KENNETH ANGER
PROGRAMA
Filmoteca de Galicia | Venres 31 maio | 20:30 horas | Entrada libre a todas as sedes ata completar capacidade. Non será posible acceder ás salas unha vez empezada a proxección.
PUCE MOMENT
Kenneth Anger | 1949 | EUA | 16 mm | 6 min
Puce Moment, que Anger realizou nos Ánxeles en 1949, constitúe unha das súas obras iniciais. Foi a primeira película que rodou en cor e o único capítulo que fixo dun proxecto chamado Puce Women, que non puido acabar por falta de financiamento e que ía ser unha sinfonía sobre o glamour, a decadencia e o declive do Hollywood da época, na que cada muller representaría un momento distinto do día. Sobreviviu Puce Moment, que funciona como película completa en por si; unha curtametraxe que ten como protagonista a Yvonne Marquis, curmá de Anger, que é mostrada lacazaneando polo seu apartamento e probando vestidos de brillos, tombada nunha chaise longue e paseando os seus catro cans borzoi. A banda sonora da película incluía orixinalmente música dunha ópera de Giuseppe Verdi, mais na década de 1960 Anger volveu sacar esta curta con folk rock psicodélico obra de Jonathan Halper, artista polo demais descoñecido.
«Puce Women foi a miña historia de amor con Hollywood […][,] con todas as grandes deusas do cinema mudo. Había que as filmar na súa casa; eu estaba, en efecto, a filmar fantasmas.» (Kenneth Anger)
INAUGURATION OF THE PLEASURE DOME
Kenneth Anger | 1954 | EUA | 16 mm | 38 min
A película derívase dun dos espectaculares rituais de Crowley nos que os participantes do culto adoptan a identidade dun deus ou deusa. Noutras palabras, trátase do equivalente dun baile de máscaras: planifícano durante un ano enteiro e a véspera do sábado preséntanse á maneira daqueles deuses e deusas cos que se identifican, e todo o acto é como un happening improvisado. Nisto é no que se basea realmente a película: un evento no que deuses e deusas interactúan e que, en Inauguration of the Pleasure Dome, xira arredor da lenda de Baco e conclúe co despezamento do deus por parte das bacantes. Este é o tema subxacente. Porén, no canto de recorrer a un ritual concreto, no que habería que falar bastante, igual que nun ritual de verdade, eu o que quería era xerar a sensación de ser transportado a un mundo marabilloso. E o uso da cor e a fantasía é progresivo; noutras palabras, expándese, tórnase totalmente subxectivo, coma cando se vai comungar; e iso un veo cos ollos deles. (Kenneth Anger)
INVOCATION OF MY DEMON BROTHER
Kenneth Anger | 1969 | EUA | 16 mm | 11 min
A escura senda do noso Señor Lucifer, mentres as Forzas da Escuridade se reúnen nunha misa de medianoite. Vira a danza sinistroxira do Mago arredor da Forza en Espiral Xiratoria, a esvástica solar, ata que o Portador de Luz —Lucifer— se abre paso. (Kenneth Anger)
LUCIFER RISING
Kenneth Anger | 1966-80 | EUA | 16 mm | 28 min
A película Lucifer Rising é a miña resposta a Scorpio Rising, que foi un espello mortuorio fronte ao cal foi posta a cultura estadounidense. E, polo meu propio ben, tiven que responder, malia que sigo a comprobar que nos Estados Unidos interveñen moitos elementos tanáticos. Este é un filme que versa sobre a xeración do amor, pero vista en profundidade, como na cuarta dimensión. E eu chámolle unha visión de amor, e de amor vai: da súa violencia, así como da súa tenrura […]. Empecei a rodar co equinoccio de primavera. Na miña película encadro os personaxes en tipos, e unha cousa que descubrín e que, xa que trata de demos —pero demos do amor—, teño que traballar bastante rápido porque eles tenden a ir e vir […]. Un demo non é máis que unha etiqueta cómoda que se lle pon a unha forza […]. Igual que Scorpio Rising, Lucifer Rising aborda varios temas. Eu son un artista que traballa na Luz e aí, verdadeiramente, radica o centro de todo o meu interese. Lucifer é o Deus da Luz, non o demo; esa é unha calumnia cristiá. O demo son sempre os deuses dos demais. Lucifer apareceu noutras películas miñas, sen que eu o cualificase como tal, pero normalmente neses filmes hai unha figura ou un momento que é o meu momento «Lucifer» […]. Na película amoso cerimonias reais; o que se executa diante da cámara non vai ser unha recreación, e vai ter por fin provocar o alzamento de Lucifer […]. É a festa de aniversario da Era de Acuario […]. Todo que levo dicindo ata agora foi conducíndonos ata aquí. Estiven a explorarme e agora teño que o comunicar. Lucifer é o Anxo Rebelde que se atopa detrás do que pasa hoxe no mundo; a mensaxe que trae é que «a clave do Gozo radica na Desobediencia». (Kenneth Anger)
KENNETH ANGER
O CINE DE THELEMA
En 2023, a poucos días do comezo do (S8), finaba en San Francisco Kenneth Anger. Durante esa edición, o espírito de Anger visitounos de maneira simbólica. Neste 2024, a sala de cinema convértese nunha ouija cósmica que nos traerá algunhas das súas películas, a xeito de celebración do seu paso pola terra. Kenneth Anger, pioneiro do cinema queer, estrela da contracultura, icona pop e posuidor dos mellores chismes de Hollywood, era ademais un recoñecido seguidor das ensinanzas de Aleister Crowley, que tamén se traspasaron ao seu cinema. Crowley, «mago negro» e famoso ocultista, pai do satanismo moderno (un culto sen deuses, non necesariamente vencellado a Satanás), foi o fundador en 1904 de Thelema, unha sorte de relixión laica cuxa filosofía se resume en dúas frases: «”Fai a túa vontade” será o todo da Lei» e «Amor é a lei, amor baixo vontade». Neste programa recollemos o «cinema thelemático» de Anger, dedicado aos rituais, a maxia e o esotérico.
Dános paso á séance Puce Moment (1949), unha película que é unha invitación a entrar nun transo, a medida que van caendo os veos cos que nos seduce Yvonne Marquis segundo se acicala para saír. Dirixímonos despois a Inauguration of the Pleasure Dome (1954), unha película dedicada a Crowley na que asistimos a unha reunión de magos como as que el mesmo organizaba. Filmada na casa do actor Samson De Brier e protagonizada polo propio Anger xunto a Marjorie Cameron, Joan Whitney, Anaïs Nin e Curtis Harrington, a película tamén toma influencias das mitoloxías grega e exipcia, do Bosco, de O gabinete do doutor Caligari e dunha famosa festa de disfraces de Hollywood chamada «Come as Your Madness», nun incrible ritual de cores alucinantes e ritmos exquisitos. Xa afianzados noutro plano da realidade, entramos á parte do programa dedicada a Lucifer, «luceiro da alba», o famoso anxo caído. Invocation of My Demon Brother (1979) é un enigmático ritual de derivacións homoeróticas imbuído de cheo na cultura underground e na psicodelia, un conxuro de forzas pagás de poderosa imaxinería con música de Mick Jagger. Finalmente, chegamos a Lucifer Rising (1966-1980), a película máis ambiciosa de Anger, que lle levou varios anos e rocambolescas aventuras completar. A teoloxía cristiá ve a Lucifer como a personificación do Mal, pero Anger retrátao como un portador de luz: inspirado polo poema de Crowley «Hymn to Lucifer», encárnao nun heroe rebelde que daría paso á nova era, a Era de Acuario. A película, rodada en impresionantes paisaxes, tivo a Leslie Huggins como Lucifer, o director Donald Cammell como Osiris e a Marianne Faithfull como a deusa Lilith, ademais de aparicións do propio Anger e de Jimmi Page. O resultado é un percorrido alucinante de deuses exipcios, rituais solares, procesións con fachos, saltos entre milenios, pirámides e pratos voadores. A banda musical está feita desde o cárcere por Bobby Beausoleil, quen ía ser o protagonista do filme, músico e asasino coñecido porque fora parte da Familia Manson e da formación primixenia de Love.
Só podemos agardar, en vista deste legado, que o espírito de Anger descanse en paz baixo os preceptos de Thelema:
Isto significa que cada un de nós, estrelas, debe desprazarse na súa órbita verdadeira, como o sinala a natureza da nosa posición, a lei do noso crecemento, o impulso das nosas experiencias pasadas. Todos os eventos son igualmente lexítimos —e cada un deles, necesario a longo andar— para todos nós, en teoría, mais na práctica só un acto é valido para cada un de nós nun momento dado. Xa que logo, o Deber consiste en determinarse a experimentar o evento correcto dun momento de conciencia para o outro. (Aleister Crowley, The Book of the Law)
Elena Duque