CARTA BLANCA ARSENAL (BERLÍN). OS CANTRILL E A SEPARACIÓN TRICROMÁTICA

Xuñ 2, 2022 | Artigos, Destacados

De entre as moitas alfaias que nos trae a carta branca elaborada por Angelika Ramlow, de Arsenal, hai dúas películas da parella de cineastas australianos Corinne e Arthur Cantrill (cuxo traballo tamén foi recuperado e restaurado por Arsenal). Trátase de Notes on the Passage of Time (1979) e Waterfall (1984), feitas coa súa particular técnica de traballo coa cor.

A separación tricromática é unha técnica baseada nos primeiros experimentos de fotografía en cor, que se fundamentaba na separación das tres cores primarias, filmando en tres tiras de película en branco e negro a través de filtros coloreados, as cales logo, ao positivárense, se proxectan a través deses filtros de cor superpoñendo as tres imaxes. Ese afán nace da insatisfacción coas cores das emulsións das películas reversibles fabricadas nos anos 70. Os Cantrill recuperan así os experimentos do científico inglés James Maxwell de 1861, unha técnica que permite múltiples variacións arredor da cor, mais aplicada ao cinema. Con ela realizan unha serie de naturezas mortas, de retratos e de películas de paisaxes. Os resultados foron moi emocionantes, como eles mesmos contan: «A miúdo viamos unha ilusión tenaz de tridimensionalidade, debida quizais á acutancia e á lixeira vibración que se observaba no contorno dos obxectos». Tamén van descubrindo alucinantes efectos da técnica na paisaxe australiana: «Todo movemento que houbese no campo, como o do voo dos paxaros, aparecía maxenta, ciano ou amarelo, segundo a separación na que se producía. Isto cobra especial espectacularidade na zona do ceo situada sobre a imaxe, onde se producen, entre as tomas, grandes movementos de nubes, como nun plano captado en Corroboree Rock (en Australia Central), no que a rocha semella estrañamente compacta e escindida do ceo». 

O anterior deu pé a amplas posibilidades creativas: «Ao longo dos nosos últimos ensaios, manipulamos un pouco as cores. Estas modificábanse, por exemplo, facendo que a banda vermella pasase pola bobina verde e viceversa, mesturando as películas, unhas con outras, o cal producía resultados cromáticos moi prometedores; un ceo azul podía, así, adquirir bruscamente unha tintura rosa irreal. O traballo de separación coincidiu co noso desexo de volvermos a unha serie de estudos estáticos: paisaxes, naturezas mortas. Acordámonos das palabras de Cocteau cando dicía que se sente pasar o fluxo do tempo nun plano de cinema que amosa un obxecto estático, mentres que non se sente cando se proxecta unha diapositiva que representa o mesmo. Superpoñendo tres tomas do mesmo tema, o “fluxo do tempo” queda multiplicado por tres: é interesante ver ata que punto aparece nalgúns planos (e mesmo nalgúns detalles do interior do plano) e non noutros. Nunha natureza morta, unha cirola podrece lentamente baixo a cálida luz, de maneira que na copia quedaba ao descuberto un acento de luz que se desprazaba pola toma, axustando nos seus movementos as cores do espectro». 

A seguir reproducimos algunhas notas dos Cantrill sobre os dous filmes que nos ocupan: 

Notes on the Passage of Time (1979): «Nesta, máis que en ningún outro estudo sobre a tripla separación de cor feito ata a data, traballamos co tema do título. Filmamos varias veces ao longo do día, desde primeira hora da mañá ata última hora da tarde, a mesma escena, unha vista con telefoto de Amethyst Avenue (Pearl Beach), onde hai unha caseta para cambiarse que ten grandes fiestras que reflicten o mar situado ao fondo. O espazo da rúa está habitado por peóns, ciclistas e coches, mentres que na auga se enxergan veleiros. Hai un sentido do efémero da actividades humana na plasmación transparente e coloreada dos suxeitos que se atopan en movemento, mentres que os inanimados (a caseta, a estrada, o outeiro na distancia) posúen unha calidade de permanencia. Ademais do paso diario do tempo, está o das estacións, xa que a primeira parte da película se filma a principios do inverno e a segunda, a mediados do verán. A mudanza nos ángulos e a cor da luz do sol é evidente. De feito, trátanse tres pasos do tempo: o de cada conxunto das separacións de cor, o da progresión do día e o estacional». 

Waterfall (1984): «Waterfall empezou coa noción de que, en certa fotografía de paisaxes do século XIX —especialmente na de Eadweard Muybridge—, as imaxes dos cadoiros eran estudos do tempo. Grazas á lenta velocidade de obturación, a fotografía non representaba a auga, senón o seu paso ao longo do tempo ou, máis ben, o volume de espazo que ocupaba durante a exposición. Nesta película de tripla separación de cor, as tres imaxes superpostas da auga en movemento combínanse nun volume sólido, branco e indiferenciado, rodeado dunha actividade coloreada procedente das variacións dos padróns de fluxo. Para realzar o efecto, minoramos a velocidade de obturación a aproximadamente unha exposición por fotograma; a auga converteuse nun refacho de material vagamente definido que tanto parece subir como baixar. As referencias á tradición fotográfica continúan na cor da paisaxe circundante: está tinguida por capas de cor producidas polas sombras das nubes a se moveren de distintas formas polas separacións, o que evoca as primeiras probas da fotografía en cor e os resultados das tinguiduras e dos tons. A banda sonora é unha mestura de tres efectos de cadoiro diferentes, modificados de distintas maneiras mediante un ecualizador gráfico, con lentas mudanzas no espectro de frecuencia que anticipan os cambios da imaxe. Compúxose nunha toma, sobre a marcha, para a película. A rodaxe tivo lugar no cadoiro de MacKenzie, nos Grampianos (Victoria occidental)».

PUBLICACIÓNS RECENTES