CAMERA OBSCURA: JUAN SEBASTIÁN BOLLAÍN

Todos os contidos online desta edición poderanse ver en aberto e de xeito gratuito na nosa web (www.s8cinema.com) do 28 de maio ao 6 de xuño de 2021 (ambos os dous incluídos).

De 1972 a 1981, Robert Gardner conduciu un programa na televisión pública de Boston que co paso do tempo se transformaría nunha serie de culto e nun referente para a comunidade do cinema experimental: Screening Room. Por el pasaron os cineastas de vangarda máis relevantes do seu tempo, a quen Gardner entrevistaba en profundidade ademais de dar aos telespectadores a oportunidade de coñecer a súa obra incluíndo no programa algunhas das súas pezas. En 2020, pensando en novas formas de expandir e difundir o cinema experimental (empurrados polos tempos que corren, mais tamén propulsados polas facilidades que nos dan a tecnoloxía e internet), o (S8) inspírase no mítico programa de Gardner (tendo tamén en mente o Cinéastes de notre temps de Janine Bazan e André S. Labarthe) para crear Camera Obscura, un programa emitido en streaming nun formato renovado e adaptado ao noso tempo, cunha estética peculiar e unha clara vocación creativa. Nel coñeceremos a fondo os procesos de traballo dun grupo de cineastas e ao mesmo tempo gozaremos dunha pequena mostra das súas pezas. O nome do programa, Camera Obscura, alude a ese enxeño luminoso que impulsou a pintura e imaxinou o cinema séculos antes da súa creación, un dispositivo a través do cal un raio de luz procedente do exterior proxecta imaxes en movemento no interior dun cubículo escuro. Así, o (S8) quere ser ese raio de luz que viaxa polas ondas para proxectarse en calquera cuarto imaxinable do mundo.

Cineasta, arquitecto e urbanista, Juan Sebastián Bollaín é o responsable dunha filmografía insólita no panorama español. Cunha imaxinación e un sentido do humor desbordantes, Bollaín pon en xogo os elementos que o cinema lle ofrece para inventar cidades utópicas e para expor agudas visións de todo aquilo que o rodea, cun foco especial en Sevilla (todo un revulsivo da súa particular visión creativa). A través deste Camera Obscura (que complementa os programas presenciais que tamén lle dedicaremos), descubriremos da súa man os seus temperáns comezos no cinema, así coma as ideas e circunstancias detrás de obras emblemáticas como La Alameda (1978) e a súa tetraloxía Soñar con Sevilla (da que veremos dúas entregas, nas súas versións restauradas pola Filmoteca de Andalucía). Achegarémonos así á súa particular visión da creación cinematográfica e mais do mundo, que se nos segue a presentar, de xeito revolucionario, cargada de futuro.

Blanket-Statement-#2