PARAÍSO
FACULTADE DE BELAS ARTES DE PONTEVEDRA – UNIVERSIDADE DE VIGO
Filmoteca de Galicia | Venres 7 xuño | 11:00 horas | Entrada libre a todas as sedes ata completar capacidade. Non será posible acceder ás salas unha vez empezada a proxección.
A sección Paraíso congrega un grupo de estudantes de Belas Artes atraídos polas potencialidades creativas da imaxe en movemento, que achegan as súas primeiras e suxestivas descubertas. O encontro xorde como un estímulo e unha maneira de tender pontes, e desenvolverase en dúas sesións nas que os estudantes da Facultad de Bellas Artes de Salamanca e da Facultade de Belas Artes de Pontevedra, da Universidade de Vigo, amosarán as súas películas, para xerar debate arredor delas. Ademais, este ano tamén se lles abrirán as portas á experimentación co cinema analóxico, artesanal e ecolóxico a través dun obradoiro impartido por Franci Durán, Phil Hoffman e Robin Riad.
HOGAR Y RACIOCINIO
Hector Pousa | 2024 | España | HD | 5 min
Hogar y raciocinio expón unha dualidade entre a paisaxe próxima, o fogar, fronte ao escenario alleo, distante, remoto. É así como a natureza actúa como concepto de identidade, onde non só exerce como medio de representación propio, senón que desempeña tamén unha función de espello dun determinado contexto social e cultural. Unha reflexión non só do medio natural próximo, senón tamén daqueles escenarios non tan achegados a nós, onde non existe un coñecemento íntegro da verdadeira realidade. (Hector Pousa)
BANDHANGAL
Mayoor Baiju | 2024 | España | HD | 5 min
Malia os esforzos que fixen por coidala e arranxar as cousas, a tormenta tornouse implacable, desapiadada, e desencadeou unha dolorosa metamorfose interna. O relato debuxa a miña perspectiva dunha relación que finaliza cando a miña compañeira, tras meses en crise, se achega aos límites da doenza mental para os traspasar e finalmente ingresar nun centro de psiquiatría. (Mayoor Baiju)
BOA VIAGEM
Eva Lareo | 2024 | España | HD | 7 min
Marcho de viaxe cos meus amigos a Lisboa, levo unha Handycam e empezo a gravar todas as brincadeiras e experiencias que nos ocorren alí, desde visitar museos ata saír de festa. Recollo estes momentos de burbulla e gozo cos meus amigos e convídovos, espectadores voyeurs, a que vos sintades a gusto e vos divirtades connosco. Así que gozade do traxecto e… Boa Viagem! (Eva Lareo)
EXILIO
Álvaro Trigo | 2024 | España | HD | 4 min
Na aldea, os farois acéndense coa caída do sol e iluminan o chan empedrado, os cans sen dono agóchanse para pasar a noite, o fume e as cinzas das chemineas esparéxense polo ceo e o frío reclúe a xente nos seus fogares. Lonxe, no páramo, o son da xistra entrelázase co dos pasos na neve dun intruso. (Álvaro Trigo)
GOLONDRINAS
Fabiola Quintela | 2024 | España | HD | 5 min
Gusto de pensar que o papel do artista é eludir o esquecemento. Así, este ensaio autobiográfico nace como un intento de abrazar o pasado que recoñezo en constante diálogo co noso presente. A poesía do cotián, da infancia e das relacións interpersoais florece no medio dun imaxinario ligado ás vivencias que marcaron a miña nenez. Buscando, entre fotogramas, abrir unha fiestra pola que observar e sentir todo aquilo que querería facer eterno: o amor dunha nai, o fluír do paso do tempo ou o voo das andoriñas cando chega a primavera. (Fabiola Quintela)
O NIÑO DA LAVERCA
María Martelo | 2024 | España | HD | 6 min
Todos temos o noso niño, que constrúen con amor aqueles que nos axudan a crecer. Os niños, como as persoas, non son eternos e unha tormenta pode alterar ou destruír o que dabamos por sentado. Atopei a gravación familiar dunha cea de fin de ano, cando o fogar aínda estaba cheo. É unha fiestra cara ao pasado, anaquiños de vida únicos que o paso do tempo nos arrebata silandeiramente e que nunca van voltar. Nesta peza falo dun fogar en proceso de cambio; do esteo despois da tormenta; dun niño, o meu, en reconstrución. (María Martelo)
FULGOR
Paula Pumares Silvosa | 2024 | España | HD | 3 min
Un autorretrato no que percorro as miñas memorias. A familia, lugares e recordos que se funden uns con outros coma se de ondas do mar se tratase, mesturado cunha atmosfera envolvente de cores e texturas da natureza da vila na cal medrei, formando unha paisaxe mental chea de nostalxia. (Paula Pumares Silvosa)
CURIOSIDADE, GUSTO, PRACER, EMPATÍA
FACULTADE DE BELAS ARTES DE PONTEVEDRA (UNIVERSIDADE DE VIGO)
Un ano máis, a sección Paraíso inclúe unha selección de películas persoais realizadas por alumnado da Facultade de BB. AA. da Universidade de Vigo e novamente comprobamos o contundente destes primeiros achegamentos ao audiovisual. Son obras que posúen indubidable sensibilidade estética, nadas dun impulso de xuventude mais puídas con agarimo; por iso son capaces de nos provocar curiosidade, gusto, pracer, empatía. Esa facultade que ten o cinema para atravesar os nosos sentidos e provocar emocións, sentimentos, é aproveitada pola naturalidade que teñen estes artistas para traballar coa súa historia persoal. A experiencia vital ao alcance da súa man, ou da cámara, pode incorporarse á súa obra.
Existe nestas películas iniciáticas unha liberdade creadora envexable. O cinema é só unha das varias formas artísticas nas que estes creadores e creadoras se expresan, de xeito que integran a imaxe en movemento no seu quefacer artístico entre a pintura, a escultura, o debuxo, a fotografía, a instalación, a performance.
Os temas que tratan nesta ocasión van desde o fogar e a familia ata os amigos, a soidade ou o amor; nada novo se non fose porque cada historia é particular e cada xeración escribe a súa. Estas sete obras nacen como exercicios da aula de Audiovisuais, materia de terceiro do grao de Belas Artes, e iso permitiume, como profesora, titorizar o seu proceso de creación e coñecer de preto cada artista. Dalgún xeito, o acompañamento non é só técnico, senón tamén humano, espiritual.
Hector Pousa fálanos da súa xeografía afectiva, na ría de Aldán, esa paisaxe interior que é o seu mesmo lar, a natureza sublime que ten ao seu alcance e mellor coñece. Ese imaxinario persoal contrapono a aqueloutro «que nos dan a ver» os medios, externo e global, que incide no desastre e a destrución, o Prestige ou as guerras. Dúas paisaxes opostas; dous tipos de imaxes, as propias e as alleas, nunha película evocadora que titula Hogar y raciocinio.
Mayoor Baiju comparte en Bandhangal (Vínculos) unha historia de amor dolorosa que viviu á súa chegada a Galicia desde A India, a súa terra natal, experiencia que o marcou de maneira tallante. Ante os conflitos e o inesperado da vida, as ensinanzas do Bhagavad Gita veñen socorrelo e recórdanlle que a calma e o sosego son as calidades que posibilitan conectarse con ese manancial de fortaleza interior que lle permite ao ser humano, tras o caos e a desesperanza, volver amar.
Eva Lareo regálanos fragmentos dunha viaxe a Lisboa cos seus amigos, artistas con parecidas inquedanzas e o mesmo desexo futuro de vivir da arte. Boa Viajem recórdanos que esas primeiras viaxes fraternais nas que unha soña, baila, ri e descobre que os colegas son a súa verdadeira familia. Unha peza documental dinámica onde as escenas se suceden coa fluidez dun coming-of-age travelogue, divertido, enerxético, que chama á autodescuberta.
Álvaro Trigo elixe en Exilio a animación, o debuxo fotograma a fotograma, para nos falar tamén dunha viaxe de transformación, mais, a diferenza da obra anterior, é unha viaxe solitaria, onde o silencio e o baleiro guían o protagonista entre a neve. Todo en apenas unhas poucas liñas, escasos trazos, vento e o eco dos pasos dun personaxe que camiña de noite por unha paisaxe invernal. Esa redución da composición á mínima expresión visual e sonora é unha elección consciente e ao tempo unha postura ante o feito artístico.
Golondrinas é unha videocarta de agradecemento a unha nai. Nos seus brazos Fabiola Quintela aprendeu a contemplar a beleza das andoriñas cada primavera a través da xanela da súa casa. Contra o posible esquecemento da memoria, a autora realiza unha emotiva película de arquivo doméstico que lle permite poetizar os recordos da súa infancia, lembrar a súa familia e inmortalizar aquela memoria que non quere que o tempo leve. A nostalxia é o sentimento que fai que siga a existir e a renovarse eternamente o cinema doméstico.
Outro exemplo de película autobiográfica de arquivo persoal é O niño da laverca, de María Martelo, que utiliza como columna vertebral da historia unha gravación dunha cea familiar, un plano fixo nunha mesa de Nadal chea de comensais, e converte esa escena típica en algo formalmente interesante e orixinal. Personaxes que hoxe xa non están, como un avó que lle chamaba «laverca» porque a súa neta era ese paxariño falador atento que pasaba o día a cantar. E o niño representa o fogar, hoxe desmembrado, ao que esa nena xa non pode volver.
Fulgor é a película que pecha este programa, que nace tamén desde esa nostalxia de estar a estudar fóra da casa e botar en falta a vila e a familia. Paula Pumares mergúllanos nunha marea de recordos abstractos, imaxes que xogan coa luz, texturas da natureza, sons do campo, amálgama de memorias entrelazadas, persoas, lugares, momentos que son significativos e que ela artella nunha sinfonía sinestésica.
Sen dúbida, cada ano comprobamos o enxeño, a tenrura e o amor que o alumnado é capaz de proxectar facendo un cinema pequeno, artesanal, intuitivo, experimental.
Xisela Franco