MORGAN FISHER

PROGRAMA 1

Filmoteca de Galicia | Xoves 6 xuño | 19:30 horas | Entrada libre a todas as sedes ata completar capacidade. Non será posible acceder ás salas unha vez empezada a proxección.

THE DIRECTOR AND HIS ACTOR LOOK AT FOOTAGE SHOWING PREPARATIONS FOR AN UNMADE FILM (2)
Morgan Fisher | 1968 | EUA | 16 mm | 15 min

Película en cinco seccións, cada unha das cales ten a duración dun único rolo de cinta de 16 mm. Vemos un cuarto espido no que hai un mozo sentado tras unha gravadora. Outro home, interpretado polo propio Fisher, entra apresuradamente; proba a máquina e ao cabo métese nun cuarto traseiro, o cal, cando se ilumina, resulta ser unha cabina de proxección. Cada sección do filme ofrece máis detalles sobre a situación do director e do seu actor a ocupárense dunha película inacabada que pouco a pouco se converte na que estamos a ver, pero que non é aquela na que eles se atopan a traballar. Ao longo da cinta, oímos os comentarios dos dous homes en tanto visualizan os fragmentos da súa película, visualización que forma parte dos procedementos que esixe o proceso de realización, que debe permanecer invisible no filme acabado. Nesta obra, porén, o tema constitúeo o propio procedemento. 

Copia por cortesía da colección Morgan Fisher (Academy Film Archive)

 

PRODUCTION STILLS 
Morgan Fisher | 1970 | EUA | 16 mm | 11 min

Como o seu título indica, o tema de Production Stills é unha serie de fotogramas de produción dunha película que non chegou a facerse e que, ao mesmo tempo, é a que estamos a ver. Unha narración totalmente pechada da súa propia produción: a imaxe é unha toma longa (de once minutos) dunha parede na que unha man vai prendendo varias Polaroid consecutivamente, unha tras doutra. Nelas amósase o equipo que fai a película; o son sincrónico permítenos oír «de xeito simultáneo» as súas charlas e o zunido da cámara de fotogramas, de forma que podemos prever as fotos que van aparecer e poñerlles cara ás voces que oímos. (Festival Artefact) 

Copia por cortesía da colección Morgan Fisher (Academy Film Archive)

 

PRODUCTION FOOTAGE
Morgan Fisher | 1971 | EUA | 16 mm | 10 min

A película está formada por dúas tomas, cada unha das cales constitúe a metade do filme. A primeira toma amosa un rolo de película de 200 pés que se carga nunha cámara; a segunda, un segundo rolo doutros 200 pés que se descarga dunha segunda cámara. Ao unir as dúas tomas obtense un corte dun primeiro plano na lente da primeira cámara cara ao ángulo inverso, un primeiro plano na lente da segunda cámara. Malia existir un corte, Production Footage rodouse de maneira ininterrompida. O rolo que se carga na cámara na primeira toma é o rolo con que se vai rodar a segunda toma; o rolo que se descarga na segunda toma, o rolo co que se rodou a primeira. Deste xeito, o rolo de película da primeira toma contén (aínda que prospectivamente) a segunda toma, e o rolo da segunda toma contén a primeira. Todo o que contén a película conteno dúas veces: como imaxe e como filmación do rolo de película que contén a imaxe. Cada unha das dúas metades do filme contén a outra, e xuntas conteñen a totalidade. Production Footage contense a si mesma. (Morgan Fisher)

Copia por cortesía da colección Morgan Fisher (Academy Film Archive)

 

STANDARD GAUGE
Morgan Fisher | 1984 | EUA | 16 mm | 35 min

Un cadro de cadros, unha peza de pezas, unha duración de duracións. Formato estándar en subestándar; máis estreito, si, pero máis longo. Un primeirísimo plano que é un gran plano xeral. Disiecta membra; Hollywood nunha antoloxía. Unha sorte de autobiografía do seu creador; unha sorte de historia da institución de cuxos anacos está composta, a industria do cinema comercial. Un interrogatorio mutuo entre os 35 mm e os 16 mm, o formato de Hollywood e o formato dos amadores e independentes. (Morgan Fisher)

Copia por cortesía da colección Morgan Fisher (Academy Film Archive)

( )
Morgan Fisher | 2003 | EUA | 16 mm | 21 min

() triunfa dun xeito abraiante onde a empresa paralela de Frampton, Hapax Legomena: Remote Control (1972), fracasou; nela empréganse métodos aleatorios para liberar o inconsciente narrativo dun conxunto de películas seleccionadas ao chou. () está formada na súa totalidade por «insertos» de longametraxes organizados segundo os principios oulipianos. Estes insertos eran rodados habitualmente por uns axudantes cando non facían falla actores principais, grandes equipos de filmación nin escenarios caros, e neles figuran detalles de armas, feridas, cartas, letreiros, lápidas, maquinaria, xogos de azar, reloxos, cartos e mesmo caricias íntimas. (P. Adams Sitney, «Medium Shots: the Films of Morgan Fisher», Artforum International)

Copia por cortesía da colección Morgan Fisher (Academy Film Archive) 

MORGAN FISHER

VOSTEDE ESTÁ A VER UNHA PELÍCULA

Cando a maioría da xente di «película», normalmente ten en mente algo moi concreto. Unha «curtametraxe» ou un «documental», nese esquema de ideas, non son «películas», porque unha película só pode ser unha longametraxe de ficción. Así mesmo, cando se di «cinema», pénsase nese establecemento ao que entramos ver películas cunha bolsa de pipocas na man. E, se houbese que converter esas palabras («película», «cinema») nun clixé gráfico, teriamos a silueta dunha cámara de cinema, unha cadeira de director (desas pregables con asento e respaldo de lona), unha lata de película ou unha tira de celuloide coas súas perforacións. Todo iso lévanos a unha idea fosilizada do cinema industrial e aos modos de facer de Hollywood, que pola súa vez tamén se propagan en libros e tratados que nos amosan maneiras estandarizadas e unívocas de escribir un guión, de planificar unha escena cos seus eixos e raccords, de iluminar un decorado etc. 

Morgan Fisher (Washington, D. C., 1942) é, en certo modo, o elo perdido entre esa idea hollywoodense das películas e o cinema experimental, grazas a unha serie de obras que esmiuzan con intelixencia e humor as convencións do cinema industrial, nun esquema de pensamento conceptual que remite ás vangardas. A maior parte das películas de Fisher son auténtico metacine, películas que sinalan: «vostede está a ver unha película», e esa película que vostede está a ver trata sobre facer unha película baleirada de calquera contido que non sexa iso mesmo. Deuse en chamarlles ás películas de Fisher «cinema estrutural» pola súa abordaxe material do cinema, mais o certo é que esta idea non é de todo atinada, pois o seu interese diríxese máis ben cara aos procedementos convencionais, que nos anos en que empezou a traballar, finais dos sesenta, involucraban irremediablemente o traballo con celuloide, proxectores, métodos de sincronización, cámaras e demais parafernalia (que, cousa curiosa, segue a representar dun xeito gráfico ao cinema). Cada película é un sistema coidadosamente pensado, onde as decisións últimas as toman os estándares industriais: a duración dos rolos de película, os equipos máis usados, os modos de proceder regrados, as categorías predeterminadas. Fisher, que tamén é pintor e adapta á pintura este modo de facer, expresou a súa proximidade con Duchamp e o readymades e, en certo xeito, o que fai no seu cinema é poñernos ese obxecto fabricado industrialmente fronte aos ollos para que o importante na obra non sexa ela mesma, senón o xesto que proclama. 

Os dous programas que dedicamos á obra de Fisher non seguen estritamente unha orde cronolóxica na súa filmografía. O programa 1 céntrase na súa mirada oblicua a todo o que hai detrás e aos lados das películas hollywoodenses, e as súas cintas están ordenadas de acordo co que sería a orde de produción dunha película. Empezamos coas fases preparatorias dun filme en The Director and His Actor Look at Footage Showing Preparations for an Unmade Film (2), para pasarmos a películas que aluden á rodaxe: Production Stills é unha cinta que consiste na documentación da súa mesma rodaxe, e Production Footage amósanos como se carga un rolo de película antes de rodar e como se descarga cando se terminou, nun duplo xogo de miradas que recoñecemos polas cámaras retratantes e retratadas. A duración destas películas, ou das súas partes, vén determinada pola duración dos rolos de película, nunha expresión de Fisher do seu amor polos estándares. A montaxe, seguinte fase da produción dun filme, vén expresado en películas como Standard Gauge, na que Fisher traza unha sorte de autobiografía ligada aos procedementos de montaxe industriais (campo no que traballou nos anos sesenta), a base das súas sobras, recortes e refugallos. É, pola súa vez, unha historia do 35 mm, formato estándar do cinema industrial, contada nunha toma única en 16 mm na que vemos, literalmente, a tira de celuloide. Por último, aludindo tamén á montaxe e a certa parte das prácticas do cinema comercial, () está composta de «insertos», tomas en close-up de obxectos e accións feitas para engraxar a montaxe e que normalmente eran rodadas por asistentes (procesos residuais que aluden, de novo, a esas marxes e cuartos de atrás das producións cinematográficas). A metraxe atopada que viamos na súa materialidade en Standard Gauge aquí enche a pantalla; o que se concibiu case sempre como recheo constitúe a materia principal do filme que vemos.

O segundo programa adéntrase en procesos que involucran o técnico e que remiten ao funcionamento das máquinas de cinema. Para empezar, Projection Instructions fainos conscientes da existencia dun proxector e dun proxeccionista grazas a unha serie de instrucións e xestos que converten o proxeccionista en protagonista. Picture and Sound Rushes incide no son e nos procedementos habituais de gravación de son (sincronizado ou non) da industria. Cue Rolls amósanos en primeiro plano un sincronizador de cinema, aparello que serve para transmitir un conxunto de instrucións á persoa que realiza o corte de negativo para armar as copias finais dunha película no cinema. Phi Phenomenon alude ao funcionamento da cámara e do proxector, a través do fundamento do cinema: o fenómeno φ, ilusión óptica do noso cerebro que fai percibir movemento continuo aparente onde hai unha sucesión de imaxes estáticas, e que aquí é probado humoristicamente cunha toma estática dun reloxo na que se move a agulla dos minutos dunha maneira tan lenta que non podemos realmente «ver» ese movemento. 240x alude a unha parte do proxector, a cruz de Malta, que produce o movemento intermitente do arrastre da película. Neste caso, vemos a Fisher ao longo do proceso de producir unha película con este tema, descompoñendo e volvendo a animar o seu «suxeito». Esta idea dos aparatos en funcionamento vese de maneira máis oblicua en Documentary Footage, a través da gravadora que protagoniza o filme xunto a unha muller. O título, «Metraxe documental», volve de novo á autorreferencialidade: non só xoga a película cun código canónico do documental, a entrevista, senón que documenta fielmente nunha toma continua a premisa ou partitura de Fisher para establecer un diálogo entre a máquina e a performer, entre o pasado inmediato e o futuro, entre o ser e o seu rexistro gravado.

Elena Duque