LYNN LOO
DESBORDAMIENTOS. INTENCIÓNS INCIDENTAIS
Patio da Fundación Luis Seoane | Venres 7 xuño | 23:00 horas | Entrada libre a todas as sedes ata completar capacidade.
Todas as obras empezan cunha curiosidade: que pasaría se…? Logo, cando a idea tomou unha primeira forma na tira de película, a seguinte fase de exploración consiste en entender o que está a suceder na pantalla e, a seguir, buscar un xeito de interpretar esta obra segundo o meu propio temperamento e conformala. Esta é, a grandes trazos, unha descrición do proceso que sigo. Nas obras así expandidas adoito empregar imaxes abstractas; en termos xerais, son padróns, padróns espaciais e rítmicos. Hai unhas normas que impoño ao principio, mais, no proceso de realización, prevexo a posibilidade de tomar e aplicar decisións sobre como seguir facendo que o traballo evolucione e como interpretalo.
Funme decatando de que a miña formación musical puido influír sutilmente na miña maneira de abordar a realización de películas, pois ambas as formas de arte posúen unhas regras, estruturas e padróns e, ao combinárense, achegan unha especie de certeza, resolución e, por riba de todo, beleza á nosa humana percepción deses sistemas.
Lynn Loo
Lynn Loo, orixinaria de Singapur e hoxe radicada en Londres, chegou ao cinema tras a súa traxectoria na música. Traballa nese primeiro ámbito desde finais dos 90 e empezou a abrirse camiño no cinema expandido a mediados da década de 2000. En 2011, Loo pasou polo (S8), onde amosou as obras feitas en colaboración con Guy Sherwin, e nesta nova visita tráenos dúas das súas primeiras creacións, nas que explora distintos materiais de película analóxica e procesos levados a cabo en distintas partes do proxector, así como as súas últimas performances fílmicas, Washi MM, e a obra Asa No Ha, en curso de realización.
END ROLLS
Lynn Loo | 2009 | Reino Unido | 3 × 16 mm | 12 min
Cando do laboratorio devolven un rolo de película de cinema en cor, sempre empeza por unha longa cabeceira e despois veñen uns breves segundos de fluxo de cor antes de se transformar na primeira imaxe que aparece na pantalla. O mesmo ocorre cando a imaxe se esvaece ao final dun rolo. O que eu quería era captar esa flutuación de cores.
Pasouse un rolo de negativo por unha cámara de cinema e despois expúxose, a intervalos aleatorios, a diversas fontes luminosas, como a luz dunha candea, a dun fornelo e a dunha radio. No laboratorio fixéronse copias, con instrucións de someter cada unha a distintas exposicións luminosas, e esas copias proxéctanse a seguir en tres proxectores independentes.
O son cáptase mediante unhas fotorresistencias que reaccionan ás flutuacións de luz da película.
Aproveitando os diferentes ritmos dos proxectores, as ditas copias idénticas reprodúcense en momentos distintos, o que ofrece, máis unha vez, unha interacción ao azar, igual que co son. (Lynn Loo)
AUTUMN FOG
Lynn Loo | 2010 | Reino Unido | 2 × 16 mm | 12 min
Cando fun vivir a Londres, aquela foi a primeira vez que tiven xardín e a primeira vez que experimentei nel as mudanzas estacionais, que eran máis rechamantes no outono, e quixen captalos mediante o uso dunha cámara de cinema e ver en que ían materializarse. Ao comezar a filmación, establecín unhas regras: as tomas tiñan que ser fixas, tiña que haber movemento procedente dunha lixeira brisa e logo tiñan que vir a luz e a sombra.
Do laboratorio devolveron o negativo da cámara e a copia e deles xurdiu a idea de proxectalos xuntos con pantallas superpostas, o cal, pola súa vez, derivou nunha manipulación ocasional do proxector en directo e na adición de filtros de cor. (Lynn Loo)
WASHI MM
Lynn Loo | 2017 | Reino Unido, Xapón | 3 × 16 mm | 15 min
Vin por vez primeira os debuxos de Mary Martin nunha galería londiniense e un que me chamou especialmente a atención foi Drawings for Expanding Permutation (Debuxos para unha permutación en expansión), de 1969, bolígrafo sobre papel. Ao imaxinar como os fixera, os padróns, as liñas, o branco e o negro que son como luz e sombra, pregunteime como interpretalos en película. O seu fillo, Paul Martin, soubo do meu interese e amablemente me ofreceu un catálogo no que figuraba o debuxo que me serviu de inspiración para crear esta obra.
Nunha tenda atopei cinta adhesiva protectora Washi, que viña en distintas formas e con distintas liñas.
Ao cortar estas cintas con varias lonxitudes e adherilas aos dous lados dunha tira de película en branco a intervalos variados, créanse ritmos visuais. A cinta tamén se pega a intervalos ao bordo da película que contén a banda sonora.
Despois de pegar varios centos de pés de cinta Washi en película en branco, fixen copias nunha impresora por contacto caseira e procesei eu mesma a película. Foron tres copias as que creei e usei na obra definitiva. En Washi MM empréganse tres proxectores e, ao facerse uso da diferenza innata de velocidade de cada proxector, as películas non van sincronizadas, o que achega un elemento rítmico adicional á obra. (Lynn Loo)
Agradecementos:
Arts Council England | The Great Britain Sasakawa Foundation
ASA NO HA
Lynn Loo | 2024 | Reino Unido, Xapón | 2 × 16 mm, un proxector DV | 1 min
En Kanuma, un artesán introduciume no kumiko, unha arte tradicional xaponesa consistente en ensamblar anacos ultrafinos de madeira sen usar puntas, para formar padróns xeométricos que levan a empregarse centos de anos; o asa no ha (folla de cáñamo) é un dos máis recoñecibles. Segundo Toyoda-san, o esencial do kumiko é o uso de triángulos equiláteros, pois ten que ter exactamente 60 graos en todos os lados ou non vai saír ben. Ao pensar en producir unha obra fílmica baseada nisto, lembreime de 10 Drawings, de Steve Farrer, na que se dispuñan tiras de película en branco nunha cuadrícula; decidín tomar prestada esta idea de debuxar sobre película en branco e rascar sobre cinta negra Asa no Ha, con imaxe e son en mente. Trátase dunha obra en curso de realización. (Lynn Loo)
Agradecementos:
The Great Britain Sasakawa Foundation