CAMERA OBSCURA: AMY HALPERN IN MEMORIAM
EN LIÑA
Máis información proximamente.
Camera Obscura é un programa online que naceu en 2020 como resposta á situación mundial e cuxo formato emulaba o do célebre Screening Room conducido por Robert Gardner, quen desde a televisión pública estadounidense convocou as figuras máis brillantes do cinema experimental para falaren da súa obra e mostraren pezas seleccionadas. Recuperamos Camera Obscura co afán de homenaxear unha cineasta que deixou unha pegada indeleble na historia do festival e na nosa vida: Amy Halpern, tristemente finada en agosto de 2022. O seu cinema, de indubidable sensibilidade, sutileza e intelixencia, condúcenos por misteriosos territorios onde conflúen o simbolismo, a sinestesia, o sensorial e particulares postas en escena nas que converxen o poético e o político. Halpern, que participou desde Os Ánxeles en Camera Obscura ese 2020, visitounos en 2022 traéndonos dúas catárticas sesións e unha master class. Nesta ocasión recuperamos a entrevista que lle fixemos na Coruña, arredor da súa obra mestra Falling Lessons, así como materiais das presentacións e coloquios e da súa master class sobre o uso do son no seu cinema. Ademais, entrevistamos o seu compañeiro e colaborador, o cineasta David Lebrun, incansable valedor do seu legado, e a Mark Toscano, encargado da preservación da obra de Halpern. O programa incluirá, como colofón, unha das súas películas. Unha homenaxe a unha cineasta aínda non o suficientemente reivindicada, un deses casos nos que a calidade artística se funde coa calidade humana, en sintonía co espírito que quere defender o festival.