en branco e negro da eclipse solar sobre a costa de Chile, o 2 de xullo de 2019, no cal se capta a súa totalidade e o audio en tempo real. O cóndor é a ave nacional de Chile.
Parte dunha serie de películas en curso en que se rexistra a eclipse solar, que abranguen ademais Polly One e Polly Two. No meu traballo deben proxectarse e revelarse os materiais, o procedemento e o proceso. Mediante un escintileo de luz, unha película sobreexposta, chispazos de cor, sons distorcidos e mesmo gravacións prolongadas, refórzase a miña concepción da materialidade. O procedemento é a calidade formal; o proceso é a execución da calidade formal. Unha vez que teño unha comprensión cabal do procedemento, o proceso tórnase en disciplina.
(Kevin Jerome Everson)
O OBTURADOR CÓSMICO
Hai xa séculos que é posible ver unha eclipse sen mirar para o ceo, grazas á milagre óptica da proxección de imaxes en movemento. Antes da invención do cinema, un dos xeitos máis cómodos de ver eclipses era a través dunha cámara escura: os estudosos da astronomía podían así contemplala sen ferir os ollos, e mesmo realizar medicións e debuxos usando a imaxe proxectada. A primeira película que captou unha eclipse chegaría xa en 1900, da man do mago e membro da Real Sociedade Astronómica británica Nevil Maskelyne. Filmouna nunha expedición a Carolina do Norte, empregando un adaptador telescópico especial para a súa cámara. Mais antes diso, se nos aventuramos, poderiamos imaxinar que a primeira película dunha eclipse se viu no zoopraxiscopio de Eadweard Muybridge, o primeiro dispositivo que proxectou imaxes en movemento a partir da cronofotografía. O 11 de xaneiro de 1880, Muybridge captou unha serie de 21 fotografías consecutivas das fases dunha eclipse solar en Palo Alto (California) por encomenda de Leland Stanford.
É natural ese cruzamento de camiños entre o cinema e as eclipses. Á fin e ao cabo, poida que sexan os máis fascinantes fenómenos luminosos que existen: o cinema, fabricado pola ciencia humana, e as eclipses, pola natureza. Nunha eclipse solar, o Sol, a Lúa e a Terra alíñanse, de xeito que propician que por un momento a Lúa se converta nunha especie de obturador cósmico. E o obturador —que xera a intermitencia de escuridade entre as imaxes fixas dun filme— é precisamente o que posibilita o cinema por ser un factor clave na ilusión de movemento.
Pensando en tales (e outras) coincidencias, este programa tenta recoller as maneiras posibles en que unha eclipse pode tomar forma no cinema sen ser necesariamente un mero rexistro. Cada un dos filmes propón un modo de pensar as eclipses deixando tamén á vista a propia natureza do cinema. Partimos con Orb (1975), de Larry Jordan. É moi frecuente no universo colaxístico animado de Jordan o uso da simboloxía e das imaxes astronómicas dos séculos XVII, XVIII e XIX. En Orb imponse a forma do círculo, que pode ser un globo ou un reloxo, mais que é tamén representación do Sol e da Lúa. No sutil e lento solapamento de círculos da película, entramos na sesión con apenas unha suxestión do tema. Conectando coa idea de representación, en El eclipse: el cortejo entre el Sol y la Luna (1907), Georges Méliès utiliza o ilusionismo escenográfico e óptico para xerar unha desconcertante eclipse en que a Lúa é un efebo e o Sol un vello sátiro en lasciva aproximación. Un acontecemento astral que aquí se converte en humorístico e carnal. Seguindo coas «falsas eclipses», en Eye Eclipse + 3 Suns + Solar, the Blindman Eating a Papaya + Heat Ray (2007-2011), os portugueses João Maria Gusmão e Pedro Paiva reflexionan arredor da visión e da óptica a través de imaxes metafóricas: un ovo que é á vez un ollo e unha lúa; unha paisaxe en que se multiplican os astros luminosos; as pupilas mortas, empanadas, dun home cego.
Logo desta aproximación simbólica, achegámonos ao real. En Ich Bin 33 (2000), de Jan Peters, non vemos propiamente a eclipse, senón os seus efectos sobre a Terra e sobre a exposición dunha película. Shutter (2010), de Alexi Manis, xoga con esa idea que apuntabamos antes da eclipse como obturador cósmico. Manis, por medio dun delicado xogo de luces e sombras, recrea ese apagamento da luz durante o fenómeno. O que suxire Manis concrétase en Just Ancient Loops (2012), de Bill Morrison, na cal a montaxe nos proporciona a conexión entre o obturador da cámara de cinema e a Lúa. A película de Morrison examina, a través dun compendio de secuencias atopadas, as maneiras posibles de visualizar unha eclipse: os telescopios, as lentes, as representacións do universo e tamén a propia significación cultural dos ceos e da súa iconografía. Finalmente, é o propio feixe de luz do proxector o que parece ser o Sol eclipsado: iso é o que consegue Condor (2019), de Kevin Jerome Everson, no seu xeito de transferir o fenómeno observado á sala de cinema. O obturador cósmico, o da cámara e o do proxector conflúen en plena aliñación astral, para pechar así o programa.
Elena Duque
