Este luns a nosa programación esténdese polas ondas de Internet ao longo de tres programas, comezando polo Especial Sinais en curto dedicado a Alberte Pagán para logo pasar á nosa primeira, delicada, Flor do día, e para cerrar coa nosa flamante primeira entrega de Camera obscura dedicada a Amy Halpern.
Comecemos polo principio: Alberte Pagán é un vello coñecido do (S8), como figura activa e militante no eido do cine experimental en Galicia dende hai xa un puñado de anos. En 2012 o seu traballo foi distinguido dentro da sección Sinais, e dende entón non fixo mais que medrar grazas ao seu labor incansable. Contaremos logo na sección presencial de Sinais en curto cunha das entregas da súa serie Superficies (a elocuencia dunha serie de imaxes intervidas polas superficies sobre as que Pagán as proxecta), e neste Especial online incluímos dúas obras diferentes: Uluru, unha montaxe de imaxes dese lugar australiano que camiña cara á catarse, e 6×9, unha peza orixinalmente pensada como instalación a partir dunha serie de fotografías atopadas en Helsinki. E aínda que no Especial descubriremos información interesante sobre estas dúas pezas e sobre o traballo do autor en xeral, convén visitar de cando en cando a súa páxina web: non só contén as novas do seu traballo como cineasta e escritor, senón que xenerosamente proporciona acceso a entrevistas concienciudas a algunhas das figuras máis importantes do cine experimental actual (algunhas delas convidadas das pasadas edicións do (S8)).
Seguimos coa Flor do día #1, titulada O xardín interior, que nesta ocasión consiste nunha sesión monográfica presentada dende o Xardín de San Carlos e dedicada á peza de culto da animación experimental Asparagus, de Suzan Pitt. Trátase dunha obra que redefine os métodos de animación tradicionais para representar o xardín interior da psique dunha muller, da súa sexualidade e do seu pulo creativo, cuxa realización e implicacións son tratadas neste artigo.
Precisamente foi o programa Screening Room dedicado a Suzan Pitt, co seu particular uso do croma, unha das nosas inspiracións para Camera obscura, que dedicamos na súa primeira entrega á cineasta neoiorquina radicada nos Ánxeles Amy Halpern. Descubrimos o traballo de Halpern grazas ao programa de Canyon Cinema que nos trouxo Antonella Bonfati en 2018: Three Minute Hells introduciunos a un traballo misterioso, de imaxes potentes e cargadas de simbolismo, cores e texturas sinestésicas e un singular uso do son. Esta Camera obscura abrangue unha escolma das súas obras (Maya Double-Bottomed Bowl, Elixir e Injury on a Theme) e a unha entrevista realizada a través das ondas entre a medianoite anxelina e a mañá coruñesa. Mais recomendamos, como aperitivo ou sobremesa, a lectura desta entrevista conducida coidadosamente por Francisco Algarín Navarro (tamén fascinado polo seu traballo na sesión de Canyon) para a Revista Lumière, con motivo do programa que se lle dedicou en Xcèntric no tempo pre-Covid 19 e que ía ter a súa continuación no (S8) deste ano coa proxección da longametraxe de Halpern Falling Lessons. Esperamos que este momento poda producirse en 2021. Tamén se pode escoitar un ameno diálogo sobre as películas de Amy Halpern no podcast Sombras Extravagantes, da man de Alex Pena e Ariadna SC. Pero, sobre todo, suban á nosa nave espacial na emisión do luns e lembren que, no caso de non poder asistir a esta viaxe, todos os nosos contidos en liña estarán en aberto outra vez durante 48 horas, dende a mañá do sábado 3 de outubro ata a noite do domingo 4.