MARGARET HONDA

PROGRAMA

Domus | Xoves 6 xuño | 11:00 horas | Entrada libre a todas as sedes ata completar capacidade. Non será posible acceder ás salas unha vez empezada a proxección.

WILDFLOWERS
Margaret Honda | 2015 | EUA | 16 mm | 3 min

Wildflowers está rodada en 16 mm en dous chasis Kodachrome de cincuenta pés. Como o procesamento en cor de Kodachrome tocou á súa fin en 2010, xa só é posible revelalo en branco e negro, non en positivo de cor. Compuxen tomas de dez segundos de distintas flores silvestres que nacen todos os anos no sur de California; igual que á propia Kodachrome, ás flores extraeríaselles a cor que constitúe o seu atributo principal. A película en negativo, de cuxa data de caducidade pasaran cincuenta anos e que xa estaba afectada por degradación da base, volveu do laboratorio sen imaxe ningunha discernible en ningún dos carretes, e un narrador le unha descrición da cor e da estrutura de cada flor no momento en que tería que saír na pantalla. O filme é un testemuño de algo que vai desaparecendo, rexistrado en algo que xa desapareceu. (Margaret Honda)

Copia por cortesía da colección Margaret Honda (Academy Film Archive)

COLOR CORRECTION 
Margaret Honda | 2015 | EUA | 35 mm | 101 min

Color Correction fíxose unicamente a partir das cintas de sincronización dun filme narrativo convencional, omitindo a película orixinal correspondente. O resultado é unha obra carente de imaxes e son que está formada por unha sucesión de cores diferentes, cada un dos cales se corresponde coa duración dunha toma; a historia que levara a determinar esas duracións desapareceu. (Margaret Honda)

Copia por cortesía da colección Margaret Honda (Academy Film Archive)

SPECTRUM REVERSE SPECTRUM
Margaret Honda | 2014 | EUA | 70 mm | 21 min

Spectrum Reverse Spectrum é un filme feito sen cámara, expoñendo cinta de 70 mm a luz coloreada e calibrada con precisión nunha impresora de película, do que xorde un campo de cor uniforme sen liñas de encadramento. A densidade e a duración relativas das cores, que van transitando polo espectro luminoso visible, do violeta ao vermello e volta ao violeta, seguen estes no espectro mesmo. A película, simétrica na súa construción, é a mesma se se proxecta desde calquera dos seus extremos. (Margaret Honda)

Copia por cortesía da colección Margaret Honda (Academy Film Archive)

MARGARET HONDA

MINIMALISMO MAXIMALISTA

A primeira película de Margaret Honda (San Diego, 1961), Spectrum Reverse Spectrum, é de hai dez anos (2014) e está feita en 70 mm. Quen podería pensar en usar o formato de cinema máis grande e espectacular para iniciarse neste? Sen ningunha intención de volver o seu ollar á épica, Honda simplemente viu no 70 mm un material co cal levar a cabo unha idea que xurdiu despois dunha longa carreira dedicada principalmente á escultura (que continúa hoxe). Para facer esta película non se usou cámara ningunha, e Honda declara sen rodeos que non sabe como cargar unha cámara de cinema. E é que o traballo de Honda con este nada ten que ver coa manipulación artesanal do material, senón co pensamento arredor del. E sobre o que significa en pleno século XXI achegarse ao fotoquímico e aos seus procesos, que son os verdadeiros protagonistas das súas películas. 

O programa que presentamos está composto por tres filmes: Spectrum Reverse Spectrum, Color Correction e Wildflowers, en 70 mm, 35 mm e 16 mm respectivamente, cubrindo case todo o espectro de película fotoquímica dispoñible. Spectrum Reverse Spectrum e Color Correction lidan cos procesos de colorimetría do laboratorio, que, baleirados de todo contido, pasan de ser invisibles a constituír o tema mesmo do filme. E Wildflowers trata da imposibilidade de obter imaxes dun tipo de emulsión que xa non pode ser revelada en ningures. Todas estas películas ocúpanse da materialidade do cinema desde este lado da historia, no que o soporte fotoquímico, nun ámbito industrial, semella camiñar cara a unha obsolescencia da que só o salvan os cartos e a exquisitez de cineastas como Nolan, P. T. Anderson ou Tarantino. É así como o traballo de Honda non parece pensar no celuloide desde a nostalxia ou desde o pasado, senón desde a curiosidade de alguén que se achega con ollos novos a procedementos convencionais deseñados para películas comerciais. En certo xeito, pódese coidar que o cinema de Honda trae ao presente as ideas dos cineastas material-estruturalistas, mais cun refinamento distanciado e unha raizame conceptual clara. 

Spectrum Reverse Spectrum consta dun rolo de 70 mm, exposto a luz coloreada nunha optical printer en variacións graduais que cobren todo o espectro visible que a máquina é capaz de producir nun camiño de ida e volta. A película só pode ser proxectada no seu formato orixinal, e a presenza da sala do cinema no seu aspecto máis clásico é parte da experiencia de vela. E así o explica ela mesma, nunha entrevista con Jordan Cronk para Reverse Shot, a publicación online do MoMI: 

Imaxineina, en efecto, como unha experiencia cinemática, e iso é importante por varias razóns. Unha é que eu realmente pensaba na película como algo que sae de toda unha ecoloxía de como sería producida; para empezar, o propio laboratorio. Pero tamén porque é unha película moi difícil de proxectar: non só se precisa un proxector de 70 mm, senón tamén unha pantalla axeitada, que non teña unha ganancia superalta, e ademais alguén que saiba como manexar o proxector. Así que eu pensaba en toda esa xente e na relación existente entre o equipo, os materiais…; todo o que ten que estar no seu sitio para poder ver este filme. A cinta non vai ser dixitalizada nunca. Ha de ser exhibida sempre como película e está construída como un palíndromo, de xeito que se podería proxectar desde calquera dos seus extremos, o cal non se pode facer en dixital. 

Tense descrito como unha película que nos transporta á idea máis pura do cinema e, aínda que o minimalismo da súa proposta nos faga imaxinar un resultado xélido, os que a viron cóntana como unha experiencia sensorial e sensual. 

Color Correction vai un paso máis aló partindo da idea base de Spectrum Reverse Spectrum, que apela aos procesos de colorimetría do laboratorio. Nas películas do cinema comercial existe un proceso chamado gradación da cor, que consiste en equilibrar a cor e a luz de cada toma para que exista unha continuidade entre todas (a temperatura de cor e a tonalidade da luz poden mudar entre tomas dunha mesma secuencia). Para poder facer isto mediante procesos analóxicos, o laboratorio ten que crear o que se coñece como timing tape, unha cinta de sincronización de colorimetría que serve para lle dar ordes á optical printer canto á cor da luz que debe emitir en cada momento, de xeito que se poida obter así unha copia de cor equilibrada e uniforme. Para Spectrum Reverse Spectrum o laboratorio tivo que crear unha timing tape, e isto é o que lle deu a idea a Honda. O que fai en Color Correction, logo, é retomar a idea do readymade ou obxecto atopado, pois o que vemos na pantalla son as ordes de colorimetría da timing tape dunha película comercial, mais sen a película. A duración de Color Correction vén dada por esa película (cuxo título ignoramos). Por suposto, o filme recorre ao formato estándar do cinema industrial, o 35 mm. O enxeño da operación de Honda expón, por outra banda, a magnitude case metafísica de pensar ao vela que a súa base é unha ficción, coa posibilidade e imposibilidade implícitas de imaxinar as secuencias que orixinaron esas ordes colorimétricas. O cinema de metraxe atopada foi, así, un paso máis aló. 

O pensamento de Honda a partir disto expándese por outros medios: no seu recente 6144 × 1024 (2018) xoga con estes termos no dixital, botando man dos seus procesos grazas a un programa xenerativo que vai creando en vivo todas as posibles combinacións de intensidade e de luz e cor que pode dar de si un proxector dixital. 

O equipo de rodaxe desta Spectrum Reverse Spectrum e desta Color Correction son, logo, os técnicos do laboratorio FotoKem, de Burbank, en California (un dos dous únicos laboratorios do mundo que traballan con 70 mm), que son as persoas ás que Honda lles encomendou materializar os xestos que constitúen eses dous filmes. A terceira película que mostramos, Wildflowers, alude doutro xeito á obsolescencia da que antes falabamos, pois foi filmada en dous rolos caducados do hoxe extinto stock de cinema reversible Kodachrome, que hoxe só se pode revelar como negativo de branco e negro. Usar unha emulsión arquicoñecida pola súa cor, sabendo que esa cor non ía estar aí, filmando un motivo colorido como son as flores. O resultado xamais podería ser predito por Honda, e iso é precisamente o que importa nesta película, que fala, deste xeito, dun mundo que se atopa en vías de desaparición, sen rastro de sentimentalismo. 

Vemos entón como no cinema de Honda, para alén dos resultados, o que conta é o pensamento que orixina o xesto e o rigor dunha proposta que, nestas tres películas, leva o minimalismo á súa máxima expresión como experiencia cinematográfica.

Elena Duque