RHAYNE VERMETTE

PROGRAMA 1

Sala (S8) Palexco | Mércores 5 xuño | 17:00 horas | Entrada libre a todas as sedes ata completar capacidade. Non será posible acceder ás salas unha vez empezada a proxección.

U.F.O.
Rhayne Vermette | 2016 | Canadá | 16 mm a HD | 2 min

Nesta curtísima animación, unha aparición revélase a través do celuloide e transmite os vestixios dunha procedencia esquecida. Os espectadores interpretaron ben os seus sinais ou entendeuse mal a mensaxe? Inspirada no son atopado da descuberta que fixeron dúas persoas dun acontecemento misterioso que se produciu no ceo. (National Film Board of Canada)

 

TRICKS ARE FOR KIDDO
Rhayne Vermette | 2012 | Canadá | 16 mm a HD | 2 min

No ano 2010, o director Guy Maddin, de Winnipeg, exclama: «É imposible facer unha película cunha colaxe!». (Rhayne Vermette)

 

EXTRAITS D’UNE FAMILLE
Rhayne Vermette | 2015 | Canadá | Super 8 a HD | 7 min

Esta película é o meu intento marrado de crear un palíndromo temático de mostras (samples) audiovisuais. Ao traballar entre dous polos do recordo…, un é fácil que se confunda. Gozade desta cinta antes de que miña nai me pida que a borre. (Rhayne Vermette)

 

LES CHÂSSIS DE LOURDES
Rhayne Vermette | 2016 | Canadá | 16 mm a HD | 18 min

«… [A]índa que moitos arquitectos, ao longo da súa época, buscaron unha “casa de verdade” ou unha “arquitectura de verdade”, a súa verdade era unha cousa do pasado, non tan verdadeira no presente […] [A]quí a arquitectura é filla do mar, xurdida da súa substancia (a arquitectura sempre se concibe desde o interior)…». (Gio Ponti)

Á idade de 32 anos, por fin escapei da casa. Dun xeito un pouco histriónico, marchei só co meu gato e con copias de todas as imaxes fixas e en movemento que tomara meu pai (que databan ata mediados da década de 1990, que foi cando me legou a súa cámara). E, mentres desfacía as maletas destas morada surrealista, na casa, por unha coincidencia, había que facer renovación… Aquí componse un lamento arquitectónico mediante unha xenealoxía falsificada de xeración de imaxes e diversas «historias verdadeiras» de Lourdes. Que hora é? Non hai tempo para mirar atrás. (Rhayne Vermette)

 

J. WERIER
Rhayne Vermette | 2012 | Canadá | 16 mm a HD | 4 min

De varios proxectores derramados xorde, como unha transmutación, un retrato arquitectónico. Estes proxectores en concreto véndense en J. Werier, artefacto e emporio de almacéns de Winnipeg. (Rhayne Vermette)

 

FULL OF FIRE
Rhayne Vermette | 2013 | Canadá | 16 mm a HD | 2 min

Aos exiliados preséntanselles poucas opcións. A volta á casa poida que se pospoña ata un futuro indeterminado; un podería conformarse cun sucedáneo; e, por último, sempre queda a loucura. (Rhayne Vermette)

 

BLACK RECTANGLE
Rhayne Vermette | 2014 | Canadá | 16 mm a HD | 2 min

«O tempo non tratou ben o lenzo Cadrado negro, de Kasimir Malevich. En 1915, cando a obra se exhibiu por vez primeira, a superficie do cadrado era prístina e pura; agora a pintura negra agretou e revela o fondo branco, como morteiro dun enlouquecido pavimento.» (Philip Shaw)

Nesta película documéntase un tedioso proceso de desmontaxe e nova montaxe de metraxe atopada en 16 mm. A colaxe fílmica imita as funcións dun pano, mentres que na pista óptica gravada se describe a posterior destrución da cinta durante a súa primeira proxección. (Rhayne Vermette)

 

TURIN
Rhayne Vermette | 2015 | Canadá | 16 mm a HD | 7 min

Unhas paisaxes alpinas transformadas en fetiches, nunha colaxe de rayogramas e película en 16 mm, xera un retrato velado do divino Carlo Mollino. Nesta película, realizada ante a previsión de facer unha peregrinación persoal a Turín, trázase o que está en xogo para o xenial licenciado en Arquitectura e para a deplorable realizadora, co seu corazón perennemente roto. (Rhayne Vermette)

 

DOMUS
Rhayne Vermette | 2017 | Canadá | 16 mm a HD | 15 min

«O bloque de mármore é a máis bela de todas as estatuas.» (Carlo Mollino) 

Velaquí a historia do divino arquitecto Carlo Mollino, animada o espazo da mesa de traballo da arquitecta fracasada Rhayne Vermette. Neste relato clásico de Pigmalión, feito con agarimo en 16 mm, 35 mm e Super 8, investíganse as interseccións que se producen entre o cinema e a arquitectura. 

Para E. Ackerman, A. Jarnow e T. Ito. (Rhayne Vermette)

 

RHAYNE VERMETTE

CONSTRUÍR UNHA CASA

Unha casa non é necesariamente un fogar, mais no imaxinario colectivo unha cousa identifícase coa outra. Os espazos que foron habitados que xa só existen como ruínas, os que existen aquí e agora e as casas que potencialmente se poden construír son, en certo modo, o tema de case todas as películas de Rhayne Vermette. Desde as súas películas colaxísticas e animadas ata a súa ficción Ste. Anne, exercicios de moi diferentes calibres, esta idea vai mudando e desenvolvéndose a partir do proceso mesmo de elaboración de cada plano, de cada fragmento-ladrillo que logo formará o todo. 

Hai algúns datos biográficos que interesan á hora de adentrarse na obra de Vermette. Un é a súa orixe: Vermette naceu nunha poboación rural de Manitoba, provincia central do Canadá cun clima de frío extremo no inverno e calor asfixiante no verán, e cunha particular paisaxe e idiosincrasia. A poboación máis importante da provincia é Winnipeg (lugar de procedencia de Guy Maddin e lar do Winnipeg Film Group, co que Vermette mantivo unha relación próxima mais crítica). Vermette, que declara con vehemencia que nunca vai deixar Manitoba, pertence ao pobo indíxena métis, grupo étnico independente recoñecido desde o século XVIII, resultante da unión de mulleres das primeiras nacións con empregados británicos e francocanadenses da Compañía da Baía de Hudson (damos aquí coa imaxinería dos colonos versus as partes máis escabrosas da colonización). É dicir, unha identidade complexa e tamén fragmentaria. O terceiro dato que debe ser tido en conta é que Vermette estudou arquitectura, disciplina que deixou nun momento dado para se dedicar ao cinema. A súa primeira aproximación a el foi a través da animación e da colaxe (polos milagres que se poden obrar grazas a estas técnicas), en certo xeito coma quen constrúe maquetas de casas imposibles en tiras de celuloide. Finalmente, Vermette declara en repetidas ocasións que quen lle aprendeu as cousas máis importantes sobre montaxe é Madlib, MC e DJ californiano, a base da idea do sample. 

Dito isto, o primeiro programa que lle dedicamos céntrase no período que empeza en 2012, coas súas primeiras películas, e que pecha a alucinante Domus (moi xustamente dedicada aos magos-animadores Ed Ackerman, Al Jarnow e Takashi Ito). Neste programa hai exercicios colaxísticos nos que fai un uso profuso do cúter para esmiuzar diversos fragmentos de metraxe atopada co fin de reconstruír despois algo totalmente distinto, como é o caso de Tricks are for Kiddo ou Black Rectangle. En Full of Fire este afán plástico e construtivista volve o seu ollar a un edificio en chamas, un fogar que se disolve e ao que non é posible volver, nunha remontaxe exhaustiva na que tanto as imaxes impresas na película como o mesmo material son protagonistas. Extraits d’une famille e Les châssis de Lourdes ocúpanse do espazo arquitectónico onde ocorren os feitos fundacionais da vida de calquera persoa: os interiores domésticos, as cociñas e salóns banais que se repiten ata a saciedade nas casas de clase traballadora de todo o mundo. A idea de onde e como se vive está detrás destas películas, que teñen algo de exorcismo familiar e que se achegan máis a un ton ensaístico, sen perderen o impulso de traballar a colaxe, a manipulación e a animación. Turin e Domus son dúas aproximacións distintas á obra de Carlo Mollino, arquitecto, deseñador, fotógrafo e escritor italiano, amante da aerodinámica, o esquí e os coches de carreiras, personaxe apaixonante dos 50 cuxo vital idealismo se condensa nunha famosa cita: «Todo é permisible con tal de que sexa fantástico». Vermette, nos seus anos de estudante de arquitectura, atopou a forma do seu zapato nas ideas de Mollino. Turin, poboada por formas triangulares (representación minimalista dunha vivenda, ou dunha montaña alpina) e polas palabras de Mollino, é un retrato abstracto do personaxe, construído a base de recortar, pegar e rascar celuloide, e do uso da técnica da rayografía (non esquezamos, inventada por Man Ray). Domus condúcenos pola historia de Mollino a partir da súa novela Vita di Oberon, onde conta a vida dun mozo arquitecto que acaba de morrer, reflexo de si mesmo nunha autobiografía de feitos que aínda non ocorreron, que funciona tamén como manifesto das súas ideas. A película é á vez unha proxección arquitectónica e unha animación polifacética, como unha boneca rusa, do propio espazo de traballo de Vermette, da súa mesa de animación e de corte, do espazo de estudo que habitan tanto arquitectos como cineastas nas longas e solitarias horas que empregan en construír mundos á medida. 

Vermette dá un xiro cara a novos terreos cinematográficos en Ste. Anne, longametraxe de ficción que ocupa o segundo programa. A casa, e tamén o terreo baldío onde a protagonista proxecta unha futura vivenda, son parte da espiña dorsal da película: a casa na que non consegue quedar e a que só existe na imaxinación. En certo xeito, o pasado e o futuro que se funden. A película, protagonizada pola propia Vermette e por varios membros da súa familia, é unha visión encantada e misteriosa do rural de Manitoba a través das estacións e das cores que estas debuxan na película. E tamén das xentes que o habitan, nunha busca ancestral que vai desde os encontros comunitarios e en soidade coas mulleres do seu pobo ata a procura do xa desaparecido nos álbums de fotos que Renée, a protagonista, olla unha e outra vez. O carácter fragmentario de Ste. Anne está no seu corazón e na base da súa construción e constitúe outra materialización, con distintos códigos formais, do espírito colaxista de Vermette. Pódese ver Ste. Anne como unha maneira máis de Vermette de se enraizar no seu propio territorio, de tentar explicar en que consiste ese magnetismo recio de Manitoba. E tamén pode ser pensada como un xeito intanxible de un construír para si unha casa nese terreo baldío dos seus entregos, unha casa intanxible que ningún lume nin continxencia pode destruír.

Elena Duque