XPRESA
DIDÁCTICA
O (S8) concibe o cinema como ferramenta de autocoñecemento e exploración dos sentidos e as emocións. Ese é o espírito que inspira Xpresa, programa didáctico cuxo obxectivo é impulsar a inclusión social.
Unha das accións incluídas neste programa é o obradoiro que todos os anos ofrecemos para persoas de capacidades diversas ou en risco de exclusión social, impartido por cineastas de recoñecida traxectoria. Rachando os moldes á hora de espertar o entusiasmo polo cinema, Xpresa non se conforma con divulgar modelos de creación tradicionais, senón que aposta por lles brindar ás persoas que participan un mecanismo a través do cal poden experimentar e expresar o seu propio universo mediante a creación libre e estimulante de pezas cinematográficas persoais, feitas coa intuición previa ao aprendido. En edicións anteriores acollemos obradoiros de cineastas como Pablo Mazzolo, Jeannette Muñoz, Andrés Duque, Ainhoa Rodríguez e Tânia Dinis.
Xpresa contou nos últimos anos coa colaboración de asociacións locais, como é o caso, nesta edición, da Asociación Galega de Asperger (ASPERGA) e a Fundación Adultos Discapacitados da Coruña (ADCOR). Este anOo incorpórase, ademais, el Centro de Menores San Xosé de Calasanz.
OBRADOIRO XPRESA CON FRANCI DURÁN
Neste obradoiro de dúas xornadas, Franci Durán compartirá coas e cos participantes unha técnica que usa habitualmente nas súas películas: o fitograma. Nela, as plantas son tanto o tema das imaxes como o medio para as crear, nun modo de traballar que segue un enfoque ecolóxico. A técnica consiste en colocar materiais vexetais (pólas, flores, herbas, follas etc.) sobre unha tira de película en 16 mm en branco e negro, que logo se expón directamente ao sol. Posteriormente, a película procésase cun revelador orgánico que se elabora coas mesmas plantas recollidas, auga, bicarbonato de sodio e vitamina C. Despois de revelar a película e de que seque, organizarase unha proxección das pezas de animación resultantes, evento no que os e as participantes se converterán en protagonistas.
SOBRE FRANCI DURÁN
Franci Durán é unha artista e cineasta chilenocanadense que crea películas, videoinstalacións e traballos multimedia arredor da historia e a memoria. O traballo de Durán percorreu numerosos festivais e institucións internacionais, como o Festival de Rotterdam, Hot Docs, Arkipel, o Images Festival, o Ann Arbor Film Festival e o festival dos Ánxeles.