OBRADOIRO INTENSIVO DE LABORATORIO: DA CÁMARA Á COPIA

RICHARD TUOHY + DIANNA BARRIE

 

Os cineastas experimentais australianos Dianna Barrie e Richard Tuohy son dous adaís internacionais do cinema fotoquímico: percorreron (literalmente) o mundo amosando as súas películas, mais tamén compartindo o seu saber arredor das prácticas do cinema analóxico, as súas maquinarias e os seus procesos de laboratorio, ademais de todas as posibilidades creativas por explorar grazas a este traballo artesanal. Coñecementos sen fronteiras que se adaptan aos recursos de cada lugar que visitan, levando o espírito DIY (ou «fágao vostede mesmo») por bandeira. 

Neste obradoiro intensivo que traen á Coruña, Barrie e Tuohy ensinarannos todo o preciso para facer cinema en 16mm de maneira autosuficiente. Nunha primeira xornada, traballando por grupos, aprenderemos os fundamentos do uso da cámara Bolex e da filmación con negativo en branco e negro. Nunha segunda xornada, ensinarannos como construír un sinxelo laboratorio caseiro para revelarmos nós mesmos os negativos. Usando un proxector como copiadora por contacto, faremos positivos a partir dos negativos de cámara. Finalmente, na última xornada estes materiais en bruto converteranse en obras mestras montadas. 

Non é necesario ter experiencia previa nin achegar material ningún. 

O obradoiro será impartido en inglés. 

DATAS E HORARIOS: 

  • Venres 27 de maio de 16:30 a 20 horas. 
  • Sábado 28 de maio de 11 a 14 horas e de 16:30 a 20 horas. 
  • Domingo 29 de maio de 11 a 14 horas e de 16:30 a 20 horas. 

PREZO: 120 euros (material incluído) 
NÚMERO DE PRAZAS: 10
INSCRICIÓN: [email protected]