Por Víctor Paz Morandeira
Todo herculino coñece esta historia: o actor británico Leslie Howard viaxaba en avión de Lisboa a Bristol, aló por 1943, cando foi abatido por cazas alemáns. Os restos do accidente descansan nalgún lugar da costa coruñesa de Cedeira, onde unha placa conmemora o suceso. Por moita investigación que un faga sobre as causas deste ata
que, non poderá atopar a verdadeira razón pola que os nazis derrubaron o aparato. Hai indicios, nunca probas. A tese oficial e máis defendida? Que Mr. Howard actuaba como espía para Londres (teoría nada aloucada dado o seu activismo político dende os micros da BBC contra Goebbels) e o mesmo Führer o consideraba un inimigo a vencer.
Como contar isto dende o cinema de non ficción se un quere ser honesto coa realidade? Posiblemente non exista un xeito xusto de facelo, como tampouco existen imaxes do suceso. Queda só logo a representación, cuestión esencial da sétima arte, pois mesmo os documentos históricos, unha vez encadrados e montados, teñen a
súa boa dose de posta en escena. A Marcos Nine encárganlle o choio de contar esta historia e el, que sabe que non pode contratar actores, tira de arquivo. Pero A viaxe de Leslie (2014) non é un filme xornalístico das tardes de La2. Por moito que Nine transpire a profesión por todos os seus poros, hai tempo que deixou este tipo de cinema máis informativo.
A viaxe de Leslie é un filme de apropiación, senda inaugurada na carreira do director por Manuscritos pompeianos (2010). En 2011, con La brecha, o autor pon un pé no cinema experimental. E, con todo, se ben esta nova longa está marcada pola súa traxectoria máis recente, remítenos en certa medida a aquela gloriosa JEDN (2006), o filme máis redondo da etapa xornalística de Nine. Aquí, tamén recuperaba material en súper8 gravado polo propio José Ernesto Díaz Noriega para compor un retrato agarimoso deste insaciable propiciador de toda unha xeración de cineastas en Galicia. A viaxe de Leslie ten en común con JEDN a vontade – resolta – de compor unha biografía amable dun personaxe polo que se nota certa admiración. Nine parte da placa conmemorativa que hai en Cedeira, explicando o suceso, para saltar directamente a imaxes do abatemento dun avión. Varias persoas redactando un informe, que se le en off, explican ao espectador quen ía dentro do avión, a ruta que facía… E, destes antecedentes, nunha sorte de estrutura ao estilo de Ciudadano Kane (Orson Welles, 1941) pasamos ao que puido propiciar este asasinato. Como se convirte Leslie Howard nunha persona non grata para o réxime de Hitler? A película repasa toda a súa traxectoria de actor, dende os primeiros traballos, o idilio con Hollywood e o seu posterior divorcio con el, para volver a Europa e defendela do nazismo dende o púlpito. Pero non se circunscribe a trama ao gradual activismo do actor, nin á súa profesión. As motivacións para converterse en intérprete e para oporse aos nazis son tan importantes coma os datos que manexa, de forma precisa, a película. O persoal mestúrase co histórico, compóndose un retrato da época e contexto de Howard. Pero, se hai algo que caracteriza o filme, seguramente sexa a súa narrativa de thriller. Poderiamos case dicir que o director galego mete a Leslie Howard nunha intriga hollywoodiana, na que o coloca de espía en Madrid, e tramando plans para bater nos nazis con Churchill. O resultado é que A viaxe de Leslie posiblemente sexa un dos filmes de apropiación máis agradecidos co público que este xornalista ten visto. Para aqueles máis afeitos a un cinema narrativo ao uso, pode que se lles faga un pouco raro ver un filme no que se tira só de arquivo, mesmo de extractos de ficcións. Para sermos claros, meu pai, que é de westerns na sobremesa e documentais de historia todas as tardes, diría: “E as entrevistas onde están? Non se mostran documentos?” Para que? Nada ía ser máis real. Partindo de encarga televisiva, Nine atopou, polo tanto, un xeito se sortear narrativas tradicionais e integrar A viaxe de Leslie no seu selo autoral.
Sempre ten sido así, ata o límite de colocar a súa obra nun limbo, nunha terra de ninguén, que fai difícil a exhibición das súas películas. Con La brecha, os máis militantes no cinema experimental dixéronlle que era brandiña, por resumir as críticas que se lle teñen feito dende este sector da profesión. Ao mundillo da tele e os
xornalistas, co que Nine segue a ter boa relación, pareceulle unha bizarrada que seguramente moitos nin entenderon ou nin se esforzaron por comprender. A viaxe de Leslie faríaselle rara a meu pai, aínda que seguramente terminaría por gustarlle. Intúo que, para quen este a afeito ás pezas de apropiación de Bill Morrison ou Jay Rosenblatt, esta película poida parecerlle excesivamente narrativa, lineal, compracente ou non sei que máis.
Seguramente, ningún dos dous bandos ten razón, ou ambos os dous están no certo. Que importa! Só importa que a caligrafía de Nine está cada vez máis clara, que a súa traxectoria, vista co tempo, adquire cada vez máis coherencia na súa diversidade; e que A viaxe de Leslie é, sen dúbida, o seu mellor filme. Marcos, segue así, sen concesións.
Adaptación do texto orixinalmente publicado en la revista online A Cuarta Parede (acuartaparede.com).
Special Screening. A viaxe de Leslie, de Marcos Nine
Con la presencia del autor.
Mércores 3 de xuño as 20h.
Afundación. Auditorio