RHAYNE VERMETTE
PROGRAMA 2
Filmoteca de Galicia | Sábado 8 xuño | 19:30 horas | Entrada libre a todas as sedes ata completar capacidade. Non será posible acceder ás salas unha vez empezada a proxección.
STE. ANNE
Rhayne Vermette | 2021 | Canadá | 16 mm a HD | 80 min
Mentres unha partida se aventura na noite, chegan novas de que Renée saíu da escuridade, momento catastrófico que inflama o incómodo reencontro de Modeste coa súa irmá maior. Renée leva anos desaparecida e a súa presenza desacouga a familia, entre a que se conta tamén a súa propia filla, Athene. A medida que Renée empeza a formar uns soños a partir de fragmentos do seu pasado, a zona vese sacudida por ominosas premonicións. Ste. Anne, rodada ao longo de dous anos, traza unha reclamación territorial alegórica mediante sitios persoais, simbólicos e históricos de varios puntos do chamado territorio do Tratado 1, núcleo da nación métis. (Rhayne Vermette)
RHAYNE VERMETTE
CONSTRUÍR UNHA CASA
Unha casa non é necesariamente un fogar, mais no imaxinario colectivo unha cousa identifícase coa outra. Os espazos que foron habitados que xa só existen como ruínas, os que existen aquí e agora e as casas que potencialmente se poden construír son, en certo modo, o tema de case todas as películas de Rhayne Vermette. Desde as súas películas colaxísticas e animadas ata a súa ficción Ste. Anne, exercicios de moi diferentes calibres, esta idea vai mudando e desenvolvéndose a partir do proceso mesmo de elaboración de cada plano, de cada fragmento-ladrillo que logo formará o todo.
Hai algúns datos biográficos que interesan á hora de adentrarse na obra de Vermette. Un é a súa orixe: Vermette naceu nunha poboación rural de Manitoba, provincia central do Canadá cun clima de frío extremo no inverno e calor asfixiante no verán, e cunha particular paisaxe e idiosincrasia. A poboación máis importante da provincia é Winnipeg (lugar de procedencia de Guy Maddin e lar do Winnipeg Film Group, co que Vermette mantivo unha relación próxima mais crítica). Vermette, que declara con vehemencia que nunca vai deixar Manitoba, pertence ao pobo indíxena métis, grupo étnico independente recoñecido desde o século XVIII, resultante da unión de mulleres das primeiras nacións con empregados británicos e francocanadenses da Compañía da Baía de Hudson (damos aquí coa imaxinería dos colonos versus as partes máis escabrosas da colonización). É dicir, unha identidade complexa e tamén fragmentaria. O terceiro dato que debe ser tido en conta é que Vermette estudou arquitectura, disciplina que deixou nun momento dado para se dedicar ao cinema. A súa primeira aproximación a el foi a través da animación e da colaxe (polos milagres que se poden obrar grazas a estas técnicas), en certo xeito coma quen constrúe maquetas de casas imposibles en tiras de celuloide. Finalmente, Vermette declara en repetidas ocasións que quen lle aprendeu as cousas máis importantes sobre montaxe é Madlib, MC e DJ californiano, a base da idea do sample.
Dito isto, o primeiro programa que lle dedicamos céntrase no período que empeza en 2012, coas súas primeiras películas, e que pecha a alucinante Domus (moi xustamente dedicada aos magos-animadores Ed Ackerman, Al Jarnow e Takashi Ito). Neste programa hai exercicios colaxísticos nos que fai un uso profuso do cúter para esmiuzar diversos fragmentos de metraxe atopada co fin de reconstruír despois algo totalmente distinto, como é o caso de Tricks are for Kiddo ou Black Rectangle. En Full of Fire este afán plástico e construtivista volve o seu ollar a un edificio en chamas, un fogar que se disolve e ao que non é posible volver, nunha remontaxe exhaustiva na que tanto as imaxes impresas na película como o mesmo material son protagonistas. Extraits d’une famille e Les châssis de Lourdes ocúpanse do espazo arquitectónico onde ocorren os feitos fundacionais da vida de calquera persoa: os interiores domésticos, as cociñas e salóns banais que se repiten ata a saciedade nas casas de clase traballadora de todo o mundo. A idea de onde e como se vive está detrás destas películas, que teñen algo de exorcismo familiar e que se achegan máis a un ton ensaístico, sen perderen o impulso de traballar a colaxe, a manipulación e a animación. Turin e Domus son dúas aproximacións distintas á obra de Carlo Mollino, arquitecto, deseñador, fotógrafo e escritor italiano, amante da aerodinámica, o esquí e os coches de carreiras, personaxe apaixonante dos 50 cuxo vital idealismo se condensa nunha famosa cita: «Todo é permisible con tal de que sexa fantástico». Vermette, nos seus anos de estudante de arquitectura, atopou a forma do seu zapato nas ideas de Mollino. Turin, poboada por formas triangulares (representación minimalista dunha vivenda, ou dunha montaña alpina) e polas palabras de Mollino, é un retrato abstracto do personaxe, construído a base de recortar, pegar e rascar celuloide, e do uso da técnica da rayografía (non esquezamos, inventada por Man Ray). Domus condúcenos pola historia de Mollino a partir da súa novela Vita di Oberon, onde conta a vida dun mozo arquitecto que acaba de morrer, reflexo de si mesmo nunha autobiografía de feitos que aínda non ocorreron, que funciona tamén como manifesto das súas ideas. A película é á vez unha proxección arquitectónica e unha animación polifacética, como unha boneca rusa, do propio espazo de traballo de Vermette, da súa mesa de animación e de corte, do espazo de estudo que habitan tanto arquitectos como cineastas nas longas e solitarias horas que empregan en construír mundos á medida.
Vermette dá un xiro cara a novos terreos cinematográficos en Ste. Anne, longametraxe de ficción que ocupa o segundo programa. A casa, e tamén o terreo baldío onde a protagonista proxecta unha futura vivenda, son parte da espiña dorsal da película: a casa na que non consegue quedar e a que só existe na imaxinación. En certo xeito, o pasado e o futuro que se funden. A película, protagonizada pola propia Vermette e por varios membros da súa familia, é unha visión encantada e misteriosa do rural de Manitoba a través das estacións e das cores que estas debuxan na película. E tamén das xentes que o habitan, nunha busca ancestral que vai desde os encontros comunitarios e en soidade coas mulleres do seu pobo ata a procura do xa desaparecido nos álbums de fotos que Renée, a protagonista, olla unha e outra vez. O carácter fragmentario de Ste. Anne está no seu corazón e na base da súa construción e constitúe outra materialización, con distintos códigos formais, do espírito colaxista de Vermette. Pódese ver Ste. Anne como unha maneira máis de Vermette de se enraizar no seu propio territorio, de tentar explicar en que consiste ese magnetismo recio de Manitoba. E tamén pode ser pensada como un xeito intanxible de un construír para si unha casa nese terreo baldío dos seus entregos, unha casa intanxible que ningún lume nin continxencia pode destruír.
Elena Duque