AGNÈS HAYDEN

DESBORDAMIENTOS

Patio da Fundación Luis Seoane | Xoves 6 xuño | 23:00 horas | Entrada libre a todas as sedes ata completar capacidade.

 

Latitude Mesh, de Agnès Hayden, foi o proxecto elixido na pasada convocatoria de BAICC, Residencia artística internacional de creación cinematográfica 2023-24, promovida polo (S8) xunto a AC/E e o LIFT.

LATITUDE MESH
Agnès Hayden | 2024 | España, Canadá | 16 mm | 18 min

Latitude Mesh é unha película que pon en diálogo distintas emulsións fotosensibles: Kodak Tri-X, película de alto contraste Kodak 3378 e unha emulsión propia, creada artesanalmente. Esta última é o elemento principal da obra, a investigación das súas características e posibilidades. A película artéllase arredor de tres conceptos: o descenso na latitude fotográfica, desde a emulsión máis sensible ata a menos sensible á luz; o descenso na latitude xeográfica de Toronto, filmando de norte a sur segundo a emulsión; e un descenso físico da cámara, desde imaxes contrapicadas enfocadas nas alturas, pasando pola cidade e a terra, para finalizar no lago Ontario. O movemento, a sensibilidade fotoquímica e a xeografía entrelázanse ao longo da metraxe, acompañados por unha paisaxe sonora autoproducida. A imaxe e a música dexeneran gradualmente ata alcanzar ritmos violentos de haluros de prata desordenados e sons distorcidos. (Agnès Hayden).