BENJAMÍN ELLENBERGER: NAS SÚAS VERBAS

Mai 31, 2023 | Destacados, Novas

Os comezos

Cando cursaba a carreira de cinema en Córdoba non estaba interesado no filme como soporte. Lembro que na facultade había unha práctica en 16 mm que non me xeraba moito interese; eu pensaba que nunca poderiamos acceder a filmar neses formatos tan custosos. Eu por entón só quería filmar, filmar todo o que me rodeaba; nese momento estaban a aparecer as primeiras cámaras Mini DV, que respondían moi ben en todas as situacións de luz, e eu pensaba: «Con esta cámara podo filmar só», é dicir, sen un equipo de xente na rodaxe. Sentía unha maior liberdade, que era o que buscaba. Daquela o Super 8 non era unha posibilidade. 

Ao pouco tempo abandonei a carreira de cinema porque sentía que non era o que estaba a buscar e seguín traballando como cámara na televisión, que era o que facía en paralelo aos meus estudos. Lembro que por eses días, despois dunha xornada de traballo, fun á illa de edición para deixar a tape dese día e os editores, que eran amigos meus, estaban a ver unhas curtametraxes en VHS; nese momento pasaban Walking from Munich to Berlin (1927), de Oskar Fischinger. Ata o día de hoxe recordo o impacto que me xerou ver esas imaxes, o ritmo; nese momento pensei: que traballo de montaxe máis complexo!, nunca imaxinara que iso estaba montado totalmente na cámara. 

Ao pouco tempo fun vivir a Buenos Aires para seguir estudando. Empecei a facer as miñas primeiras curtametraxes en vídeo, máis próximas ao documental de observación, e durante unha rodaxe nun parque, onde tamén funciona unha feira de antigüidades, atopei un posto que vendía todo tipo de cousas relacionadas co cinema. Entre esas cousas había un proxector de Super 8, o cal comprei porque era moi barato. Ese foi o meu primeiro contacto co soporte, a través dos proxectores. Pasaba o tempo a ver rexistros familiares da década dos 60 e 70. 

Malia que estaba interesado por este formato, aínda non o vía como unha posibilidade para facer as miñas películas. Foi arredor de 2010, no ano en que empecei a asistir ao obradoiro de Claudio Caldini, cando captei a dimensión real das posibilidades do Super 8. Ver a obra de Claudio en Super 8 foi unha grande inspiración nese momento. 

A montaxe na cámara 

Polo xeral, cando traballo con montaxe na cámara, fílmoo todo en moi pouco tempo; trato de que non pase moito entre disparo e disparo. Necesito que a película teña a esencia do que me pasa no momento, porque o disparo é a intuición do que acontece nun intre e iso ten que estar en concordancia co que está antes e o que vén despois na película; a decisión estala a tomar aí, por máis que poidas ter planeado un pouco o que vas facer. Creo que esta idea dunha montaxe máis intuitiva converte o cineasta no central da película, porque as miñas películas non son só un retrato dun lugar en particular, senón do que me está a suceder fronte a iso. Creo que é importante engadir que a construción dunha montaxe, unha idea, unha imaxe é o resultado da formación que un foi construíndo ao longo da súa vida, e quizais cando traballo coa cámara logro facer unha síntese de todo iso. É dicir, non creo que sexa o resultado do azar ou o accidente. 

Polo xeral, o que se filmou é o que queda finalmente; utilizo todo ese material, agás que haxa algún problema. Filmo moi pouco, non fago probas; o que saíu é o que se vai ver. Algo que tamén está vencellado ao feito de traballar en reversible, cun orixinal como única copia. 

Esta forma de montaxe está intimamente vencellada ao feito de vagar por diferentes espazos. Son como pequenas anotacións nun caderno, como ir apañando pequenos fragmentos no camiño. 

O branco e negro 

Son unha escolla tanto o branco e o negro como o feito de estaren filmadas en reversible; é moi diferente a resposta do negativo ao reversible. 

Nos meus traballos en branco e negro, a luz é un dos elementos principais. Sabemos que as cores non existen, ou, polo menos, non nun sentido literal. O que existe é a luz; iso é o real. E, á vez, iso é totalmente antinatural; non vemos en branco e negro. Interésame partir de aí para crear. 

Fixen algunhas probas en cor, cunhas latas de 16 mm que me regalaran, pero aínda non atopei algo que me interese. Malia que teño ganas de seguir probando, sería algo novo para min. 

Reflexo nocturno 

A idea da serie Reflejo nocturno foi partir da escuridade total, pensar a película reversible sen expoñer como un gran lenzo negro. A intención era traballar en espazos naturais, onde as condicións de luz para poder expoñer a película eran bastante malas. 

A partir de aí xurdiu a idea de filmar a película completamente fotograma a fotograma, coma se fose unha animación. Cada un deses fotogramas ten diferentes tempos de exposición que van variando con cada disparo e, na súa maioría, con tempos de exposición máis longos que a velocidade normal de obturación dunha cámara de cinema: é unha posibilidade que teñen as cámaras Bolex de 16 mm, permítenche deixar aberto o obturador o tempo que coides necesario, o que nas cámaras fotográficas sería o bulbo. Isto dáme a posibilidade de traballar en espazos onde hai moi pouca luz. 

A decisión foi traballar coa unidade mínima da película, que é o fotograma; tentar facelo visible, a través da variación da exposición en cada fotograma; acentuar esa ilusión do movemento e que o espectador poida sentir o salto dunha imaxe a outra. 

Estou a rematar unha nova parte desta serie, mais, a diferenza das dúas primeiras, esta foi filmada en negativo, algo que modifica moito a forma de traballo porque non podo visualizar o material no momento; teño que escanar ou facer unha copia para poder ver o resultado. En troques, as dúas primeiras están feitas en material reversible e eu mesmo encárgome do proceso de revelado na casa. Isto dábame a posibilidade de proxectar o material para ver o resultado e saír filmar novamente. 

A film performance 

Nos meus comezos, cando empecei a traballar con imaxes en movemento, facía sets de vídeo en tempo real; realizaba pequenas pezas de vídeo en loops que logo procesaba en vivo, polo xeral acompañado dun músico ou artista sonoro. Gozaba moito destas creacións, mais logo funas abandonando porque empecei a dedicarme máis ás miñas películas. Anos despois, ao entrar en contacto cos proxectores de cinema, volvín estar interesado na performance; sentía que volvía conectar con esa experiencia dos meus inicios, malia que desde un lugar totalmente diferente, ata diría que oposto. 

O meu achegamento á performance cinematográfica parte da idea de traballar cos elementos primarios do cinema, poderiamos dicir nun estado cero do cine. Co proxector e o seu obturador e o feixe de luz como material principal da obra. Utilizar a máquina de proxección desprazándoa da súa función orixinal de reproducibilidade para a facer unha ferramenta creativa máis. Rompendo tamén a dinámica de exhibición cinematográfica e o papel do cineasta como creador separado do público, para xerar unha experiencia inmersiva que só acontece aí entre o realizador e o espectador. 

NBR III é o resultado de varios traballos previos performativos nos que viña traballando, buscando unha maior simpleza e depuración nos elementos; sinto que é a condensación de moitas outras pezas que foron quedando no camiño. Quizais o principal que se abre nesta performance é o son, algo que nunca antes traballara. A proposta era utilizar a superficie total da cinta de 16 mm, invadindo parte da pista de son coa imaxe, facendo audible o que vemos, xa que a imaxe que observamos na pantalla pasa polo lector óptico de son, para transformar esas variacións de luz en ruído analóxico. 

Aínda que nesta performance que vou presentar no festival traballo cunha especie de partitura previa, case unha coreografía de operacións cos proxectores, o que é realmente interesante é como iso se van adaptando ás circunstancias do momento. 

PUBLICACIÓNS RECENTES