SINAIS
PROGRAMA 1
Sala (S8) Palexco | Xoves 6 xuño | 17:00 horas | Entrada libre a todas as sedes ata completar capacidade. Non será posible acceder ás salas unha vez empezada a proxección.
INSTRUCCIONES PARA UN AUTORRETRATO
Pablo Useros | 2024 | España | 16 mm | 4 min
Instrucciones é unha serie aberta de autorretratos que vou realizando coa premisa de atopar nun espazo público un espello ou unha superficie reflectante e filmar alí.
Este autorretrato é o cuarto da serie, o primeiro realizado en 16 mm. Os anteriores foron gravados en vídeo. (Pablo Useros)
MATERIA VIBRANTE
Pablo Marín | 2024 | Arxentina, España | 16 mm | 7 min
Na procura de rastros e pegadas dunha ausencia, esta película examina a coexistencia entre a natureza e as estruturas ou artefactos creados pola humanidade para ofrecer un obxecto formal de recordo. Unha escura celebración da superficie dun mundo fracturado e exhausto, o que puido ser unha sinfonía urbana evoca, en troques, a sensación dun mausoleo para a nosa existencia actual. (Pablo Marín)
«Non abonda con recoller os restos do naufraxio. Hai que instalar, no medio das ruínas, as marcas da obsesión.» (María Negroni)
BURBANK NEONS
Rocío Mesa | 2022 | EUA, España | 16 mm a HD | 3 min
Retrato sinfónico en 16 mm editado na cámara da anacrónica cidade de Burbank a través dos seus máis icónicos letreiros de neon.
VELOS NA TERRA
Iago Lourido | 2024 | España | HD | 5 min
Unha obra feita para ver coa mirada desenfocada. Unha obra de Fe, de Anxos e miradas de Curuxas. Esta é unha experimentación sobre os seres que habitan a natureza e que non podemos ver agás na Tebra; só podemos Velos na Tebra. (Iago Lourido)
SIGHTINGS
Pere Ginard | 2023 | España | HD | 6 min
Un paseante submarino avanza pesadamente cara ao descoñecido. O que ve, o que atopa, conforma este inventario feito de melancolía, obsesións e medos. (Pere Ginard)
A TERRA TEN GLITCH
Yasmina Farhani Luaces | 2024 | España | HD | 7 min
Un diálogo entre as imaxes, as casualidades e a terra. (Yasmina Farhani Luaces)
SANTA POLA
Beatriz Freire | 2024 | España | 16 mm a HD | 10 min
O mar arrola os corpos dunha comunidade pesqueira, mentres a cámara capta meticulosamente as hábiles mans que tecen intricadas redes de pesca, revelando a íntima danza entre a humanidade e o océano. (Beatriz Freire)
CADA GESTO
Valentina Alvarado | 2024 | España | 16 mm a HD | 10 min
A man faise protagonista nunha peza que traza desde unha mirada macro unha cidade entendida como escenario táctil a partir de distintas mulleres que traballan con oficios artesanais. cada gesto é un retrato audiovisual que pensa a cidade de Barcelona desde a pegada e a vida interior dos obradoiros. (Valentina Alvarado)
LA JARDINERA
Fernanda Vicens | 2019 | Chile | 16 mm | 3 min
La Jardinera é a primeira parte dunha obra cuxa visualidade toma como referencia a poesía que Violeta Parra crea desde as flores, as plantas e certos lugares de Ñuble. (Fernanda Vicens)
PASAJE CROMÁTICO #2: CULEBRA
Brenda Boyer, Beatriz Higón | 2024 | España | 16 mm | 3 min
A cobra deslízase entre as fisuras das rochas e os brillos da auga. Agóchase entre os pregos das árbores, polo oído, e habita ás apalpadas os bosques, entre o romeu e o tomiño. Arrástrase pola terra sen esquecer a súa condición humilde, baixiña, de ser «a rentes do chan». Como as sibilas, coñece os segredos do tempo, o seu despregamento ondulatorio. Bisba e o universo ábrese; achégaste en silencio e revélache a verdade. (Brenda Boyer e Beatriz Higón)
OJO DE AGUA
Héctor Gardez | 2024 | España | 16 mm a HD | 7 min
O primeiro baño nun río, a exuberante vexetación, os sons da noite, a forza con que nace a auga desde unha rocha. Todo o que o ollo é capaz de gardar tras se aventurar a mirar por vez primeira a beleza natural dunha illa descoñecida que é espello da túa casa. (Héctor Gardez)
SINAIS
A MIRADA E O MOVEMENTO
O cinematógrafo Lumière non foi o único que se inventou, pero si o que coñeceu un maior éxito. Unha das razóns dese éxito é que a caixiña primixenia de madeira que era, alén de servir para filmar, para rexistrar o mundo, servía para proxectar. Esta dualidade, na que o mesmo aparello absorbe a luz do seu contorno e nola devolve expulsando luz, permítenos empezar a falar da selección de Sinais, que este ano se distribúe en dúas sesións que son como a cara e a cruz dunha moeda. Nunha delas, a cámara rexistra o real modificándoo a través do encadramento, a montaxe ou outras técnicas de cámara. Na outra, modifícase o real para o rexistrar coa cámara. A cámara como elemento modificador ou amplificador, pois, é a primeira dirección á que apuntamos para falar deste grupo de películas nas que se mesturan temas e xeracións, alumnado e educadoras en comunidade.
O primeiro programa sería, xa que logo, o máis enraizado na observación do mundo tal e como é. E, nesa observación, todas as películas que percorren o programa están fortemente arraigadas en lugares xeográficos concretos, marcados pola relación da persoa da cámara con eles. Dúas maneiras posibles de lidar coa cidade de Madrid, tan desbordante como dura por momentos, son as de Pablo Useros e Pablo Marín. No caso de Useros, en INSTRUCCIONES PARA UN AUTORRETRATO, o artista semella querer integrarse e illarse do seu contorno á vez, nun acto de ensimesmamento no espazo público. Partindo dunha premisa serial e con regras de xogo concretas, Useros evoca os xogos mecánicos de Dietmar Brehm. Marín, pola súa banda, en MATERIA VIBRANTE, busca as (escasas) fendas para a natureza na cidade, mais tamén os milagres luminosos entre edificios, os mil e un xeitos de un se apegar a un lugar considerándoo un ente vivo e palpitante. Burbank é unha cidade do condado dos Ánxeles, onde Rocío Mesa tivo a súa residencia varios anos. BURBANK NEONS é un exercicio de edición na cámara de superposicións hipnóticas e coloridas, na procura da maxia no cotián de Mesa, evocando o espírito de William Klein. A cor no medio da escuridade é algo que recolle Iago Lourido en VELOS NA TEBRA, unha película de luces e sombras que emula na súa tinguidura o cinema mudo, na que a parte máis espiritista da terra de San Sadurniño, en Galicia (no contexto do mítico e frutífero Chanfaina Lab), sae á luz. Pere Ginard leva anos a avistar criaturas sobrenaturais no medio das situacións cotiás máis variadas. Feita con material atopado de base, SIGHTINGS desvela os monstros mariños que pasan inadvertidos nas costas barcelonesas e mallorquinas. Nesta liña de extraer o ultraterreo do cotián usando o cinema, Yasmina Farhani Luaces (integrante do obradoiro impartido por Berio Molina en Novos Cinemas) saca en A TERRA TEN GLITCH as estrañas atmosferas xeradas polas partículas da terra, o desdobramento da realidade rural a saír dos seus marcos. As seguintes tres películas evocan dunha maneira ou doutra a conexión entre os oficios manuais, o cinema e o territorio. Beatriz Freire descodifica os ritmos secretos da tecedura de redes de pescar en SANTA POLA, onde os ritmos das mans das tecedoras lembran o funcionamento da cámara e a montaxe. Valentina Alvarado fai en CADA GESTO un singular retrato de Barcelona a través do que acontece nos seus obradoiros, a través da filmación amorosa das mans das persoas que alí accionan. Fernanda Vicens tórnase ela mesma xardineira na súa película LA JARDINERA, na que a poda, a rega e a fertilización se converten nun traballo de atento coidado ás flores fotograma a fotograma, para crear así incribles ramalletes no ollo do público. A película de Vicens debuxa unha sorte de xardín secreto na natureza, igual que o fan Brenda Boyer e Beatriz Higón, e Héctor Gardez. Nunha especie de claro no bosque privado, Boyer e Higón experimentan en PASAJE CROMÁTICO #2: CULEBRA cunha sorprendente separación cromática feita na cámara a base de sobreimpresións e filtros, co que se xera unha paisaxe alucinada e íntima. Pola súa banda, Gardez, en OLLO DE AUGA, adéntrase na contorna dun río nunha bela visión puntuada por sobreimpresións e traballo fotograma a fotograma, na procura da súa illa (Tenerife) noutra illa remota que o acolle (Cuba).
O segundo programa ten como fío condutor a idea de posta en escena, que tamén apunta á delgada liña que por veces separa a performance ou o happening do cinema experimental (como vemos tamén a través do cinema de Narcisa Hirsch). Por exemplo, a partir do HOMBRE DE PALO de Pablo Agma, elemento disruptivo nas rúas da cidade, espantallo que tenta poñer diante dos transeúntes os efectos da crueldade do mundo. No caso de KATALIPSI, de Elaine Sier, trátase da historia contraria, do monstro encuberto, e da posta en escena dun finxido activismo que saquea a intimidade dos grupos de loita. TRIPLE TANGO MANCHEGO, do Colectivo Craneal (composto por Marta Solera Picazo, Aitana de Dios e Patri de la Plaza, da célebre Facultad de Bellas Artes de Cuenca), é en parte un xogo e en parte unha performance de ecos queer e punk, no espírito lúdico e subversivo de figuras como Jack Smith ou Mara Mattuschka na súa modificación sen complexos dos días. BIVALVA, tamén vida de Cuenca da man de Celia Kiroga Rincón, utiliza o escenario dunha casa queimada, anteriormente habitada, para confundir o territorio dos soños e o da realidade en imaxinativas escenificacións surrealistas. Juliana Julieta, pola súa banda, modifica así mesmo a realidade mais de acordo co que alcanza a facer fronte á cámara coa súa propia man: o mundo contido nunha culler ou nunha lámpada. Tanto Claudia Claremi como Carlos Vásquez Méndez despregan toda unha posta en escena de mans nas súas películas, con diferentes implicacións. En LA MEMORIA DE LAS FRUTAS (DIÁSPORA), Claremi condensa o sentimento da migración a través da evocación das froitas tropicais. Esas mans palpan, acariñan e sopesan froitas invisibles, mentres oímos os testemuños das persoas que, pensando nas froitas, constrúen unha memoria sensorial do fogar que deixaron atrás. En LEGERDEMAIN, Vásquez Méndez acciona sons diferentes de materias e aparellos nunha intelixente manobra que examina as bases do son no cinema a través da sincronía (ou da súa ausencia). Finaliza este bloque coa dupla proxección con son en directo de THE WORD WAS DELETED, de Esperanza Collado. O diálogo a dobre pantalla de diferentes tropos arredor da obra de Val del Omar (as súas raíces en Granada e o seu célebre laboratorio PLAT) está construído, tamén, a base de postas en escena performáticas: a levada a cabo como xogo das agachadas ou de persecucións na Alhambra, e a coidadosamente orquestrada para a cámara cos documentos e instrumentos do laboratorio.
Elena Duque