Sinais en curto, sección na que recollemos unha selección de traballos galegos recentes na liña do espírito do festival, desdóbrase este ano en dous: por unha banda teremos a nosa habitual sesión en sala con coloquio posterior; pola outra, creamos unha serie de programas especiais online, un por cada un dos cineastas convocados na selección, nos que poderemos descubrir un pouco máis a fondo o traballo e as inquedanzas de cada un deles, e nos que teremos ocasión de ver pezas extra alén das incluídas na selección en sala.
LARA E NOA CASTRO
Con só 18 anos de idade, as xemelgas Noa e Lara Castro demostraron con O ollo cobizoso (2017) un talento singular para a observación e a montaxe de imaxe e son, nunha peza chea de ecos, accións e capas. A través desta peza e da súa última obra, A vella e o deserto, coñeceremos as inquedanzas que guían a obra das artistas.
- O ollo cobizoso | Lara e Noa Castro, 2017, vídeo, 8 min.
- A vella e o deserto | Lara e Noa Castro, 2019, vídeo, 8 min.