FILM UNDONE. ELEMENTS OF A LATENT CINEMA
SEMINARIO
Film Undone. Elements of a Latent Cinema (Película sen facer. Elementos dun cinema latente), seminario concibido e comisariado por Philip Widmann, serve de punto de encontro para artistas, cineastas, comisarios, investigadores e arquivistas que poderán presentar e comentar elementos dun cinema latente: proxectos fílmicos que se deixaron inconclusos; películas que quedaron sen verse; ideas para películas que se levaron a cabo en medios non fílmicos. As súas heteroxéneas materialidades e precarios rastros alteran as nocións de que sexa aquilo do que se compón o cinema: os seus materiais, institucións e profesións; as súas funcións sociopolíticas, historias e futuros. Mediante presentacións públicas en diversos formatos, tórnase accesible a natureza procesual e de final aberto destas prácticas, ao tempo que se fan efectivas as súas potencialidades.
A maioría dos participantes da edición inicial de Film Undone, que tivo lugar en Berlín do 20 ao 23 de xullo de 2023, elaboraron achegas para un libro publicado por Archive Books que vai presentarse na edición da Coruña do seminario.
PROGRAMA (1)
Domus | Sábado 1 xuño | de 10 h a 14 h
10:00: Introdución e presentación do libro cos colaboradores e Philip Widmann
10:30: «Novas desaparicións: White Dust from Mongolia, de Theresa Hak Kyung Cha», por Katie Kirkland (Nova York)
En 1980, Theresa Hak Kyung Cha desprazouse a Seúl para empezar a traballar na súa primeira longametraxe, White Dust from Mongolia. A película céntrase nunha muller amnésica cuxo nome ignoramos e no seu proceso de «lembrar as imaxes latentes» que perdeu do pasado; no entanto, a produción viuse interrompida primeiro polo malestar político que se desencadeou en Corea do Sur e, despois, pola violenta violación e asasinato de Cha en 1982. A presentación de Katie Kirlkand volve a White Dust… para desenterrar as vidas das que aínda goza no presente; nela haberá unha proxección dos fragmentos inacabados do filme e unha selección de proxectos recentes da artista Na Mira nos que reimaxina a película. «Novas desaparicións», que activa os elementos teatrais do cinema e a fabulación poética do arquivo, encarna as tecnoloxías da memoria de Cha.
Theresa Hak Kyung Cha (1951-1982) foi unha artista coreanoestadounidense radicalmente multidisciplinar cuxo traballo abrangueu a performance, a escultura, a escrita experimental e os libros de artista, a arte postal, o cinema, o vídeo e as instalacións audiovisuais. A súa obra explora os enredos da linguaxe, a memoria, o desexo e a identidade no período que segue a unha ruptura histórica.
Katie Kirkland é doutoranda en estudos cinematográficos e literatura comparada en Yale, onde investiga a representación e o documental experimental. Escribiu sobre as películas de Theresa Hak Kyung Cha para a revista cinematográfica feminista Another Gaze.
12:30: «Entre as cicatrices e a resistencia: unha fabulación arredor das películas sen facer de Ruiz Vergara», por Concha Barquero e Alejandro Alvarado (Málaga)
A censura do documental Rocío marcou o inicio dunha carreira frustrada e o cineasta Fernando Ruiz Vergara non volveu dirixir películas. Inmediatamente despois de ter lugar a Transición, Rocío foi confiscada e sometida a censura xudicial por expoñer un dos autores de crimes fascistas durante a Guerra Civil, e ata a actualidade pesa sobre ela unha prohibición que impide proxectala en España na súa integridade. Ruiz Vergara finou no ano 2011 e deixou numerosos guións e esbozos para películas que non foi capaz de levar a cabo, películas que existiron na imaxinación e no desexo e que falan de forzas creativas e disidencia. Recuperar os filmes inacabados do director andaluz é un proxecto de investigación, reinterpretación artística e afecto.
Os cineastas e investigadores Concha Barquero e Alejandro Alvarado convidan o público a coñecer as diferentes versións de Rocío, subliñando o resultado do choque entre a censura e a persistente resistencia do seu autor, con obxecto de explorar a filmografía inconclusa deste realizador. Mediante testemuños e restos de varia índole (filmacións e documentos, mais tamén lagoas), poderemos fabular arredor da potencialidade das películas que non chegou a facer. Co primeiro filme de Vergara, Otelo a presidente, pretendíase divulgar o proxecto político do famoso líder da Revolución dos Caraveis, Otelo Saraiva de Carvalho, que quería instituír unha democracia participativa en Portugal. Ambos os proxectos marrados, o político e o cinematográfico, nos devolven a unha Europa meridional entregada a un modelo extractivo que se basea no turismo como medio de vida.
Concha Barquero e Alejandro Alvarado son realizadores, profesores e investigadores da Universidad de Málaga. Desde hai dez anos, dedícanse a levar a cabo estudos académicos e cinematográficos sobre a obra do cineasta andaluz Fernando Ruiz Vergara, investigación que se plasmou no libro La poscensura en el cine documental de la transición española (2016) e a súa curtametraxe Descartes (2021). Acaban de concluír a longametraxe Caja de resistencia, que versa sobre os proxectos inconclusos do realizador.
PROGRAMA (2)
Filmoteca de Galicia | Sábado 1 xuño | 17:30 h
28-F ANDALUCÍA
Nonio Parejo | 1981 | España | HD | 15 min
Curtametraxe documental que trata da celebración do Referendo sobre o Estatuto de Autonomía, ao que o pobo andaluz concorreu o 28 de febreiro de 1980.
ROCÍO
Fernando Ruiz Vergara | 1980 | España | HD | 80 min
O ensaio fílmico Rocío, de Fernando Ruiz Vergara, que xira arredor da maior peregrinación católica da Península Ibérica, é tamén unha pormenorizada deconstrución dos mitos nacionais (e nacionalistas) tras a morte de Franco. Trátase, as mesmo, da primeira película que foi censurada en España unha vez que se produciu a Transición, por expoñer o autor dun crime fascista perpetrado durante a Guerra Civil, e segue sen estar permitido proxectar a versión íntegra. No seminario, Concha Barquero e Alejandro Alvarado van presentar unha reconstrución da versión non sometida a censura.
PROGRAMA (3)
Domus | Domingo 2 xuño | de 11 h a 14:30 h
11:00: «Para un ensaio ficticio: o arquivo do ausente», por Léa Morin
O 25 de setembro de 1967, o mozo cineasta marroquí Karim Idriss escribiulle unha carta ao reitor da Escola de Cinema de Łódź (Polonia), cunha solicitude de admisión na que expoñía a súa traxectoria e a súa activa participación na loita por un cinema marroquí. Uns anos máis tarde, remitiulle á revista marroquí de cultura Souffles unha misiva na que falaba do seu documental (despois prohibido) Les enfants du Haouz (1970), filme que xiraba arredor da marxinación dos adolescentes en Marrocos. Malia levarse a cabo intensas investigacións, esta película segue sen poder ser localizada, e o mesmo pode dicirse da última que Idriss fixo en Polonia: Et l’exil de tous les jours.
Baseándose nestas dúas cartas, así como nos filmes perdidos, documentos, fotografías e pasaxes e fragmentos de película, Léa Morin traza, nunha charla-performance, os desexos e soños prohibidos deste realizador marroquí que estudou en Polonia a primeiros dos 70. Que pode reconstruírse a partir destes restos materiais? Como se pode abordar a escrita dunha historia do cinema, aínda que estea atravesada por un conxunto de erosións, omisións, eliminacións e desaparicións? Como poden incluírse a incerteza, a proba e o erro? Como preservar películas que non existen? Podemos tomar prestadas as metodoloxías da restauración cinematográfica para conservar o rastro do ausente? Que lugar podemos concederlle á ficción neste traballo de recomposición político-estética? Resúltanos posible restaurar e reactivar o desexo polo cinema e os soños de revolución que transmiten cineastas novos como Idriss con miras a propor a invención doutros espazos para o noso futuro?
Karim Idriss (1936-2009) enfrontouse a impedimentos e prohibicións que truncaron a súa idea dun cinema marroquí, e gran parte da súa obra fílmica inicial considérase perdida. Exiliado en Francia tras estudar cinematografía en Polonia e pasar por Alxeria e Italia, realizou reportaxes para a televisión sobre temas relacionados coa inmigración, así como o documental Sketch for a Family Portrait (1979). Os plans que tiña de facer unha longametraxe en Marrocos non chegaron a termo.
Léa Morin é comisaria independente e investigadora activa en varios colectivos, que comprenden os Archives Bouanani (Rabat); Talitha, asociación dedicada a volver poñer en circulación arquivos de películas e audio de carácter alternativo e experimental (Rennes); o proxecto editorial Intilak e o departamento de investigación da Elías Querejeta Zine Eskola (San Sebastián).
12:00: «The Newborns, de Kianoush Ayari», presentado por Tara Najd Ahmad
O documental de Kianoush Ayari The Newborns é un filme que versa sobre as multitudes das rúas de Teherán, inmediatamente despois da revolución de 1979 e antes da instauración da República Islámica. A cinta, que ofrece unha imaxe pouco frecuente da liberdade utópica que se vivía nas rúas, é un documento das diversas faccións e grupos que participaron na revolución e que tomaron esas rúas para compartir as súas ideas e ilusións. O plan era que o filme contase coa voz en off dun narrador, mais, como o promotor que tiña inicialmente na televisión iraniana non deu a súa aprobación ás filmacións, a película quedou inconclusa e as gravacións foron confiscadas. Anos despois, unha persoa amiga de Ayari atopou por casualidade unha copia en VHS nun mercado de Teherán e, ao cabo, esta pasouse a formato dixital e subiuse á Internet.
Kianoush Ayari é un cineasta e guionista iraniano. Foi un dos primeiros membros da escena do cinema experimental innovador do seu país, coñecida como Cinema Libre de Irán (Sinema-ye Azad-e Iran), e, ao longo da súa traxectoria cinematográfica, dirixiu numerosos filmes premiados; o seu Abadani-Ha, de 1994, recibiu o Leopardo de Prata no Festival Internacional de Cinema de Locarno.
Tara Najd Ahmadi é unha especialista e cineasta de non-ficción nada en Teherán. O corpo da súa obra céntrase na creación dun panorama das historias marxinadas e nunca contadas que poden deducirse das historias orais extraoficiais. Os seus escritos apareceron en diversas revistas, como Frontiers, e fixéronse proxeccións monográficas do seu traballo en distintos espazos do ámbito internacional, entre os que se contan os Anthology Film Archives.
13:00: Panel «Os espectadores, adiados»
con Alejandro Alvarado, Concha Barquero, Katie Kirkland, Léa Morin, Tomás Rautenstrauch (Filmoteca Narcisa Hirsch) e Jaime Pena (Filmoteca de Galicia).
«Os espectadores, adiados» é a expresión coa que describiu Tara Najd Ahmadi a experiencia de ver The Newborns, de Kianoush Ayari, décadas despois de que non chegase a rematarse: a súa continua transparencia interpela o público e a súa imaxinación dun xeito distinto de como o faría un filme concluído que puidese representarse no seu contexto histórico. Retomando esta noción, os participantes de Film Undone e outros convidados abordarán o cambio de papeis que se produce ao tratar co material primario de proxectos cinematográficos que quedaron sen facer ou sen acabar, no canto de coa película como produto secundario. Os cabos soltos que vencellan estes materiais constitúen unha invitación para que os artistas e investigadores, mais tamén os espectadores, se convertan en cocreadores temporais da obra inacabada. Non obstante, facermos efectiva a súa potencialidade entre todos no presente, agregando achegas nas lagoas do que vemos e oímos, comporta unha responsabilidade conxunta engadida para coa suposta intención do creador ou creadores orixinais e o contexto no que a súa obra quedou ou segue inconclusa.