FRANCI DURÁN

PROGRAMA

Sala (S8) Palexco | Domingo 9 xuño | 19:30 horas | Entrada libre a todas as sedes ata completar capacidade. Non será posible acceder ás salas unha vez empezada a proxección.

CUENTOS DE MI NIÑEZ
Franci Durán | 1991 | Canadá | 16 mm | 9 min

Documental no que a realizadora evoca recordos de infancia, acompañados de imaxes das actuais Kingston e Toronto. Esas lembranzas son sinistras e morbosas, de pesadelos e suicidio e dentistas; a filmación que vemos de rúas nevadas e unha nena a xogar e a beira do mar transmite malos presaxios. Chegamos a saber como Francisca Durán fuxiu de Chile á idade de seis anos, nos tempos do cruento golpe de Estado de 1973, e como a morte da democracia trouxo consigo a morte da inocencia e da verdade.

 

BOY
Franci Durán | 1999-2005 | Canadá | 16 mm | 6 min

Ao principio, que aspecto ten? A primeira vez que viu unha mesa, o gran pé dun adulto que camiñaba cara a el, unha fiestra aberta como un corazón. Durán ofrécenos momentos chuviosos de Vancouver como acompañamento do nacemento do seu primeiro fillo. En pausado movemento, un refacho de luces nocturnas abstractas precede un parto a cámara lenta, recoloreado e refotografado a partir dunha pantalla de televisión. A voz da artista achega unha serie de datas xunto cos feitos que as acompañan, así como o libro, o animal e a palabra (non) favoritos do seu fillo. En cada caso, a mirada chega fragmentada; non hai relato que lle sirva de unión, a menos que sexa o da propia memoria, coas súas necesarias omisións, os anacos e restos tosquiados. Os experimentalismos formais e os fetiches materiais que atravesan este filme aparecen aquí como análogos da memoria mesma, legado da visión na escuridade. Isto lévame a preguntarme o seguinte: todas as películas son a nai do seu público? (Mike Hoolboom, Projections of Beauty: Made in Canada)

 

IT MATTERS WHAT
Franci Durán | 2019 | Canadá | 16 mm a HD | 9 min

Ausencias e traducións motivan esta animación experimental, nunha exploración dos métodos e materiais de reprodución e inscrición. A busca enmárcase nun conxunto de relacións humanas prácticas e críticas con especies non humanas dilucidadas pola teórica Donna Haraway. Aquí reelabórase como manifesto poético un fragmento do ensaio de Haraway Pensamento tentacular: Antropoceno, Capitaloceno, Chthuluceno. Unha enigmática metraxe atopada serve para cuestionar a violencia humana que se exerce sobre as especies animais. A vida vexetal constitúe tanto o tema das imaxes como un elemento de axuda nos medios de reprodución fotográfica. As técnicas empregadas son a animación na cámara, as copias por contacto e fitogramas creados mediante a exposición de película de 16 mm recuberta de materia vexetal e posta a secar durante varias horas á luz solar directa. (Franci Durán) 

 

TRAJE DE LUCES (RETRATO OFICIAL 5)
Franci Durán | 2018 | Canadá | 16 mm a HD | 18 min

Traje de Luces é un documental experimental composto de metraxe dunha corrida de touros española, esas imaxes icónicas de masculinidade cargada de ornato e de violencia encuberta baixo a fachada do nacionalismo. A filmación procede de material da Colección Jacques Madvo rodado en España entre 1976 e 1983; Madvo gravou estas imaxes nunha época en que o país iniciaba a súa difícil e imperfecta transición á democracia, nos anos que seguiron á morte, en 1975, do ditador Francisco Franco. A película está constituída por gravacións en 16 mm que se deterioraron metidas en terra, foron transformadas polos microbios e despois se someteron a impresión por contacto e se refotografaron laboriosamente; estas abstraccións de luz e escuridade forman os alicerces da investigación arredor de por que os cidadáns aceptan o dano que se lles causa a outros no seu nome.

Notas adicionais: 

Traje de Luces é un filme experimental que sonda a xente do común que vivía baixo o réxime de Franco e o de Pinochet, e no que tamén se abordan temas de desigualdade, dereitos humanos, ecoloxía, dereitos dos animais, colonialismo e as raíces do fascismo. O que fixen foi enterrar cinta de 16 mm que contiña imaxes dunha corrida de touros e dos espectadores; como a emulsión da película está feita de xelatina, que é un produto animal, os microbios do solo consomen as imaxes e deixan, así, as súas marcas de tempo. Despois volvín fotografar moitas veces a película deteriorada mediante técnicas de impresión óptica e por contacto e procesei á man o resultado. A seguir transferíronse as imaxes, fíxose unha montaxe e procedeuse a armalas dixitalmente. A tensión que existe entre a violencia gráfica da secuencia inicial e a materialidade do amosado na cinta fai que cuestionemos en que punto nos poñemos de costas ou nos negamos a ver o resultado do suposto dominio do ser humano sobre outros cidadáns coma nós, sobre especies non humanas e sobre o territorio. 

A película está en inglés e en español e contén textos de Susan Sontag e Alice Miller, así como un poema de Claudio Durán (meu pai). (Franci Durán) 

 

IN THE KINGDOM OF SHADOWS
Franci Durán | 2006 | Canadá | 35 mm a HD | 6 min

In the Kingdom of Shadows documenta a escrita dun parágrafo nun linotipo Ludlow de primeiros do século XX. O texto está tomado da recensión que fixo Maxim Gorki en 1896 da película dos irmáns Lumière L’Arrivée d’un train à La Ciotat (1895). Ao tempo que as palabras se funden formando un charco de chumbo, a maxia alquímica da impresión vencéllase á do cinema.

 

RESEARCH GARDEN: A COMPENDIUM OF LOST MOMENTS
Franci Durán | 2023 | Canadá | 16 mm | 7 min

Esta película en bucle, ateigada de formas exuberantes e tons vivos, foi elaborada á man coas técnicas da fitografía e a impresión óptica. Un material visual sen procesar, tomado do xardín da artista ao longo dun período de dous anos, báñao todo e a todos e enfróntase a nós co silencio. Vibrantes marcas de follas, impresións dactilares, raspaduras e sinais de cinta sobre o celuloide actúan coa varia prole fitográfica para evocar os enguedellos humanos coa natureza. Ante cada toque da man ou da luz da lámpada, estas imaxes-rastro botánicas ilumínanse e deterióranse á vez. 

(Texto de Lesley Loksi Chan procedente das notas de comisariado de Research garden: a compendium of lost moments)

 

FRANCI DURÁN

ANTÍDOTOS CONTRA O ESQUECEMENTO

Franci Durán, Francisca Durán, migrou cos seus pais do Chile ao Canadá cando apenas era unha nena, fuxindo da ditadura de Augusto Pinochet. Aquí podemos ver un xermolo do seu cinema, fundamentado sobre a memoria e onde se entrecruzan as dúas caras dese momento: a parte fráxil e emotiva que trae o micro, o persoal, a historia individual vivida desde unha perspectiva máis sensorial que informada, e a parte cargada de carraxe e reivindicación que trae o macro, é dicir, a historia e as súas contas pendentes. Quer desde a identidade fragmentada dunha persoa que migrou a unha curta idade, quer desde a investigación rigorosa, o seu cinema percorre estes camiños cunha vocación certamente poética enraizada na tactilidade da imaxe. 

Empeza o programa que lle dedicamos nos anos 90, con dúas pezas que se centran na experiencia migrante desde unha perspectiva emocional. Cuentos de mi niñez (1991) é un relato dos pensamentos, anécdotas, soños e medos dunha nena que tenta adaptarse a nun país novo. As historias que oímos e as lembranzas que temos, que cobran un significado máis transcendente cando contamos con idade suficiente para as comprender en toda a súa magnitude. Ilustrada con imaxes evocadoras dun presente que chama polo pasado, Cuentos de mi niñez é á vez fermosa e terrible. Boy (1999-2005) trae tamén imaxes da infancia, mais non da propia senón da do fillo de Durán, nun filme no que se incorpora un traballo físico coa película e as súas posibilidades. Boy empeza cunha confesión lancinante e elocuente: «Vivín en catro cidades, e cada unha reclamou unha parte de min». A experiencia do desarraigamento conxúrase atopando novas ancoraxes ao mundo e traballando as imaxes coa manipulación, o refotografado e o uso da optical printer ata as converter en algo próximo á abstracción. 

Este traballo coas propiedades do cinema analóxico intensifícase noutro dos bloques do programa, no que a atención ao persoal se move ao colectivo sen por iso deixar de lado o fragmentario. Traje de Luces (Retrato Oficial 5) (2018) é unha película que parte do convite que se lles fixo a varias artistas a traballar en obras novas a partir do arquivo de Jacques Madvo, documentalista armenio que recalou no Canadá nos anos 70. Coas súas filmacións de corridas de touros en España entre os anos 1976 e 1983, Durán constrúe Traje de Luces, película que é parte da súa serie Retrato Oficial, na que, a través de diferentes obras monocanle ou instalativas, se apropia de imaxes que desarma e rearma, facendo alusión dalgún xeito ao legado do ditador chileno Augusto Pinochet. Neste caso trátase de colocar a Pinochet cara a cara con Franco e comprobar as similitudes das ditaduras fascistas, nunha película na que o ensaístico se cruza cun traballo fotoquímico no que actúan a decadencia do soporte e diversas técnicas que desnaturalizan a cor e perverten a imaxe. It Matters What (2019) repite como leitmotiv ao longo da súa metraxe a potente estampa dunha muller a soster unha curuxa coas ás abertas. Durán somete o fragmento a diversas manipulacións: deterioración, rascadura, refotografado, xunto con diversas intervencións sobre a tira de película, ata nos mergullar de todo no mundo orgánico dos fitogramas, imaxes feitas con plantas en contacto directo co celuloide. O filme explora as relacións entre o humano e o animal a partir do pensamento de Donna Haraway, e esa vertente ensaística da cinta vai avanzando en paralelo a un aspecto formal e conceptual que se achega cada vez máis ao orgánico. 

Este camiño de disolución do cinema e volta á súa mesma esencia coróase con dúas pezas: In the Kingdom of Shadows (2006) e Research garden: a compendium of lost moments (2023). Na primeira, unha cita de Gorki serve para comparar a esaxerada visión do invento do cinema co da imprenta, os cales son dous enxeños que cambiaron a cultura e o mundo. Inventos, por outra banda, que permiten rexistrar e inmortalizar futuras lembranzas, deixar unha pegada impresa. Finalmente, na segunda, Durán entrégase de todo ao traballo con plantas sobre a tira de película. O orgánico e o mecánico (o creado por nós) mestúranse. As pegadas do recordo da presenza na terra das especies vexetais fican marcadas no filme. Unha variante máis que adopta nas mans de Durán a memoria, nun compendio polimorfo de antídotos contra o esquecemento, quizais a doenza máis perigosa que axexa a humanidade.

Elena Duque