ANNALISA D. QUAGLIATA

PROGRAMA

Filmoteca de Galicia | Martes 4 xuño | 20:00 horas | Entrada libre a todas as sedes ata completar capacidade. Non será posible acceder ás salas unha vez empezada a proxección.

 

¡AOQUIC IEZ IN MEXICO! (¡YA MÉXICO NO EXISTIRÁ MÁS!)
Annalisa Quagliata | 2024 | México | 16 mm a HD | 87 min

Unha mirada frenética percorre a convulsa Cidade de México, metrópole colosal sostida polo mito da mestizaxe e outras violencias coloniais. Pasado e presente tecen unha salva de imaxes; memorias fragmentadas deste territorio. Deidades antigas que se encarnan, soños que se desdobran entre a intimidade, a complicidade e o tumulto. Unha película errática que nos convida a reimaxinar a complexa relación que sostemos coa «mexicanidade». (Annalisa Quagliata)

 

ANNALISA D. QUAGLIATA

¡YA MÉXICO NO EXISTIRÁ MÁS!

Hai películas que semella que emiten calor, que respiran e transpiran, que son como seres salvaxes e imprevisibles, que son como adentrarse nunha atmosfera chea de vapores e olores que todo o inundan. ¡Ya México no existirá más! é xustamente iso, e é ben paradoxal que unha película chamada así faga existir de maneira tan palpable o pulso da cidade do mesmo nome dentro dunha sala de cinema: falamos da Cidade de México, antiga Tenochtitlán, ampliada e construída sobre un lago despois da conquista. Annalisa D. Quagliata elaborou un retrato con vida propia da cidade na que vive, no que pasado e presente, mito e realidade, pureza e mestizaxe, rabia e sensualidade se funden. 

Annalisa D. Quagliata é un dos motores da efervescente escena de cinema underground contemporáneo da Cidade de México, non só coa creación, senón tamén co activismo cultural e a exhibición desde o seu espazo La Cueva, e como integrante do Laboratorio Experimental del Cine, centro vital do cinema analóxico no México. Como cineasta, o seu traballo percorreu ao longo dos anos tanto a historia recente do México como as raíces ancestrais da súa cultura desde unha perspectiva feminista e anticolonialista. A condición fortemente política do seu traballo mestúrase cun poderoso traballo coa materialidade do cinema, que na súa longametraxe ¡Aoquic iez in Mexico! (¡Ya México no existirá más!) é fundamental. 

¡Aoquic iez in Mexico! é unha película que se divide en varios capítulos que van trazando conexións e asociacións entre a cultura ancestral e a Cidade de México contemporánea. Quagliata vai creando un universo estético para cada un deses capítulos: ben mediante o uso da filmación fotograma a fotograma, de bailes frenéticos coa cámara en planos entrecortados e sensoriais, do uso de superposicións e cores vibrantes, e tamén en momentos de observación repousada e coidadosa, e de postas en escena que beben dos mitos e imaxes indíxenas. Quagliata rescata na súa sinopse a complexa relación coa «mexicanidade» da que fala a película, e ese é sen dúbida un dos seus eixos. Pois esa mexicanidade pode ser desde a recuperación dos símbolos e os deuses prehispánicos á integración nos tropos culturais do México actual, froito da colonia e a mestizaxe e onde caben desde a lotaría ás festas dos quince anos e as melodías de Los Ángeles Azules. Todo se mestura e se funde dun xeito tan caótico e excitante como a mesma maneira de funcionar da cidade, trazando unha multitude de asociacións e analoxías que atordan. Por exemplo, cando vai unindo a iconografía das estacións de metro da cidade cos símbolos mexicas dos que proveñen, para logo rematar chegando aos mozos que tatúan en si mesmos eses mesmos símbolos e deuses, reclamando o seu espazo e a súa identidade fóra do espazo institucional e regrado do Museo Arqueolóxico. A estética punk de Los Cogelones nun pogo, rock mexica experimental, funciona como crisol desta reparación sen fin. O pausado ritual de elaboración dos tamais desemboca noutro ritual descarnado, sensual e sexual (nas postas en escena máxicas, de nudez, comida e piñata de Marcela Vásquez, motivo recorrente ao longo do filme). Vemos os desfiles con fantasiosas vestimentas tradicionais (entre o indíxena e o colonial) encaixados nas rúas de cemento da urbe; a fábrica de tortillas que moe o millo, emblema prehispánico, nunha máquina implacable. Todo un relato que non é posible explicar con palabras e que Quagliata soubo conxurar usando o cinema, as súas formas e as súas potencias, traducindo esa complexidade en imaxes, en cortes de montaxe e nunha rica colaxe sonora. ¡Aoquic iez in Mexico! consegue que entendamos todo o antedito co corpo e iso é, quizais, o máis importante que pode facer unha película.

Elena Duque