PABLO AGMA

NIÑO MONAGUILLO Y SUS PECADOS

DESBORDAMIENTOS

Fundación Luis Seoane | Xoves 4 de xuño | 23:30 horas | Entrada libre a todas as sedes ata completar capacidade. Non será posible acceder ás salas unha vez empezada a proxección.

Unha cerimonia luminosa en que o filme abandona os límites da pantalla e, entre lume e fume, o desexo é celebrado. O proxeccionista asume o papel de acólito, abordando o acto de proxección como un xesto ritual. A imaxe devén en confesión; a sala de cinema, espazo de tránsito. Os códigos da misa reescríbense dende unha perspectiva crítica e queer. Niño monaguillo y sus pecados é unha film performance en que conviven proxección analóxica intervida en tempo real, posta en escena e acompañamento sonoro. A proposta estrutúrase en tres actos centrados na lembranza fragmentada dunha infancia eclesiástica. Revelacións e confesións musitadas emerxen dende unha imaxe inestable que escintila e se superpón. A disolución da montaxe tradicional dá paso a unha deriva perceptiva en que o tempo de rexistro e o de emisión coexisten e se contaminan. 

Tres proxectores de 16 mm conforman o núcleo técnico da peza. O operador intervén o feixe de luz, xogando con loops, filtros e focos en tempo real, facendo visible a súa natureza performativa. A manipulación en vivo dos mecanismos analóxicos, sumada ás composicións musicais de Le Chatelier, torna a proxección nun acto compartido onde se poñen en valor os vencellos entre cinema e liturxia, reactivando o carácter cerimonial da experiencia cinematográfica. 

(Pablo Agma)

Niño monaguillo y sus pecados
Pablo Agma | 2024 | España | Performance, tres proxectores de 16 mm, son | 20 min