Sinais en curto, sección na que recollemos unha selección de traballos galegos recentes na liña do espírito do festival, desdóbrase este ano en dous: por unha banda teremos a nosa habitual sesión en sala con coloquio posterior; pola outra, creamos unha serie de programas especiais online, un por cada un dos cineastas convocados na selección, nos que poderemos descubrir un pouco máis a fondo o traballo e as inquedanzas de cada un deles, e nos que teremos ocasión de ver pezas extra alén das incluídas na selección en sala.
TONO MEJUTO
A fotografía e a arquitectura son dous dos intereses (e oficios) do coruñés Tono Mejuto, que coinciden felizmente na súa faceta de cineasta, que abarca desde o traballo co espazo ao uso da fotoquímica. A través do seu traballo tridimensional en 16mm en Reliefs (2018), e da súa última peza, Unidade Veciñal, falaremos con el dos procesos e ideas detrás da súa obra.
- Relieves | Tono Mejuto, 2018, 16mm a vídeo, 10 min.
- Unidade veciñal | Tono Mejuto, 2020, 16mm a vídeo, 8 min.